sexta-feira, agosto 29, 2008

Actancialidade (e outras paranoias)

Moitos dos pensadores que admiro son certamente escépticos da actancialidade humana. Sobretodo dun modelo idealizado, romántico e burgués do individuo activo, xenial, creador, arrastrador das masas, vangardista. É algo que ven de lonxe, e no que artellan unha tea de araña de sorprendente consenso dende os escritos teóricos de Marx, pasando pola Historia Total do Braudel, as reflexións literarias de Trotsky ou o rexeitamento irónico do suxeito do mâitre Foucault.

Pequeno Catecismo, ou micro-escolma de textos ao respeito:


"Se estas disposicións desapareceran tal e como apareceron, se, por calquer acontecemento cuxa probabilidade podemos cando moito presentir, mais cuxa forma e promesa non coñecemos polo de agora, oscilaran, como o fixera, a fins do século XVIII, o chan do pensamento clásico, entón podería apostarse a que o home esluiría, coma nos límites do mar un rostro de area"

M. Foucault, Les Mots et les Choses

"É por iso que cando penso no home individual, sempre tendo a imaxinalo prisioneiro dun destino sobre o que apenas pode exercer influxo algún, pechado nunha paisaxe que se estende antes e detrás del nesas perspectivas infinitas que chamamos da longa duración. Na análise histórica (...) imponse sempre o tempo longo. É un tempo que aniquila unha gran cantidade de acontecementos (...); limita, sen dúbida, a liberdade dos homes e incluso o papel do azar".

F. Braudel, La Méditerranée et le Monde Méditerranéen a l'époque de Philippe II

"Os homes fan a súa propia historia, mais non nas condicións que a eles lles gustarían; non a fan baixo circumstancias que eles mesmos escollen, senón baixo as circumstancias xa existentes, dadas e transmitidas polo pasado. A tradición de tódalas xeracións mortas pesa coma un pesadelo sobor dos cerebros dos vivos".

Karl Marx, Der achtzehnte Brumaire des Louis Bonaparte

"Nembargantes, o conflito entre o persoal e o que supera ao persoal non só pode densenrolarse na esfera relixiosa, senón tamén na esfera dunha paixón humana que supera o persoal: o elemento suprapersoal é, por enriba de todo, o elemento social. En tanto o home non se apodere da súa organización social, esta permanecerá suspendida por riba del coma un fado (...). A loita de Babeuf polo comunismo, nunha sociedade que non estaba preparada para el, é a loita dun heroe clásico contra o seu destino".

Leon Trotsky, Literatura y Revolución

Noutra orde de cousas, a noticia de rigorosa actualidade atópase nas sorprendentes e ofensivas palabras, indignas dun intelectual, que amosou Georg Steiner cara as línguas galega e euskalduna (podedes ler a entevista íntegra eiquí). Xa se verqueron ríos de tinta sobre o tema na blogomillo, e un só quere engadir que resulta triste que a intelixencia (tamén o diletantismo) non salve moitas veces da tontice e do descoñecemento, anque de todos xeitos é moito agardar nun intelectual plenamente do centro do sistema cultural (aínda máis que o tan denostado Bloom) que non siga aplicando caducas clasificacións das línguas aptas para a alta cultura ou desterradas do Parnaso literario...

6 comentários:

Anónimo disse...

todo o mundo, aquí, falou da "ofensa" contra o galego, pero aínda resulta máis esperpéntico o que afirma respecto do euskera...

FraVernero disse...

En efecto. Non só iso: ao meu ver (coma comento noutro foro, nunha nota que quizaves pegue tamén eiquí) a xente quedouse co 'Steiner ignora a rica tradición literaria galega', cando o verdadeiramente escandaloso non é eso, senón o mantemento desas absurdas e caducas divisións entre 'linguas de cultura' (europeas, con enorme capital cultural/imperial conxelado nas 'grandes obras' que estudan e len estes intelectuais universalistas) e o reverso tenebroso, o 'outro', as línguas dos salvaxes, onde se verquen tódolos elementos da negatividade lingüística ('pobres', sen literatura, sen vocabulario científico, 'linguas de campesiños', linguas fomentadoras do balcanismo, da división, do odio, linguas locais e paletas, sen visión mundial). Todo un repertorio de negatividades que moi sutil (e irresponsábelmente) fai caer o sr. Steiner sobre o euskera.

Moncho Pais disse...

Buh! A frase de Braudel é lapidaria! Tremenda! Mais é unha grande verdade. Os mortos sempre están entre nós. Alo menos a súa herdanza...


Unha aperta forte!

Leopold Bloom disse...

Lo de Steiner tiene miga. Me recuerda un poco A Satre en " Qué es la literatura" diciendo sandez tras sandez. Realmente en la entrevista hay perlas de un esencialismo peor que el de Bloom...

Unknown disse...

Volvo mal que ben á normalidade Fra. Xa che contarei. Hasme desculpar tan longa absentia e tanto silenzo, pero ás veces -ben o sabes- é preciso o illamento para poder rexurdir. Que che vou contar que non saibas?
Bicos e grazas por te manter aí, aparte. Cando veñas por Compostela non deixes de chamar, apetécenme as túas filosofadas e a túa óptica vital.

SurOeste disse...

Sr. Vernero, faga o favor de poñerse en contacto co seu amigo Blanco que lle dará o meu email porque quero consultarlle unha cousiña. E canto antes mellor.