Mostrar mensagens com a etiqueta Amor. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Amor. Mostrar todas as mensagens

sábado, dezembro 15, 2018

My Tess

Uns días atrás, co gallo da ponte da Constitución, aproveitei para facer unha visita rápida ao Reino Unido e pasar un tempo cos familiares que teño alá. Porén, unha das xoias que rescatei de xeito imprevisto foi esta foto do meu primeiro colexio anglosaxón, o Corpus Christi de Boscombe, alá polo curso 1989/90. 


Anque en xeral gardo boas memorias escolares, este grupo e este ano académico son os que acubillo con máis afecto nos recunchos da miña memoria por varias razóns. Unha delas é que era un estudante bastante popular e aprezado polos meus compañeiros (algo que poucas ou nulas veces había acontecer despois); outra é que entre esta tropa xurdiu o primeiro dos meus mellores amigos, Darren (comezando dende atrás, de esquerda a dereita, o cuarto rapaz da segunda ringleira), que foi case coma un irmán para mín e do que lamentei amargamente ter que separarme naqueles días anteriores ás redes sociais cando o cambio de país implicaba unha ruptura total de contactos. 

A terceira razón tamén ten nome, apelidos e posición na foto; na terceira ringleira, en sexta posición, podedes ver sentada a Teresa Frith, a primeira persoa da que o Mantedor estivo tolamente namorado (head over heels, coma din os ingleses), cunha desas querencias limpas, puras e infantís que só son posíbeis denantes da pubertade e son pasto da nostalxia no devalar adulto. O afecto e a persoa só vivían dende moitos anos atrás no máis profundo do meu maxín, fosilizado en imaxes fermosas coma flores topadas entre páxinas dun vello libro, serenas coma o silencio que segue ás badaladas dunha igrexa rural e afastada; mais grazas a esta descuberta podo volver a poñerlles carne (ou celuloide), comprobando que o recordo, que é traizoeiro, non mentía desta volta.

Van case trinta anos dende que se tirou esta estampa. Gorentaríame moito volver a conectar con esta xentiña -con todos-, e máis que nada, volver a saber do Darren e da Teresa, de cómo lles foi a vida, e quizaves quedar nun futuro imperfecto e non moi lonxano a tomar unha pinta con eles e parolar un chisco. Co primeiro xa contactei: acabou traballando de actor e agora vive en Polonia. Coa segunda, xa se verá.

segunda-feira, julho 05, 2010

amor é enfermidade


A Lois Pereiro descubrírao o Mantedor anos atrás por mediación dunha rapaza hippie da que estaba tola e inútilmente namorado. A cinza daquel incendio fica seguramente nunha ledicia mutua pola rescate dunha das figuras poéticas máis interesantes que deron as nosas letras nos últimos anos...

O desamor, brutal amputación
ou atrofia dun soño maltratado,
debería ser sempre un íntimo ritual
representado en salas clandestinas.

Interpretando orgánicos monólogos
recitaríamos con fluidez a dor interna
dos nosos tristes ósos
cando o amor se dilúe en hemorraxias
de líquidos desexos
abortados.

sexta-feira, fevereiro 23, 2007

O Amor - Jüri Talvet

é mandamento, así pensaba
Kierkegaard. Mellor será
-penso eu- amar, sen facer
caso dese mandamento.
Recoñecéndose
a alma coa alma,
respostando
o sangue ó sangue,
sen saber, en pleno
voo -cara arriba
ou cara abaixo-,
cal será
o lugar de destino.

domingo, janeiro 29, 2006

Íntimo e indiscreto (II)

Unha pantasma percorre Europa -non, dende logo, a do Comunismo; ben sabemos xa do naufraxio dos metarrelatos, e de como a escuma dos días conversa en praias remotas con taboas apodrecentes-.
É o frío.
O bafo dun espírito maligno sopra dende Siberia, e as súas verbas tecen un manto de neve. Branca, fermosa, hipnótica.
Rescato a emoción dunha tarde, xa fan moitos anos: nevaba en Compostela. Durante horas contemplo a caída das folerpas detrás dos vidros do meu antergo piso.
Desconfío da brancura. Ben o sabía Melville, e deixouno cifrado no capítulo 42: "Da branqueza da Balea".
Tamén desconfío de tí.
En xeral, os meus soños, por interesantes que sexan, non teñen tendencia a repetirse. E menos aínda a repetirse contigo ocupando o espazo da Amante. Anque tamén é certo que antes non che coñecía, o que dificultaba notoriamente a túa invasión.
Estabamos nun xardín frondoso. Árbores e cursos de auga. Dalgún xeito, percibo uns muros e paseos na lonxanía (estamos, logo, no paraíso - avéstico pairidaeza, xardín pechado).
No primeiro plano, un banco de pedra. E a catedral de Santiago.
Convén aclarar ese estraño ser-e-non-ser das cousas do mundo onírico. Porque o pequeno edificio que tiñamos diante -anque fose unha igrexa minúscula, de portada románica- era a catedral de Santiago.
Xogueteamos no banco. Mancábache lixeiramente. Por uns instantes, souben que o desexo fora arrebatado en carro de lume. E ti con el.
Polo que entrei no templo. Por suposto, o interior era moito máis grande que o exterior, e dunha decoración ao estilo do barroco brasileiro: neno Xesús de Praga, abundancia de estucos, dourados e florituras; flores reais e de escaiola. A igrexa está ateigada. Fabrico unha máscara de sorriso sardónico e ton enfermizo; converso animadamente co público na hora da comunión.
E como no soño previo, a igrexa vaise tornando paseniñamente nunha biblioteca. Anaqueis de libros correndo daquí para alá.
Non me malinterpretes. O meu concepto do paradisíaco certamente inclúe libros. Sería algo así como os fondos de Historia ou Filoloxía: olor a rancio, ringleira tras ringleira de volumes, pouca xente e todo o tempo do mundo. Como un é carnal despois de todo, tamén farían falta discretos cubículos apartados por veos de muselina onde disfrutar de huríes e ríos de mel e opio.
Nembargantes, desacóugame o lugar que últimamente ocupan as Igrexas/Librerías nos meus soños: estraño interludio entre momentos de erotismo.
Xa me explicarás o que quere dicir...
Despois camiñábamos xuntos. O resto é indiscreto. Digamos tan só, coma Othello que

