Como ben sabedes, é un significante con moitos referentes. O máis inmediato quizais sexa o Reino de Filipo e Alexandre Magno de cheiro lenemente bárbaro que deu comezo á conquista de Asia (e ás agachadas, ao subxugamento da Hélade). Falanxes e reinos fragmentarios, Diádocos na época dos reinos Helenísticos, Pella e Pidna, catro repúblicas vasalas de Roma.
Outro, máis cercano no tempo e no espazo, é a ex-república xugoslava, que alén da cercanía territorial, pouco ten en común coa primeira. Avispeiro de disputas balcánicas, a súa língua é parecidísima e intercomprensíbel co búlgaro. Anque ao parecer, tódolas línguas dos eslavos do sul se parecen moito...
Pero o significante que convoco hoxe é o de mestura varia de froitas (neste caso ideas, ou imaxes) coa que facer un rápido percorrido pola cautividade babilónica de FraVernero nesta longa fin de semana, ou aqueducto, na que estivo na Serra de Outes e, por terceiro fín de semana, forzosamente desconectado da Rede de Redes.
Foron uns días preguizosos, co moito durmir e escasa lectura (o que resulta paradóxico dada a carencia de Internet). A novela de Harper Lee To kill a mockingbird que teño que ler para aulas entúllaseme na gorxa e non dou adiantado nela. Pola contra, algo de escrita e as fantasías post-industriais do ciber e do steam-punk funciónanme mellor (a Chrysler building presidindo unha xigantesca metrópole derruída que se extende en tódalas direccións é unha fantasía recorrente).
Aproveito para evocar e felicitar o triunfo do poeta e amigo David Souto, do que xa temos falado eiquí e na vella corte de camelot, polo éxito acadado no certame de poesía Bouza Brey, co que agardamos ter o seu libro en breve. O segundo libro publicado do comparatismo, amais, despois do inaugurador Mecánicas Celestes de Noel Blanco Mourelle, que quedara finalista no premio do González Garcés.
E xa que falamos de Miguel González Garcés, non estaría de máis agasallarvos cun poema seu (fai tempo que non meto poesía na bitácora). Os seguintes versos pertencen á Bailada dos Anxos (1961):
ABRENTE DE GRANDES PORTAS DE CRISTAL.
Na noite as fontes foron de lume verde.
Paxaros brancos sobre o corpo inmenso da mañá.
O alcipreste é unha pluma na man lene do Norde.
A palabra longo tempo agardada vén berrando polo mar.
O ton lémbrame remotamente a certa poesía náhuatl coa que nun tempo estiven obsesionado.
A ninguén se lle pasará que a semana pasada estivemos a voltas co Día das Letras. Malia que para o mantedor, alén de lugares comúns, tódolos días do ano o son, promete meter unha entrada con doblete sobre María Mariño e Otero Pedrayo, continuando así coa sección mensual da que xa se ten dado a primeira proba.
Nada máis polo de agora. Só fica o espazo xusto para gabar o mellor monumento de Santiago, que é a carballeira de Santa Susana, á que segue unha verde galería cuberta de vellos olmos que desembocan na Alameda. No meu amor polas artes fugaces, as arquitecturas vexetais e antergas da cidade xogan sempre un papel esencial. Alén de ser, á súa maneira, paradoxalmente humanas e, igual que Macedonia, significantes con moitos referentes (ecolóxicos, históricos, telúricos, poéticos, patrióticos).
