Mostrar mensagens com a etiqueta Orhan Pamuk. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Orhan Pamuk. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, agosto 31, 2015

Reseñas - O Museo da Inocencia

O Museo da Inocencia (no orixinal, Masumiyet Müzesi)

Orhan Pamuk

2009, Galaxia

* * * * (bo)

Curioso percorrido entre o folletín sentimental e romántico e as antinomias dunha Turquía a modernizarse. 

[Rescato a seguinte reseña dunha das que fixen no seu día para a prensa e que non chegou, ou xa esvaeceu, dos currunchos dixitais. 'O Museo da Inocencia' era daquela a última novela de Pamuk e, por paradoxos, a primeira que eu lle lín, dando comezo a unha feliz singladura que continúa nos días do presente...]

Foi labor dos grandes pensadores decimonónicos e da escrita modernista o de botar por terra os antigos ídolos nunha sorte de nova iconoclastia. Así, don Carlos (non de Schiller, senón de Tréveris) bradaba contra o fetichismo da mercadoría nos interiores do Kapital,  o ‘matasáns vienés’ Freud desenmascaraba a razón humana como fráxil gamela envolta nun mar de adversidades e un Nietzsche sifilítico avisábanos do crepúsculo dos ídolos. É nun espírito similar no que o premio novel Orhan Pamuk leva adiante na magnum opusO museo da inocencia’ un desmonte crítico e tenro á vez dunha serie de ídolos, espectros e fetiches que oprimen á Turquía e ao Estambul natais.

Nunha primeira lectura, ‘O museo da inocencia’ aparenta un clásico romance de amor e paixón frustrada: a do protagonista Kemal, mozo de clase medio-alta do Estambul dos anos 70. Pouco antes do seu casamento, a personaxe topa cunha parente lonxana, Fusün, da que se namora perdidamente e coa que vive un breve idilio que o marcará de por vida, e que lle servirá de estímulo para crear un ‘museo da inocencia’ a partires das lembranzas, memorias e artefactos variados que lle lembren o que el mesmo alcuma ‘o momento máis feliz da miña vida’: os días de romance e máis especificamente, a derradeira tarde coa muller amada na que esta perde un pendente, primeiro obxecto do particular ‘museo’ de Kemal.

Entretecido coa creación do museo temos un amplo fresco da sociedade turca dos últimos 30 anos, onde é doado albiscar o conflicto e as tensións entre unha clase media-alta que escolleu o camiño da modernización occidental marcado polo pai dos turcos, ‘Ataturk’ (non en van o protagonista leva o mesmo nome que o heroe nativo) e unha masa popular e unhas tradicións que apuntan ao pasado islámico (brillantemente exemplificado na Festa do Sacrificio) e ás formas opresivas e tradicionais de matrimonio e sexualidade. A xeración de Kemal vive a tensión entre os dous polos, dándolle as costas a unha pasado aínda presente de pobreza e tradición que retorna, coma todo o reprimido, con vinganza, e que tece un abafante marco de presión social e de conformidade que impiden o florecemento da paixón amorosa, mais alá da forma enfermiza da colección de obxetos-fetiches cos que lembrar o que foi, xa non é e nunca voltará a ser. Os obxetos tentan eternizar no seu ámbar estático e material o instante fugaz, e poderíamos dicir que toda a composición da novela, composta de pequenos capítuliños e semblanzas, é de por sí outro ‘museo da inocencia’, coas palabras e as experiencias, e que organiza Kemal en paralelo ao museo ‘físico’ das lembranzas de Füsun. Porque as verbas e a linguaxe son outro fetiche co que o narrador tamén xoga: un narrador intrusivo en primeira persoa que non dubida en aconsellar e dirixirse directamente o lector, non sen certa ironía, como cando aconsella o salto de páxinas nas que o sexo coa amada aparece explicitamente descrito.

