Mostrar mensagens com a etiqueta Posmodernismo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Posmodernismo. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, junho 07, 2010

Dúbidas

Sempre son un mar delas, mais últimamente hai dúas que me rondan a mente, e que xeran as súas correspondentes preguntas. O par afecta ás política do presente, anque de xeito asimétrico. Son:
1) Resulta relevante (non digamos xa, convincente) que o PSOE acuda para xustificar as súas políticas económicas ao argumento de que estas lle veñen impostas, e que Zapatero aborrece ter que aplicalas? Persoalmente, sempre tendín cara unha ética materialista, valorando o que se me fai á marxe das intencións. É posíbel que o antidisturbios que teña enfronte sufra realmente por darme unha malleira, pero se tanto sufre podería mallar no seu propio lombo e deixar a porra de goma tranquila...
2) Hai algún defensor do discurso e das políticas posmodernas que sexa quen de explicarme cal é o seu elemento mobilizador, unha vez que (pace Foucault e Nietzsche) se renunciou a que o discurso dun é máis verdadeiro e xusto que outros? Porque se non se cre nos metarrelatos (incluído o da Ilustración, con todo o seu ronsel de Liberté, Egalité, Fraternité) e todo son meros xogos retóricos e de poder, entón eu estou máis cómodo cultivando o meu ocio e pracer sen meterme en problemas, ou como moito, participando de xeito egoísta tan só nas causas que me afectan directamente, alén da súa virtude e verdade...

sábado, abril 18, 2009

Bud e Terence - Carnavalesco Bakhtinián

Ando liadísimo estes días, ate o extremo de que o tempo para meter novas entradas é moi limitado. Mais que colarvos novos anacos das miñas lecturas, deixo caer este momento glorioso de saxo e de jazz do filme Non c'è due senza quattro de Bud Spencer e Terence Hill, e outro máis que tedes na xanela, abaixo. Ámbolos dous son herdeiros de tradicións de arte popular (e populista) que un case podería retrotraer á Commedia, ás Atelanas e á mitoloxía greco-latina. O nexo con Bakhtin e o carnavalesco é para mín tamén evidente, sobretodo na ínclita segunda escea, onde a subversión das diferenzas de clase, xénero e raza remata cunha orxía (musical) e todos na piscina: E' l'ora del bagnetto, tutti in piscina! (virtual).


sábado, janeiro 03, 2009

Anxo Abuín - Escenarios del caos

A cidade posmoderna é unha cidade porosa ou discontinua, coma soubo ver Giandomenico Amendola: "Xa non existen visións ou proxectos totalizadores como a torre, o panorama, a vista a voo de paxaro, o cadro dos paisaxistas ou as imaxes dos pintores renacentistas. A grande metrópole contemporánea escapa á visión global, sustráese á posibilidade de ser apreendida polo individuo" (Améndola, 1997:38). Fálase así da cidade bricolage, ou cidade feble, como sistema indeterminado, anárquico e caótico de signos, de cidade porosa, discontinua, fragmentaria, episódica e incoerente na que o caos e o azar marcan as relacións entre o suxeito e o seu contorno. O lugar como cualidade central foi sustituído polo "non-lugar da metrópole difusa e da cidade inmaterial de redes", máximo expoñente da supramodernidade. Por outra banda, todo fica dominado por un pacto colectivo de simulación, como diría Umberto Eco emulando ao Rousseau de Émile. A cidade tornou escea, e 'ata resulta difícil falar de distorsión da realidade, posto que falta un parámetro de validación ao cal facer referenza" (Améndola, 1997: 85). Coma en Blade Runner, é imposíbel diferenciar ao replicante do humano. Na cidade posmoderna a experiencia cotiá tornou irrecoñecíbel, ameazante e perversa.

segunda-feira, agosto 25, 2008

Reseñas - Storming the reality studio

Antes de atacar a Méditerranée (fican arredor de 150 páxinas), o Mantedor tivo tempo de asaltar á abordaxe algún outro volume dos que soe pedir por correo aos territorios transatlánticos. Como o tema elegante dende a estadía en París revira arredor dos que levan a etiqueta 'ciber', un dos que me atraeu (o debuxo da portada tamén axudou moito) foi o de Larry Mc Caffery (ed.) 'Storming the reality studio', baixo sub-titulo 'un libro ilustrativo (casebook) da ficción Cyberpunk e Postmoderna'.

