sexta-feira, março 08, 2013

印章

Alén das lecturas habituais, adico unha parte importante do ocio destes días recentes a tentar familiarizarme con aquelas mostras de cultura que carimbou a UNESCO como "Patrimonio Inmaterial da Humanidade". A lista, que podedes ver eiquí, é ben longa, e cada entrada inclúe un video de entre 3 e 10 minutos de duración, e que resulta de grande axuda á hora de visualizar este grande tesouro de danzas, representacións, espectáculos, artesanías e prácticas sociais que o maxín infatigábel da nosa especie dou tecido en centos de culturas e miles de mentes.

Resúltanme de especial interese varias destas prácticas culturais, algunhas das cales xa teño falado eiquí, ou non: os teatros , bunraku e kabuki, e a música cortesá gagaku do Xapón; a caligrafía, e o guqin de China; o teatro de sombras xavanés (Wayang Kulit), a artesanía do Kris -a daga malaia- ou as telas Batik de Indonesia; os debuxos na area das illas Vanuatu, a Ópera Tibetana, os ritos coreanos no templo de Jongmyo, as cerámicas romanesas de Horezu, as alfombras de Azerbaiján... Mais de entre todas elas, destaco hoxe a sixilografía chinesa.

Os selos son unha mostra cultural e artística que me gorenta en tódalas culturas, e falar deles trae á mente as pezas cilíndricas de Sumer e Akkad, os aneis romanos con xemas e gravados, as pezas medievais enriba da cera, ou as exóticas mostras minoicas e micénicas de estrañas figuras. Mais só entre os asiáticos se mantén como arte viva a elaboración de selos persoais de coidada manufactura, materais escolleitos e caligrafía fermosa e arcaizante.

Eiquí vos deixo o video, por se gustades, e por se rematades, coma mín, planeando mercar unha destas pezas nun futuro indefinido.  


Sem comentários: