Dado o meu gusto polos títulos equívocos, xa suporíades que non vou falar do '
Criticón' de Gracián (un libro e un autor que admiro moitísimo), deixando a xuizosa e cortesá filosofía para o outono da varonil idade desta bitácora. As crises do conceptista serven de adro para unha breve reflexión do Mantedor sobre a crise actual (digo breve, dentro das miñas proverbiais limitacións para a síntese, dado que o formato blogueiro acorda mal coas reflexións longas, e adora
imaxes e aforismos).
Seguramente é algo temperán para facer xuízos sobre a situación; máxime cando os medios informativos cultivaron un discurso de pánico apocalíptico ("unha crise peor que a do 29" dicían varios titulares) que aínda está por ver se se cumpre. De todos xeitos, as masivas intervencións bancarias por parte dos estados e as reconversións de coñecidos políticos liberais ao discurso neo-keynesián do capitalismo intervencionista soan bastante serias. É hora do pranto e rinchar de dentes para os profetas do (neo)liberalismo (alomenos, ata que a economía volte ao rego do ascenso, cando os seus cantos de serea voltarán coa mesma brusquedade coa que hoxe son desterrados); aqueles que levaban 20 anos vivindo das rendas da certeza autocompracente afrontan agora o que para eles é o 'comunismo' (vid. Friedrich Hayek,
The Road to Serfdom) e totalitarismo inevitábeis ao que levan toda regulación rigorosa do mercado.
Evidentemente (a risco de resultar eu mesmo o autocompracente agora), a crise non é ningunha sorpresa para aqueles que, aínda dentro dunha cosmovisión marxista do social e económico, seguíamos á espreita desas rupturas masivas entre valor de uso e valor de cambio que o sistema capitalista non é quen de evitar a longo prazo. E iso é algo que ningunha regulamentación do sistema vai a poder solucionar: igual que na traxedia grega, na lóxica mesma da circulación do Capital e na dobre face da mercadoría está inscrita a crise e o repregamento. Mais iso é algo que podedes topar mellor explicado nos libros de Marx, e non no meu resumo-vulgata.
Mais falando do verdadeiramente tráxico, éo para mín o feito de que a crise colleu á esquerda totalmente desarmada e incapaz de resposta algunha eficaz, e nos variados foros que opinaron sobre o presente, a unanimidade esquerda-dereita sobre o pouco que esta crise pon en perigo a organización económica actual da sociedade resultaba abraiante. Aínda no remol do ano 89 (xa choveron 20 anos daquela, mais parece que as reciclaxes do pensamento levan moito tempo), a esquerda segue atrapada nunha dicotomía insatisfactoria: a dos que chamaremos 'Nostálxicos', ou 'Moradores do Monte Medulio', que ignoran a realidade e os serios problemas (económicos, políticos, intelectuais) aos que dera lugar o Socialismo Real e se limitan a certa dogmática marxinalidade e culto estático da teoría crítica impresa (outras opcións: aferrarse ao restos do naufraxio, xa sexa máis -Corea- ou menos -Cuba- panóptico, ou agardar, coma as Testemuñas de Xeová, que o
Dies Irae do Proletariado estexa en realidade á volta da esquina -hoxe cea no Liñares, mañá Revolución!), e a dos que se renderon honorábelmente (a inmensa maioría: tamén alcumados 'Esquerda Post-Moderna', ou -con menos simpatía- os 'Vendidos'), convencidos de que a queda do Muro demostraba definitivamente a imposibilidade de toda alternativa ao Capitalismo e á actual organización económica, coa única opción de crear un 'capitalismo con rostro humano' (á inversa dos checos do 68) e das terceiras vías (non entre socialismo e capitalismo, evidentemente, senón entre capitalismo keynesiano e libre mercado salvaxe).
Parece que aínda non temos saída do pozo nen luz ao final do tunel, malia que un quixera rematar cunha nota optimista. O discurso anti-globalizador e a micropolítica posmoderna dos Dereitos e dos Outros xa teñen sido fustigadas con razón (-instrumental, ou sen ela!-; neste caso, entre múltiples referencias, vid. Slavoj Zizek, que tamén
comentou recentemente, e moi ben, sobre a crise e as eleccións nos EEUU). A nova crítica acabará por xurdir, agardamos (o noso deber é estar traballando nela nestes mismos intres), e debera poder recoñecer claramante ao marxismo clásico como a súa tradición e o seu antecesor máis inmediato, anque libre de ataduras. Namentras, remataremos cun chiste:
Trala caída do socialismo, un obreiro de a pé ponse a increpar a un antigo
apparatchik do Partido. "Ah, canalla! Todo o que nos dicíades do Socialismo non eran máis ca mentiras!". O apparatchik, azorado, resposta: "Iso non é o peor. O peor é que todo o que vos dicíamos do Capitalismo eran verdade!".