O volume resulta ser unha antoloxía de textos e fragmentos en dous bloques (o literario e o teórico) cos que o editor/escolledor, o señor Mc Caffery, pretende representar a tese que da senso ao libro e que resume o título e a introducción, a saber: que indo cada un pola súa conta e sen contacto co outro, xurdiron liñas comúns e inquedanzas semellantes entre o subxénero da Ciencia Ficción que é o Cyberpunk (e nas artes afíns que se apropiaron tamén desta etiqueta) por unha parte, e no pensamento e a literatura 'Postmodernos' pola outra. É unha tese coa que non podería senón estar máis dacordo. E nembargantes, o libro, malia a innegábel calidade e interese dalgunhas das súas escollas, remata por dar unha impresión lixeiramente contraria á que é a súa liña principal.

Quizaves isto resulta inevitábel do seu carácter como escolma de textos. Unha estratexia que ten elementos positivos, sen dúbida (visión xeral do tema, ampla bibliografía, pequenas mostras literarias e teóricas que abren o apetito para continuar lecturas por aí), pero que tamén evita artellar unha sólida perspectiva global que lle dea algo de carne ao esquelete das ideas unificadoras. Lendo a antoloxía sen consultar os nomes dos autores, un ten a impresión de que resulta moi doado, marcadísimo, demasiado doado, distinguir aqueles textos 'posmodernos' (anacos de Pynchon ou de DeLillo) dos cyberpunkarras (Gibson, Rucker, Sterling...). O mesmo pasa cos ensaios teóricos, onde o estilo máis directo e ao tema duns desentona claramente coa alta teoría ximnosofista dos Derrida, Lyotard, Jameson ou Baudrillard. Ao mesmo tempo, o 'ton' e a calidade de cada anaco (como non pode menos que acontecer nunha escolma) é moi irregular. Temos intervencións lúcidas e clarificatorias sobre o tema, anque ben poucas (os propios artigos de Mc Caffery, de Bruce Sterling, de Mc Hale), 'clasicos da teoría', e logo artigos totalmente descolocados. Notoriamente, hai un dese profeta desnortado que é Timothy Leary e que non pinta nada neste volume, malia agocharse sob o título de 'The Cyberpunk: The individual as reality pilot'; as súas liñas redúcese a lugares comúns fóra do tema -o seu mesmo concepto de Cyberpunk non ten nada que ver co significado habitual da palabra, caendo nos tópicos gastadísimos das 'drogas, o pensamento independente á marxe do poder' e outras hippiadas lisérxicas propias dos anos 60, e non dos 80 (a década do Cyber).

Globalmente, o libro merece o aprobado (sobretodo, como visión panorámica xeral e polo descubrimento dalgúns autores curiosos), mais quen busque unha maior solidez argumental terá que recorrer a outros volumes, unha mostra dos cales podería ser 'Cyberpunk and Cyberculture' de Dani Cavallaro, ou 'Terminal Identity', de Scott Bukatman.

