Mostrar mensagens com a etiqueta O Borbón. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta O Borbón. Mostrar todas as mensagens

sábado, novembro 10, 2007

Alcolea, Alcolea!

"una serpiente es más humana que un fascista o un racista; un tigre es más humano que un fascista o un racista"
Hugo Chávez

Estan son as derradeiras palabras que empregou o dirixente da República Bolivariana para referirse ao ex-presidente do goberno, ese ananiño con cara de leite agria e look de burócrata de provincias. O pouco amor que cara o señor Aznar amosan os latinoamericanos (xa Fidel se adiantara co mote de Führercito) só coñece excepcións parciais nuns Estados Unidos de forte recendo neocón. Mais parece ser que a laboura de lacaio dos intereses imperialistas e embaixador latinizante non eximen de ter que pagar as débedas para conseguir a Medalla de Honor do Congreso...

O cumio latino está que arde. Ás repetidas calificacións de 'feixista', entre outras cousas, que choveron sobre o bigotudo, para ira de Bambi e do Borbón, sumáronse despois os ataques de Daniel Ortega. A portas fechadas, a lectura de beizos parece indicar que os distintos mandatarios estiveron a tirarse os trastos á cabeza, cunha cesura cada vez maior entre o bloco progresista (Venezuela, Nicaragua, Ecuador, Bolivia, Brasil) e os Sicofantas do Libre Comercio, coma o colombiano Uribe. Pero a imaxe coa que nos atronarán estes días é a do Rei español, cun vermello cangrexil nas fazulas que denota cabreo tremendo ou tremenda embriaguez (no caso dos Borbóns, calquera das dúas opcións é válida...) mandándolle calar a Chávez e liscando da sala por uns minutos. Mentres, o Bambi idolatrado da esquerda posmoderna europea pedía respecto por un dirixente 'elixido por tódolos españois' (non coma o Borbón, entón, ao que tampouco podemos faltarlle ao respecto). Podía extender a man cara Adolfo, non Súarez, senón Hitler, que tamén foi elixido por (non todos, iso sí) os alemáns aló polos anos trinta...

Fai moito tempo que o Mantedor quería dar unha mostra do seu apoio (condicional, claro; cústame entender as eternizacións no goberno, e despois de certos incidentes do século XX e o bando dos 'bos e xenerosos' nos que a intelligentsia mirou cara outros lados, toca ser máis cautos que nunca) á República Bolivariana e expresar a súa admiración polo presidente Chávez; velaiquí que me serven unha oportunidade en bandexa. Con tódolos defectos e personalismos que se lle poidan imputar ao venezolano (e máis dende unha conciencia occidental acostumada a outros modos...), é a única persoa que está a facer políticas socialistas hoxendía. E facendo a cuadratura do círculo, que é a de respectar os dereitos democráticos e empregar os medios 'legais' para facer as cousas, cando os revolucionarios clásicos, forxados por defecto nos moldes do marxismo-leninismo tenden a ser poucos fetichistas (por dicilo lixeiramente) cos dereitos e liberdades de orixe liberal e burguesa, mais que acaban por resultar imprescidíbeis para evitar o Mal Maior. Só toca o lamento de non poder estudar máis detidamente todo o que está a suceder no espazo da República Bolivariana (e non só alá: Bolivia, Nicaragua, Ecuador e, algo menos, Brasil están a dar mostras de que hai política posíbel aínda no Deserto do Real. E non só as ampliacións de dereitos para minorías baixo un marco neo-liberal na economía)...

E se a alguén lle toca calar, supoño que é máis ben ao Borbón, que sentiría ramalazos de mala conciencia (se é que os Borbóns son capaces diso; anque a única laboura que cumpren ben, sospeito, é a de vivir de rentas e poñer a cabeza a ritmo na peza da guillotina, como o cidadán Lois Capeto) cando oe increpar a Aznar, aquel 'falanxista republicano' (sic!) na súa xuventude. Ben sabemos nós que o Príncipe de España foi peón efectivo do vello dictador, anque soubera reconvertirse e protagonizar esa farsa grotesca, esa reconversión por parte dos sectores intelixentes da dictadura (UCD) e dos dunha esquerda covarde e derrotada (PSOE e PCE), ese aborto e fracaso histórico que chaman 'A Transición'.

O dito. Se hai algunha esperanza nestes días tenebrosos, virá do Novo Continente en caravela inversa. Eiquí só fica berrar por outra Alcolea que envíe dunha vez aos Borbóns a un exilio definitivo.


P.S.: Vaia... non sabía ata fai uns días que o deseñador de Brasilia, ese arquitecto xenial que é Óscar Niemeyer, é comunista (anque as listas de Premios Lenin da Paz, que percorro con frecuencia en busca de escritores, deberían terme avisado)...