"She gave me for my pains a world of kisses"(I.iii.157–158)

Agora, agardo unha explicación. Despois de todo, algúns pobos consideran o Mundo dos Soños tan real coma o Mundo da Vixilia. E teño dereito a esixirche que expliques esta entrada de cazadora furtiva.
E como mínimo, unha de dúas: ou unha disculpa ou unha declaración de amor. Coma o Desexo e máis eu somos persoas moi mal avenidas, sospeito que será o primeiro. Mais a esperanza é o último que se perde, ¿non?.
Mentres agardo, pérdome. No Labirinto da Espiral de Tinta que Tan Ben Coñeces poderás atoparme cando queiras...
Pero non tardes moito. A paciencia e unha das numerosísimas virtudes das que carezo.

Bicos

Eu.

P.S.: Caso de que necesitaras algunha outra pista para auto-recoñecerche, recoméndoche que a busques no poema 'Concerto Barroco' de Ramón; daraste conta que o cadro lírico que describe non era moi desemellante ao que nós mesmos trazamos.

segunda-feira, janeiro 23, 2006

Intimo e Indiscreto

Baixo un titular tan á maneira de Jane Austen quería fiar hoxe algunhas reflexións arredor da chegada ao vixesimo-sexto Inverno do meu Descontento.
Parece mentira que unha persoa aínda nova lle dé tantas voltas ao problema de envellecer. Non ha de ser inocente quizaves o influxo zodiacal: os Capricornio temos sona de Saturninos (é o noso planeta rexente; e as túnicas longas, reloxos de area, fouces e carros tirados por dragóns non son símbolos que animen precisamente á xovialidade e esperanza...).
Maiores culpas acugulan as miñas tendencias enfermizas cara a nostalxia e a autocompaixón. E nembargantes, as nosas virtudes e defectos soen ser as dúas caras da mesma moeda: a fronteira entre a nostalxia aguda e o amor paixonal polo coñecemento do pasado (persoal ou non) ven a ser, no fondo, difícil de trazar. Ámbalas dúas funcionan ben como fontes de inspiración (estou pensando en textos melancólico-críticos, como as excelentes novelas de Mervyn Peake e o castelo de Gormenghast).
A sensación de vivir sobre tempo prestado, e o cambio inminente e non desexado... Ou o recoñecemento de que xa é hora de resolver os flecos pendentes, e o temor paralizante...
A miña traxicómica vida sentimental, por exemplo. Hai coma un frío de pedra que nos vai invadindo polos pes, insensibilizándonos pouco a pouco. Se deixamos que a rixidez da cicuta se apodere dos nosos membros, acabamos cedendo ao Tempo e deixándonos apreixar na comodidade das nosas vidas de ámbar e as súas pequenas ledicias rutinarias.
Os soños...
Os soños, por exemplo. No meu caso, soen ser agradables e creativos, e máis pracenteiros que a vida-de-día. Son serios competidores dos libros, da música, das películas. E o seu consumo dá moitísimo menos traballo.
Misturando un pouco de todo: o outro día soñei coa miña primeira moza: unha rapaza encantadora, comunista, intelixente, do 'Arrabaldo do Norde', San Sebastián de los Reyes. Como en tódolos soños que se precen, o seu remate viña dado por un bico, co subseguinte espertar...
Mais abonda de lavar a colada. Para os curiosos da miña vida persoal, esta pequena dose de indiscreción terá que chegar por un tempo. Para os demais, paciencia con esta pequena auto-indulxencia...
E para Tania, onde queira que estexas, ti que nunca lerás estas liñas, os mellores desexos de felicidade.
E un bico.