quinta-feira, abril 17, 2008

Edward W. Soja - Postmodern Geographies

O reto político para a esquerda posmoderna, tal e como o vexo eu, esixe primeiro o recoñecemento e conseguinte interpretación da drástica e con frecuencia confusa cuarta modernización do capitalismo que actualmente está a ter lugar. Cada vez fica máis claro que esta profunda restructuración non pode ser comprendida política e prácticamente co emprego tan só das ferramentas convencionais e as descubertas do moderno Marxismo ou da ciencia social de matriz radical. O cal non significa que esas ferramentas e descubertas teñan que ser abandonadas, como tantos dos que militaban na esquerda moderna apresuraron a facer. Pola contra, deben readaptarse dun xeito flexíbel para afrontar dun xeito máis efectivo o capitalismo contemporáneo, que á súa vez tamén se está a tornar máis flexíbel e a reconstituírse de xeito adaptativo. As políticas posmodernas reaccionarias do Reaganismo e do Thatcherismo, por exemplo, deben ser confrontadas directamente cunha política posmoderna ben informada de resistencia e desmitificación, unha que sexa quen de arrincar o veos enganosamente ideolóxicos que actualmente están a reificar e obscurecer, en novas e diferentes formas, os instrumentais restructurados da explotación de clase, de xénero e de raza, a perda de poder cultural e persoal, e o deterioro medio-ambiental. Por forza non debemos abandonar o debate arredor dos perigos e das posibilidades da posmodernidade, xa que está en xogo o facer tanto da xeografía como da historia.

quarta-feira, março 28, 2007

Salt Lake City - Jean Baudrillard

Na liña da pequena homenaxe que fai uns días insertábamos co gallo da morte do intelectual francés, hoxe podedes ler esta traducción dun anaquiño do seu libro 'America', unha peza curiosa, mistura de postais hilarantes e poéticas observacións sobre a que Baudrillard chama a 'única cultura primitiva que queda - a nosa".

SALT LAKE CITY

Pomposa xeometría Mormona. Marbre por todos lados: funeral, inmaculado (no Capitolio, no órgano do Centro de Visitas). E nembargantes, tamén unha modernidade Los-Angélica (con tódolos chirimbolos necesarios para crear un confort minimalista e extraterrestre). A cúpula coroada con Cristo (tódolos Cristos eiquí están copiados de Thorwaldsen e parécense a Bjorn Borg) parece sacada de Encontros na Terceira Fase: relixión como efectos especiais. De feito, toda a cidade ten a transparencia e a antinatural e alieníxena limpeza dunha cousa do Espazo Exterior. Unha abstracción simétrica, luminosa, todopoderosa. En cada encrucillada na zona do Tabernáculo -todo rosas e marbre, e marketing evanxélico- canta un reloxo de cuco electrónico: tal obsesión Puritana é sorprendente baixo esta calor, no corazón do deserto, a carón dun lago de chumbo, as súas augas tamén hiperreais pola pura densidade do sal. E máis alá do lago, o Gran Deserto do Lago Salgado, onde tiveron que inventar a velocidade de coches modelo para enfrontarse á absoluta horizontalidade... Mais a cidade en sí mesma é como unha xoia, co seu aire puro e a inmersión en vistas urbás máis sorprendentes que as de Los Angeles. Qué brillantez máis chocante, qué veracidade máis moderna amosan estes Mormóns, estes banqueiros ricos, músicos, xenealoxistas internacionais, polígamos (o Empire State de New York ten algo deste mesmo Puritanismo funerario elevado á enésima potencia). É o orgullo capitalista e transexual deste pobo de mutantes o que lle da á cidade a súa maxia, igual e oposta á de Las Vegas, a gran prostituta do outro lado do deserto.