 É ‘O museo da inocencia’ unha silva complexa e múltiple de variada fermosura e sabedoría como só saben contela as boas e vellas novelas antano, cando a novela era certa e a forma definitiva e clásica para cristalizar a vida contemporánea na súa complexidade. Para un fresco dunha sociedade complexa, entre o perto e o lonxano (Pamuk desmonta visións reduccionistas e exóticas de Turquía xa dende o xogo irónico da foto da portada, que na edición galega agocha na lapela a Hagia Sophia que enclava á novela no imaxinario europeo de Istambul), ao tempo que para unha lectura entretida e de calidade, a última obra de Pamuk, afortunadamente traducida ao galego, é xa unha referencia indispensábel.  

quarta-feira, setembro 09, 2009

Dueto de Nóbeles

Como ben sabedes, o Mantedor é persoa desconfiada e de gustos exquisitos no que toca á escrita; proba do cal é a escolla de dous premios nóbel para ir lendo nas semanas pasadas: Orhan Pamuk (cuxo volume O Museo da Inocencia fai pouco que acaba de sair en galego, denantes que en castelán ou inglés) e John Maxwell Coetzee (neste caso, o volume Desgracia, do ano 99 e que xa leva tempo traducido ao español). Bon, en realidade, estou a dicir unha mentira parcial, xa que as dúas escollas estiveron mediatizadas -unha viña dada por unha reseña que lle tiña que facer, e a outra era un préstamo de longa duración que ía acumulando pó nas miñas estanterías-, mais de todas maneiras amosaron ser libros e lecturas estupendas, que me permito comentar moi brevemente dende este espazo virtual.

Polo que toca á novela turca, ides atopar nela unha intensa historia de amor (para o meu gusto cínico e posmoderno, un chisco demasiado 'melodramática') entre o protagonista, Kemal -un exemplo da clase media-alta e occidentalizante da Turquía dos anos 70 a 80- e Füsun, unha parente lonxana das clases populares. Como telón de fondo temos unha rica visión ao fresco dos barrios de Istambul e da sociedade turca das datas citadas, con tódalas antinomias que a modernización forzada de Atatürk e das élites crea nun país de complexos e identidades divididas. E temos tamén, en contrapunto, un certo fetichismo dos obxectos que, tocados pola amada, son coleccionados de xeito compulsivo por Kemal na ausencia ou inaccesibilidade desta, e que darán lugar ao peculiar 'Museo da Inocencia' que intitula á novela e que o novelista está a construír na propia Istambul. A novela é considerábelmente entretida, cunha rica estilística e unha división en pequenos capítulos (case lembrando ao formato do folletín) que fai máis doado lidiar coas case 700 páxinas da edición en língua galega.

Polo que toca a Coetzee, o tapiz social é neste caso o dunha Sudáfrica post-apartheid que sustituiu a anterior tiranía insoportábel por unha nova anarquía (e violencia) insoportábel, alomenos para os brancos. Nas súas páxinas seguimos a decadencia e caída 'en desgracia' de David Lurie, profesor universitario cincuentón e puteiro, amante de Byron e do Romanticismo, que vive unha aventura cunha alumna e vese expulsado por iso da comunidade académica. Na súa fuxida refúxiase coa súa filla nunha granxa do Cabo rural, só para experimentar a continuación e agravamento da desgracia coa violación desta e o intento de queimalo vivo a el, nun contexto en que o 'cacique africano' Petrus está a converterse na forza en ascenso nun escenario confuso e perigoso para os antigos dominadores brancos. Segundo avanza a novela, o protagonista súmese máis a fondo no proceso de auto-humillación e (quizaves) redención a través da aceptación resignada dunha filosofía da renuncia (renuncia ao desexo, á creación e recoñecemento estéticos, e desempeño da modestísima función de incinerador de cadelos mortos).
O estilo Coetzián tamén é unha tracería delicada, detallista, elaborada, anque sometida a unha lóxica notoriamente carente de humor ou de alivio para lector ou personaxes. No escenario pesimista e distópico que debuxa, parece non haber esperanza (ou, coma no exemplo Kafkiano, infinitas doses dela, mais non para nós). As posibilidades de xustiza nun escenario de violencia histórica parecen ter que pasar antes por unha vinganza de raza e de clase que malia ser perfectamente entendíbel e xustificábel, non tecerá escenarios para a concordia e para unha xustiza futura que brilla, tan lonxana como evanescente.