quarta-feira, agosto 15, 2007

London Bridge is falling down...

Prometía unha presada de verbas sobre a estadía londinense, e malia sentirme preguiceiro (despois de todo, estoume tomando unhas vacacións das miñas estresantes ídem), velaiquí tedes o máis suliñábel dese día longo entre aeroportos que foi para mín o sábado-domingo...

A primeira hora da mañá liscaba de Tartu. A caseira ergueuse, contra a miña vontade, tamén ás 5 da mañá para facerme un café co que espabilarme cidade abaixo cara a estación de buses e coa mochila a costas (demasiado pobre para pagar un taxi para media hora de camiñata, claro). Merco uns caramelos doces para ir zugando no camiño e na longa viaxe (catro horas e media) ata a capital veciña; consigo rematar o repaso do Paradise Lost. Cando o sono non me abafa, son quen de atacar pequenos parágrafos da noveliña 'Estado Fronteirizo', de Tõnu Õnnepalu, anque o cansazo pesa máis, e remato por limitarme a contemplar a paisaxe báltica que corre a velocidade moderada pola xanela.
Chegado a Londres, estoupa o desastre: as coroas que levo enriba dan tan só un total de 2 libras (máis outras 4 que tiña acumuladas case por casualidade). Tento sacar diñeiro coa tarxeta, e despois de peregrinar por varios caixeiros, vexo que non soltan prenda. Faltan 16 horas para o voo de regreso a Santiago, e empezo a supoñer que, en vez de co amigo que tiña na capital inglesa, as vou a ter que pasar no aeroporto de Stansted, lendo libros e manténdome medio esperto, para que non me rouben a camisa, a roupa interior e os volumes que merquei en Estonia. Non hai bancos para deitarse estilo homeless, pero as sillas prometen ser cómodas se a policía non me ven a botar, por sospeitoso terrorista ou mendigo. Por se acaso, gasto as últimas libras en chamar ao banco e descubro que pasei o tope mensual da tarxeta (tivera que sacar 500 euros en Estonia... Non era broma cando dicía aquilo de 'Estou arruinado!'...). Outra tanda de chamadas e o tempo xusto para facer as maniobras que me permiten dispoñer dalgo máis de liquidez e, polo tanto, da posibilidade de facer algo por Londres con David, un dos comparatas responsables da debacle oriental. Vou afiando os coitelos...
Seguen varias viaxes en autobús e en tren. Atopo a David máis delgado (despois confesaríame que fai unha vida realmente anacorética na Gran Cidade) e co inglés moi mellorado. Síntome raro falando e pensando en galego por primeira vez nun mes. Deixo a equipaxe no seu piso, nun Londres multicultural de arquitectura burguesa-victoriana, perruquerías afro-inglesas e taxis ilegais pakistanís. O discurso sobre os seus veciños faime ver ao amigo Souto como un posíbel votante do BNP de non ser porque o mesmo David é galego, e moito máis 'delincuente' do que os marxinados locais, opinión corroborada cando me explica as súas tácticas para non pagar nos cafés e museos e para pimplar libros das librerías. Os seus argumentos autoxustificatorios son cómicos, pero non me convencen demasiado ("Zapatero non me dá becas! Recortou os cartos! Tiven que vivir con un euro diario de presuposto!").
A vinganza é un prato que se come frío. Neste caso, quente. Moi quente. Tralo Tate Modern e un longo paseo pola City, persuado a David para que vaiamos comer un curry e logo a unha función shakesperiana no reconstruído Globe. O curry está boísimo, e arríncame bágoas non tanto pola nostalxia proustiana, senón polo picante e as especias. A factura é de carallo (20 libras por cabeza), o que se xunta aos 15 por barba do teatro. Souto fica abaneando, lamentando (e aínda agora, cando o topo polo messenger...) que con esas 35 libras comía kebabs tódolos días, e que agora ten que subsistir a base de aire e plátanos roubados...
A obra foi 'O Mercader de Venecia', unha peza complexa e controvertida da que prometo aburrirvos un día destes coas miñas reflexións sobre os seus problemas... O edificio era kitch, e prometía recreacións case de época para os turistas, que se viron satisfeitas a medias.
Xa só quedaba non durmir, pasear un pouco máis e facer o complexo encaixe de Camariñas do transporte nocturno: primeiro un bus, logo outro bus, logo baixar porque pasara a parada e tiña que coller o bus en destino oposto. Montar nun bus meirande cara o aeroporto e liscar definitivamente para Compostela e a Serra de Outes, a durmir e a comer churrasco...