segunda-feira, março 12, 2007

Žižek en Compostela

Sochantre, gosto máis de ouvirche ca de fornicar
Álvaro Cunqueiro



O venres pasado, o furacán Žižek boureaba por Compostela. Podedes topar crónicas do suceso na edición dixital do País e na páxina do Consello da Cultura Galega. Eiquí, pola contra, imos tan só a darlle unha lixeira volta ás ideas, pensamentos, sensacións que o Filósofo-Espectáculo xerou en FraVernero, un dos moitos asistentes ao acto.
O primeiro, confirmar que o esloveno é todo un showman de pes a cabeza, como predicían os videos en rede das súas conferencias. Hiperactivo, suoroso, parecía que acababa de chantarse doce doses de adrenalina nas veas; as ideas escapaban como balas de metralleta ou chispas de cortocircuito, encendendo ao público cunha habilidosa mestura de cultura pop, psicoanálise lacaniá e marxismo vulgaris. Alomenos comigo a súa estratexia de seducción funciona (non será alleo a isto, nembargantes, que a malia os meus denodados esforzos por converterme nunha persoa normal, a mostra de intelixencia estrema excítame do mesmo xeito que a proximidade dunha muller de beleza evidente).
Parte dese carácter espectacular é a que lle leva, supoño, a buscar escaparse continuamente do guión: o texto proposto como tal, que nos colgaran días antes na páxina do Consello foi, por suposto, obviado na súa case totalidade. Unha danza frenética levounos por moitos dos exempla que ilustran sobretodo o seu 'Repetir Lenin', cousa que podía comprobar doadamente calquera que tivese a súa lectura fresca (ou a falla diso, que tivese o libro a mán).
Chamaba tamén a atención o seu forte carácter agonal: boa parte da charla (e do coloquio) incluía unha intensa loita cara a cara coa maior parte dos intelectuais (pos)modernos, incluídos amigos seus. O exemplo emblemático incluiu unha crítica feminista á que ao aparecer puxera a caer dun burro nos seus primeiros traballos e coa que pasou pola situación embarazosa de pedirlle desculpas. Os ataques variaban da benevolente discrepancia (cun Badiou, por exemplo) a unha maior dureza (Hardt e Negri, aos que veu a definir indirectamente coma 'atrapados no pozo cenagoso do pensamento feble e do mesianismo infantil 'a revolución ás portas') ata a descalificación máxima, que se reservou para Emmanuel Lévinas, cuxa ética era equiparada ao 'mal absoluto', ou alomenos, a un proxecto contra o que Slavoj se posicionaba á contra con unllas e dentes.
Un detalle menor que pasou desapercibido, mais que escureceu en boa parte unha das imaxes coas que fedellou o señor Žižek é, ao meu ver, as súas verbas arredor do 'veciño' a coñecer, legado da tradición Xudeo-Cristiá e nó fulcral en debates do Outro. O chiste que se perdía é que a palabra sae dunha expresión feita na Biblia inglesa, que traduce o que nos pasamos por 'Ama ao teu irmán' por 'Love thy neighbour'. Non foi o único problema de traducción, sendo o outro a chapuceira cabina que montaron para a ídem espontánea, coa voz do esforzado homiño escoitándose en toda a sala, sen cascos, case ao mesmo nivel que a do Filósofo. Un eco molesto (e non falamos de Umberto...), o cal sería tamén un xeito breve, en 3 palabras, de definir toda a conferencia do esloveno. Un eco molesto para os defensores da Democracia Liberal, e do pensamento Feble.
Pra rematar, fica aledarse por conseguir levar a Žižek a unha posición algo máis clara e menos contradictoria no que ás súas ideas (e ideais) políticos se refire, xa que tende a ser esquivo como unha anguía ao respeito: provocadores títulos retromarxistas dos seus libros, e coqueteos con imaxes do Stalinismo e cos conceptos do Hismat-Diamat que non esconden unha posición tremendamente crítica co Socialismo Real e coa imposibilidade de repetir algunhas das prácticas do seu legado (algo que tamén se podía sacar da explicación final do título 'Repetir Lenin' no libro homónimo). En definitiva: “Pode que sexa mago”, ironizou o pensador, “pero non teño sombreiro nin coello que sacar del. Fico sendo un marxista no sentido de que o capitalismo global, hoxe por hoxe, aínda ten unhas tensións antagónicas no seu interior e a día de hoxe non foi capaz de resolvelas”.
Mentres seguimos agardando polo Mesías (Benjaminián) e confiamos na estratexia das favelas e do comandante Chávez, déixovos coa imaxe do documental-película que fixo e que me tarda ver.

quinta-feira, março 08, 2007

A Morte de Baudrillard non tivo lugar

Mais lamentábelmente, é certa (alomenos, na implicatura física; como sempre nestas ocasións, fican os seus libros). E non deixamos de sentir como tremenda perda e golpe tenebroso que un pensador tan lúcido nos deixe orfos, sumándose á Santa Compaña dos Finados Postestructuralistas-Postmodernos.
Deixamos na súa memoria unha coroa de espellos fumegantes e unhas verbas extraídas do seu artigo 'Pensamento radical'. Máis adiante recibirá maior espazo e reflexión dos que caben nas fórmulas dun obituario.


