sexta-feira, junho 28, 2019

Libros do Mes

La Armonía es Numérica de Javier Arbonés e Pablo Milrud

Pindar: The Complete Odes de Anthony Verity (tr.) [E]

La Verdad está en el Límite de Antonio J. Durán

The Complete Works of Zhuangzi de Burton Watson (tr.)

National History or Keyanid History?: The Nature of Sasanid Zoroastrian Historiography de Touraj Daryaee [E] [Art]

English as a Global Language de David Crystal [E]

*Calculus Made Easy de S.P. Thompson e Martin Gardner [E]

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

sábado, junho 15, 2019

Ad Vocatio (7)

Rematábamos a última entrada desta miña crónica laboral-vocacional un pouco coma comezan as Soledades de Góngora:

Del Océano, pues, antes sorbido, 
Y luego vomitado 
No lejos de un escollo coronado 
De secos juncos, de calientes plumas 
-Alga todo y espumas- 
Halló hospitalidad donde halló nido 
De Júpiter el ave.

Porén, e alén de deprimirme, o naufraxio temporal das miñas aspiracións docentes non mudou os meus plans e expectativas: simplemente as puxo en espera no refrixerador do tempo. A tónica daquela imperante era que as oposicións de secundaria tiñan lugar cada 2 anos, co que no paréntese de 730 días que mediaba, decidín ir mellorando as miñas perspectivas na medida do posíbel. Gato escaldado, a segunda volta pilloume cun bo coñecemento dos mecanismos de acceso, e co máximo de puntos dispoñíbeis para unha persoa sen experiencia laboral -cortesía ben pagada duns vergoñentos cursos de ANPE-Albacete e do CSI-CSIF-. Fun repasando e pulindo aínda máis os temas, e polo medio, topei tempo de facer (bolsa mediante) un máster que, anque entretido e útil en certos aspectos (o de toparme a Noriko ante todo), só sumou un par de puntos ao meu expediente e a vía aberta a un camiño de bolsas doutorais no caso de fracasar no asalto ás ensinanzas medias.

Mais outro encallamento agardaba á miña navegación: cando en decembro do 2009 saíron as especialidades que se ían ofertar no concurso-oposición do ano vindeiro, comprobei con estupor que non se convocaban prazas de Xeografía e Historia. Sí sacaban vacantes para Secundaria - Inglés, e ante a perspectiva de ter que botar outro par de anos no limbo, tiven que redirixir o rumbo da miña nave cara unha terra algo inhóspita, e ao xeito de Robinson Crusoe, tentar sobrevivir e acomodarme nela; coma no caso da personaxe de Defoe, os meus estudos e o meu coñecemento da língua dábame suficientes ferramentas de base para ter posibilidades realistas no eido; así que procurei axenciarme como puiden nun tempo limitado temario, programación e unidades didácticas e púxenme a preparalo todo dende cero. 

O caso é que non era demasiado optimista, e non era só a dificultade o que me tiraba para atrás: a perspectiva de ter que ensinarlle inglés (non literatura, historia da língua ou cultura) aos adolescentes non se pode dicir que me entusiasmara: estudar gramática estivera a piques de impidirme facer a segunda carreira, e ensinala parecía tan só marxinalmente mellor ca poñer ringleiras de tixolos ao aire libre. Con todo, na oposición de Inglés sí ía ter unhas ventaxas moito máis transparentes para o tribunal que toda a miña sapiencia historicista, e contaba que nun futuro non lonxano podería aproveitar pasarelas para adquirir a especialidade de Historia dende dentro, cousa que fixen na primeira ocasión en que tiven a oportunidade de facelo. 

Novamente na canícula ourensá, novamente tamén unha certa sorte acompañou ao proceso dende a mesma elección a sorteo dos temas; malia levar moitos menos (e peor preparados) que na especialidade outra, un dos que caeu, e que fixen (61: A incidencia do cine na difusión da produción literaria en lingua inglesa) era seguramente o mellor e máis orixinal que podía redactar; as defensas tamén transcorreron satisfactoriamente, e ao final do proceso, topeime que estaba dentro, que logo de magallánica singradura a nave por fín arribara ao porto, e comezaba o meu percorrido laboral coma o primeiro servidor educativo do meu estado. Na seguinte volta veremos cómo a experiencia de ensinar inglés (e nunhas institucións que nen sabía que existían) ía a mudar bastante as miñas visións e expectativas laborais.

terça-feira, junho 11, 2019

sábado, junho 01, 2019

O Vernero que foi - Xuño '08

Logo do interludio parisién, e nos comezos do verán deste ano que xa só vive nas lembranzas, o Mantedor estaba tan ocupado como agora -hoxe examinando, daquela sendo examinado-, co que só dúas entradas saíron dos meus teclados, unha das cales só informaba da miña falta de tempo de lecer. Tamén colaba nela unha onírica idea fecunda encol do Palazzo del Te que seguramente recicle para o artellamento da miña tese, cando por fín tope o tempo de elaborala. Acábome de enterar que William Gibson sacará en breve a continuación de The Peripheral, así que no próximo ano debera reler tódolas súas obras de novo, tomando notas, e comezar coa nova...

Vexo tamén no correo que o día 7 tivemos a presentación en Compostela de A Árbore Seca, de David Souto, na que fixen de mestre de cerimonias, nun acto que a día de hoxe vexo con certa melancolía outoniza, xa que foi dun certo xeito a clausura oficial do grupo Comparatista, que naquelas datas xa dera comezo aos diferentes exilios dos seus membros. Seguramente haxa fotos do evento por algures; en todo caso, déixovos dúas das súas notas de prensa na Voz e no Galicia Hoxe.