domingo, agosto 12, 2007

Miña casiña, meu lar...

Xa estou de volta! Bendito teclado! Detrás fican unhas cantas horas de viaxe dun a outro estremo de Europa, e unha breve e refrescante ducha. Por diante está o churrasco, altas doses de cafeína e irme poñendo ao día do acontecido por eiquí e na blogosfera.

Se a cafeína fai milagres, contade con ter hoxe á tarde unha crónica da breve estadía de onte/hoxe á mañá en Londres.

quarta-feira, agosto 08, 2007

Periplo en Tallinn

A fín de semana, como vos anunciei, estiven pola capital do país. A miña primeira intención era a de subir á cidade o venres pola tarde, mais causas alleas a mín retivéronme en Tartu ata o día seguinte, pola mañá. Na viaxe de bus (dúas horas e media polas chairas estonias) seguín coa lectura de Milton e da paisaxe.
Despois de chamar a Ruth, quedamos ás doce e media na Praza da Liberdade, xusto ás aforas da Cidade Antiga. Dende o lugar podíanse aprezar algunhas das torres da muralla medieval (Tallinn conserva arredor de 40, moitas delas reutilizadas como mini-museos, alén de lenzos considerábeis da muralla). O paseo, tralo feliz reencontro dende o congreso de Kiel, levounos pola Cidade Vella (Vana Tallinn, que tamén é o nome dun licor para turistas doce e de alta graduación), coas súas torres e prazas, rúas encaracoladas e cobreguexantes e formas vagamente xermánicas na arquitectura. Moito turismo e lugares kitch. Refuxiámonos nunha pequena terreza e coa compaña dun par de cervexas frías, parolamos dos vellos e novos tempos. Daí saquei varias curiosidades:

1- Un profesor de instituto gaña eiquí máis cartos ca un universitario.
2- os Estonios independízanse con 18 anos. Trala Universidade, non soen retornar case nunca á casa.
3-Vendendo tickets de ferry fai uns anos, Ruth gañaba máis cartos que a súa nai, que é medico...
4- Non é estraño topar a xente que vive en pisos dunha habitación e forte recendo soviético (aquelas vivendas estandarizadas construídas na época de Khrushev...).

Despois a tarde foi seguir vendo máis igrexas, gremios e rúas. Escaleiras medievais e empinadas da Igrexa de San Olaf, no seu tempo a torre máis alta do Báltico, con vistas espectaculares ao chegar arriba. A colina onde se asenta o goberno e o parlamento de pazos neoclásicos e a catedral claramente rusa de Alexandr Nevsky, que fai tempo creou polémica ao encabezar a portada dunha gramática estonia en inglés (é que os anglosaxóns meten todo no mesmo saco, e moitos pensan que o estonio foi inventado despois de 1991, coa segunda independencia). O máis encantador curruncho da cidade vella agocha despois un café sobre adoquíns irregulares no que disfrutar un té verde e un anaquiño de tarta de froitos vermellos, mentres un trío musical de violín, cello e mini-piano ataca pezas clásicas que recrean unha atmósfera de cabaret ou comezo da Lista de Schindler. O Mantedor raña nas 11 picaduras de mosquito conseguidas o día anterior... Segue un local de jazz totalmente deserto (segundo Ruth, parece que este tipo de sitios non callou entre os nativos) e probar o beberaxe local. Viaxar en troll (así lle chaman a unha especie de tranvías sen cables por arriba) ata o piso que Ruth xenerosamente me emprestaba, cun sofá-cama na sala de estar/dormitorio. Antes de durmir falamos algo máis de literatura estonia e universal (sobretodo dos libros que tiña no piso, cun canon moi parecido ao meu), alén de baleirarmos a medias unha botella de viño sudafricano.