"A crenza na verdade é parte das formas elementais da vida relixiosa. É unha debilidade do entendemento, do sentido común. Ao mesmo tempo, é o derradeiro bastión dos defensores da moralidade, dos apóstolos da legalidade do real e do racional, segundo os cales o principio da realidade non pode ser cuestionado. Afortunadamente, ninguén, nen sequera os que o ensinan, viven dacordo con este principio, e iso por unha boa razón: ninguén cre de verdade no real. Tampouco cren nas evidencias da vida real. Sería demasiado triste".

sexta-feira, abril 07, 2006

Intertextualidade

Agora sabemos que un texto non é unha serie de palabras que liberen un significado único, teolóxico (a 'mensaxe do Autor-Deus'), senón un espazo multidimensional no que unha variedade de escritos, ningún deles orixinal, mestura e choca. O texto é un tecido de citacións arrincadas de innumerables centros de cultura ... o escritor pode tan só imitar un xesto que sempre é anterior, nunca orixinal. O seu único poder é o de mesturar escrituras, confrontar unhas con outras, de tal xeito que nunca descanse plenamente en ningún en concreto. Se o que quixese fose expresar o seu ser, debería alomenos saber que a 'cousa interior' que desexa transmitir é simplesmentes un diccionario previamente elaborado, as súas palabras só explicables a partir doutras palabras, e así indefinidademente.

(Roland Barthes, Image-Music-Text)

domingo, março 12, 2006

After Theory - Thomas Docherty

Esta música postmoderna, compositiva, pode retrotraerse exitosamente ao Prelude à l`après-midi d´un faune, de Debussy, que deixou sentada a idea de que era posíbel compoñer sen empregar unha única, sólida clave como fundamento. A música torna, dalgún xeito, desarraigada e desterritorializada, como o escandoloso baile de Nijinsky, os movementos do cal suxerían unha orientación erótica cara o pracer autónomo do corpo implícito nunha desterritorialización. Aínda máis, a música de Debussy, tante nesta peza como noutras, como La mer, cumpre outra importante función máis tarde extendida á música do século XX: o abandono dunha progresión narrativa explícitamente lineal. O que temos aquí é unha música que prefigura os desenrolos da narrativa de autores como Joyce ou Gide, ou máis recentemente, a completa anti-linealidade dos nouveaux romanciers (Robbe-Grillet, Sarraute, Butor, Sollers, Pinget), e o traballo importantísimo e innovador de Wittig, cuxos textos esquivan as narración lineares como unha forma masculinista.
Con Debussy, por suposto, pode un engadir a Stravinsky e a Schoenberg como innovadores nos que se albisca un fugaz destello de posmodernidade. Stravinsky abandoa a clave, sustituíndo ese chan cun asentamento máis explícitamente temporal no ritmo nunha obra como Le Sacré du printemps; e Schoenberg abandoa (ao seu pesar, quizaves) a tonalidade e a harmonía. Estes son os principais feitos no denserolo da nova música e nas orientacións políticas destas obras. Atali argumenta que con Schoenberg, Berg e Webern,

a música forzou á ruptura coa tonalidade antes de que a acumulación económico forzara a ruptura coas leis da economía da representación. A harmonía -o principio represor do real-, despois de ter creado o romanticismo -o principio utópico do real, a exaltación da morte na arte- convértese na morte do arte é destruída polo real. Un exceso de orde (harmónico) dá lugar a pesudodesorde (serial). A antiharmonía é a ruptura do medre combinatorio, ruído. Ao final do significado, integra ao aleatorio, ao sen-sentido, quérese dicir... a repetición.