[por certo que a embaixada española é un edificio feísimo, xa que ao contrario que outros países, non quixeron gastar cartos en Estonia. E non a abriron ata que o país entrou na Unión Europea...]

O Domingo tocou visitar museos. Primeiro algunhas das torres e anacos da muralla. Logo, o claustro dos Dominicos, en ruinas, que é o edificio máis vello da cidade (século XIII). A monxa dounos un circuliño de metal que acuñamos logo artesanalmente e a golpe de martelo, creando ao tempo un bonito e permanente recordo da visita. Unhas cantas escaleiras empinadas e unha Danza da Morte particularmente fascinante, xa que a outra que compuxera o artista alemán ardeu en Lübeck no 1945 (xa vos falei desa visita, cos vidros restaurados recuperando en parte a imaxe da anterga Totentanz). Pasear por barrios de casas de madeira, case únicos en Europa, parques e castelos barrocos restaurados, vistos tan só por fora xa que as presas e a falta de tempo levan ao Museo local de Arte Conteporánea. Dúas exposicións captan a miña atención: unha dun artista estonio de entreguerras, moi surrealista e con aroma parisien, e outra cos cadros socialistas que tanto afagan o meu pervertido padal...

Xa ficaba tan só mercar un libro de poemas experimentais da contracultura antisoviética dos 60, visitar as portas da cidade e ver de lonxe o único edificio de arquitectura estalinista antes de emprender o retorno a Tartu, contente e totalmente arruinado polos altos prezos da cidade.


A frase de hoxe ven da lituana, que con timidos ollos de gacela me espeta: "I like you"...

quinta-feira, agosto 02, 2007

Minima

Pensaba inserir unha táboa coa rutina cotián do Mantedor por estos lares, mais síntome preguiceiro, e xa escoitáchedes queixas dabondas...
Onte leváronnos de visita ao Museo dos Xoguetes da vila. A casa mesma parecía de xoguete, e dentro topabas unha variedade envexábel, anque cun regusto soviético nos productos locais. O mellor foron as marionetas orientais, xa que -non sei se o sabedes- un dos soños frustrados de FraVernero (alén de manexarse ben en latín, a Revolución Socialista e ser amado) é o de aprender a manexar as pezas xavanesas no Teatro de Sombras, o Wayang Kulit, e montar con elas un pequeno teatro por terras galegas.
Hoxe estamos conspirando sobre se ir ou non mercar xelados na Kaubamaja, que ben a ser un centro comercial digno dalgunhas páxinas de Saramago... Aínda non fun ver a pelicula dos Simpsons. Unha das poucas cousas boas de estar eiquí é a posibilidade de vela en versión orixinal...
O venres, despois das aulas, lisco para Tallinn. Ruth agarda na parada de buses, e cun pouco de sorte, vai facerme de guía local, alén de proporcionarme aloxamento a un prezo que non podo rexeitar: nada de nada no seu piso. Non todo ían ser desastres, non? Do que vexa, xa vos contarei...
Polo momento, nada que engadir. Confío en visitar as celas da KGB con Jaak e en voltar a quedar unha tarde con Jüri. A segunda fornada non ten xente de moito interese. Hai un trío de escoceses, bulgaros, unha parella de Letonia bastante peculiar, unha inglesa linda que traballa para a European Comission e fala perfecto estonio (xa sei o anterior sona oximorónico, pero é verdade...), unha parella de franceses e outros a engadir. O verdadeiramente interesante é unha lituana ratuna e lista coma un allo que me resulta notoriamente atractiva. Neste caso, a vena narcisista triunfa sobor da superficial: o espello en que me vexo reflectido, ou no que creo verme reflectido, é pasto da fantasía...
Seguiremos outro día...