Para Atalli -e como se podería suxerir, para Lyotard, Baudrillard e outros pensadores postmarxistas- a sociedade actual, ensombrecida pola música da repetición, e unha na que nada pasa, 'coa excepción de pseudoeventos creados artificialmente e violencia azarosa que acompañan o poñer-en-lugar dunha sociedade repetitiva'. O clásico texto teatral aquí é, por suposto, o Agardando a Godot de Beckett, no que os silencios están puntuados por actos de violencia, e toda a peza suxire a súa propia, interminábel auto-repetición, unha repetición que se torna explícita na posterior Comédie de Beckett.

sábado, fevereiro 25, 2006

Carlo Ginzburg - O queixo e os vermes

61
[CULTURA DOMINANTE E CULTURA SUBALTERNA]

En varias ocasións vimos abrollar, por debaixo da profunda diferenza de linguaxe, sorprendentes analoxías entre as tendencias de fondo da cultura labrega que tentamos reconstruir e as dos sectores máis avanzados da alta cultura do século XVI. Explicar estas analoxías mediante a simple difusión de arriba a abaixo, significa aceptar sen máis a tese, insostíbel, segundo a cal as ideas nacen exclusivamente no seo das clases dominantes. O rexeitamento desta explicación simplista implica, por outra banda, unha hipótese moito máis complexa sobre as relacións que se producen neste periodo entre cultura das clases dominantes e cultura das clases subalternas.
Mais complexa e, en parte, indemostrábel. O estado da documentación reflicte, como é lóxico, o estado das relacións de forza entre clases. Unha cultura casi exclusivamente oral como é a das clases subalternas da Europa preindustrial tende a non deixar pegadas, ou a deixalas deformadas por inherencia. Daí o valor sintomático dun caso límite coma o de Menocchio, que replantexa con forza un problema do que tan só agora se comeza a ver a envergadura: o das raíces populares de boa parte da alta cultura europea, medieval e posmedieval. Figuras coma Rabelais ou Brueghel non foron probábelmente espléndidas excepcións. Nembargantes, poñen punto e final a unha época caracterizada pola presenza de profundos cambios soterrados, en ámbalas dúas direccións, entre alta cultura e cultura popular. Pola contra, o seguinte periodo está marcado por unha distinción cada vez máis delimitada entre cultura das clases dominantes e cultura artesá e labrega, así como polo adoutrinamento en senso único das clases populares. Podemos situar a cesura cronolóxica destes dous periodos cara a metade do século XVI, en non menos significativa coincidencia coa acentuación das diferenzas sociais impulsadas pola revolución dos prezos. Mais a crise definitiva teríase dado unhas décadas atrás coas revoltas campesiñas e o reino anabaptista de Münster. Foi entón cando se lles platexa dramáticamente ás clases dominantes o imperativo de recuperar, tamén no ideolóxico, ás masas populares que ameazaban con sustraerse a calquera forma de control dende arriba, pero mantendo, incluso acentuando as distancias sociais.
Este renovado esforzo hexemónico adopta diversas formas nos distintos países de Europa, pero a evanxelización do agro por obra dos xesuítas, e a organización relixiosa capilar, sobor do núcleo familiar, realizada polas igrexas protestantes, poden conciliarse dentro dunha tendencia única. A ésta corresponden, no plano represivo, a intensificación dos procesos de bruxería e o ríxido control de grupos marxinais coma vagabundos e xitanos. Sobre este fonde de represión e de aniquilamento da cultura popular inscríbese precisamente o caso de Menocchio.

segunda-feira, janeiro 16, 2006

Encantada Indignación

É a que me produce a lectura do libro de Zygmunt Bauman "Lexisladores e Intérpretes", unha serie de lúcidas reflexións sobor da modernidade, postmodernidade e as funcións dos intelectuais.
O libro está marabillosamente ben escrito. Agradécese no traballo deste sociólogo a claridade expositiva, a gran calidade da súa prosa, a fermosura das metáforas e símbolos expositivos. En contra do que soe suceder cos teóricos do postmodernismo, o retorcimento e a escuridade deliberadas brillan pola súa ausencia.
Nembargantes, a tese é a clásica na liña foucaultiana de saber/poder. Para os profanos, un pequerrecho resumo:

Coa chegada do Renacemento e os seus cambios (explosión demográfica, crise dos modelos tradicionais de control social, ruptura da unidade relixiosa e dos discursos medievais de verdade), as élites dirixentes atópanse en dificultades. A saída virá da man dun proxecto de reordenación e control da realidade moito máis metódico do que se estilaba antes, a través de figuras de control e de saber: os gobernantes pasan de coidadores de reservas naturais ('gamekeepers') a xardineiros (´gardeners').
Sobretodo no século XVIII é cando se produce a fusión entre uns discursos de verdade e razón creados polos filósofos en Francia e un poder político que pretende disciplinar e racionalizar aos cidadáns. É a ecuación poder/saber, e o modelo panóptico de encadramento: escola, exército, cárcere. Os intelectuais pretenden actuar como 'lexisladores' da realidade.
Nembargantes, a consolidación dos gobernantes no poder rápido aílla aos intelectuais, e a evolución histórica acentuará isto, ata a chegada da postmodernidade: coa crise dos discursos de verdade da Modernidade, os intelectuais xa non son requeridos como ´lexisladores', anque a eles lles custe abandoar aquilo para o que foron preparados. Nunha era que desconfía das verdades absolutas, só lles queda o reducido papel de Intérpretes entre as súas comunidades histórico-culturais e as demais.


Por suposto, cada parágrafo do libro implica para min unha cómica discusión en voz alta co autor -discusión bastante indignada, amais. Tento evitar que me persuadan os cantos de serea de Zygmunt (premio Adorno no 98, por certo).


Terei que botar man das ferramentas de sempre: Terry (un repasiño na biblioteca a 'The Illusions of Postmodernism'), e agora Christopher Norris, un dos maiores especialistas en Derrida e filosofía da ciencia, e ácedamente crítico co pensamento 'feble'.

¿Rescataranme da Seducción? Agardemos que sí...

sábado, dezembro 10, 2005

Foucault: Vixiar e Castigar

Quizaves hoxe nos avergoñen as nosas prisións. O século XIX sentíase orgulloso das fortalezas que construía nos límites e ás veces no corazón das cidades. Encantáballe esta nova benignidade que reemprazaba aos patíbulos. Marabillábase de non castigar xa os corpos e de saber corrixir daí en diante as almas. Aqueles muros, aqueles ferrollos, aquelas celas figuraban unha verdadeira empresa de ortopedia social.

Aos que rouban, encarcéraseos; aos que violan, encarcéraos; aos que matan tamén. ¿De onde ven esa estraña práctica e o curioso proxecto de pechar para corrixir que traen consigo os Códigos Penais da época moderna? ¿Unha vella herdanza das mazmorras da Idade Media? Máis ben unha tecnoloxía nova: o desenrolo, do século XVI ao XIX, dun verdadeiro conxunto de procedementos para dividir as zonas, controlar, medir, encauzar aos individuos e facelos á vez "dóciles e útiles". Vixiancia, exercicios, maniobras, calificacións, rangos e lugares, clasificacións, exames, rexistros, un xeito de someter os corpos, de dominar as multiplicidades humanas e de manipula-las forzas, desenrolouse no curso dos séculos clásicos, nos hospitais, no exército, nas escolas, nos colexios e nos talleres: a disciplina. O século XIX inventou, sen dúbida, as liberdades; pero deulles un subsolo profundo e sólido: a sociedade disciplinaria da que seguimos dependendo.





Para os interesados, o argumento prosegue (máis e mellor) no libro "Vixiar e Castigar" de Michel Foucault.

segunda-feira, dezembro 05, 2005

Lipovetsky: A era do vacío

Sociedade postmoderna: dito doutra maneira, cambio de rumbo histórico dos obxectivos e modalidades da socialización, na actualidade baixo a éxida de dispositivos abertos e plurais; dito doutra maneira, o individualismo hedonista e personalizado convértese en lexítimo e xa non atopa oposición (...) A sociedade postmoderna é aquela na que reina a indiferencia de masa, onde domina o sentimento de reiteración e estancamento, na que a autonomía privada non se discute, onde o novo acóllese como o antigo, onde se banaliza a innovación, na que o futuro non se asimila xa a un progreso ineluctable. A sociedade moderna era conquistadora, cría no futuro, na ciencia e na técnica, estableceuse unha rotura coas xerarquías de sangue e coa soberanía sagrada, coas tradicións e particularismos no nome do universal, da razón e da revolución. Esa época está a esvaerse a ollos vistos; en parte é contra eses principios futuristas que se establecen as nosas sociedades, daquela postmodernas, ávidas de identidade, de diferencia, de conservación, de tranquilidade, de realización persoal inmediata; disólvese a confianza, a fe no futuro, xa ninguén cre no porvir coruscante da revolución e o progreso, a xente quere vivir de contado, aquí e agora, manterse xove e non xa forxa-lo home novo (...) Os grandes eixos modernos, a revolución, as disciplinas, o laicismo, a vangarda foron desbotadas a forza de personalización hedonista (...)

Que erro ter pregoado precipitadamente a fin da sociedade de consumo, cando fica claro que o proceso de personalización non deixa de anchear os seus lindeiros (...)

...todo isto deixou paso, segundo din, a unha cultura postmoderna detectable por varios signos: procura de calidade de vida, paixón pola personalidade, sensibilidade ecolóxica, abandono dos grandes sistemas de sentido (...)

sábado, setembro 03, 2005

Terry... vostede sí que sabe

Hai varias peticións formuladas por parte do meu exiguo público. Nembargantes, antes de satisfacelas, permítome colar unha traducción do gran teórico literario marxista Terry Eagleton, cuxas consideracións sobre marxismo e retórica (véxase o seu libro 'Walter Benjamin, or towards a revolutionary criticism') me parecen dignas de ser meditadas e discutidas.


Ata onde afecta á retórica, entón, un Marxista ten que ser platónico dun certo xeito. Os efectos retóricos están calculados na luz da teoría da polis coma un todo, non simplesmentes na luz da coxuntura pragmática fetichistizada polo post-marxismo. Retórica e dialéctica, axitación propaganda, están próximamente artelladas; o que as une para Platón é a xustiza, por sí mesmo un concepto moral só posíbel en base dun coñecemento social, oposto á doxa, opinión ideolóxica. En vista de que toda arte é retórica, as tarefas do traballador cultural revolucionario son, en esencia, estas tres: primeiro, participar na producción de obras e actos que, dentro de medios 'culturais' transformados, ficcionalizan ata tal punto o 'real' como para conseguir que eses efectos conduzan á victoria do socialismo. Segundo, como 'crítico', expoñer as estructuras retóricas polas cales obras non socialistas producen resultados políticamente indesexables, como un xeito de combatir o que agora está demodé chamar falsa conciencia. Terceiro, interpretar esas obras, na medida do posíbel, analizar esas obras malia os prexuízos, para absorver delas o que poida ser de valor para o socialismo. A laboura dun traballador cultural socialista, en breve, é proxectiva, polémica e apropiativa. Estas actividades poden incluir, de cando en cando, cousas como estímular aos demais a sacar pracer das belezas da imaxinería relixiosa, estimular a producciòn de obras carentes de calquera contido político explícito, e discutindo en lugares e momentos concretos a favor da 'grandeza', 'verdade', 'profundamente conmovedora', 'leda', 'marabillosa', 'estupenda' virtude de obras concretas.