quinta-feira, março 31, 2011

Libros do Mes

Japón, de Rossella Menegazzo [R]

Gloriana, de Michael Moorcock [R]

An Introduction to Japanese Tea Ritual, de Jennifer L. Anderson

Arte del siglo XX, de Ruhrberg, Schneckenburger, Fricke & Honnef (tomo 2)

Exploring Kyoto, de Judith Clancy

*The Pillow Book, de Sei Shonagon / McKinney (tr.)

segunda-feira, março 28, 2011

Byzantium Endures

A historia do Imperio Romano de Oriente, alcumado nos nosos lares coma 'Bizantino', sempre exerceu un profundo fascinio sobre a miña psique. Resultaríame imposíbel precisar as causas concretas do engado, anque especulando un chisco, seguramente influiron a historia da arte (a cúpula marabillosa de Santa Sofía; os iconos, arte relixiosa por excelencia; os mosaicos de Ravenna, coa corte de Xustiniano), as cruzadas e un certo toque de exotismo oriental, batallas gloriosas e ruinas maxestuosas. O caso é que os meus primeiros anos universitarios víronse acompañados de varias lecturas bizantinas, como as da 'Historia do Estado Bizantino', de Ostrogorski (que merquei daquela) e as das aulas e textos dunha materia sobre 'Islam Medieval e Bizancio'. Outras ficaron pendentes, coma unha historia do Imperio de Trebisonda, ou as memorias de Anna Commeno, e outras consolidáronse nos últimos anos (o Digenis Akritas e outros textos épicos).

Tamén cavilaba daquela na posíbel escrita dunha obra de teatro co emperador Andrónico I de protagonista. O título sería AIMA (‘sangue’, en grego, amais de ser un acrónimo cos nomes dos emperadores da dinastía Commena: Alexis, Iohannis, Manuel e Andronikos). Canto ao tal Andrónico, é unha personaxe realmente tráxica: nun periodo de decadencia inexorábel do Imperio e de sustitución do vello poder central por un nacente feudalismo, tenta rescatar as bases económicas do estado (os campesiños-soldados libres de Asia Menor) e esmagar sen piedade á aristocracia latifundista e parásita e aos odiados estranxeiros latinos. Un auténtico Lenin do século XII, que se diría. Mais o emperador foi incapaz de poñerlle freo ao reloxo da historia, e as súas reformas e persecucións da nobreza acabaron acelerando a caída do estado, alén de provocar a súa propia, linchado polas masas da capital.

Daqueles tempos fica tan só na escrita un textiño co título emprestado de ‘Bizancio Perdura’, publicado na revista A Caramuxa e ao que malia os seus defectos non deixa un de terlle ese cariño cego que os pais amosan cara os fillos. Noutra entrada bizantinesca é posíbel que volo amose, anque seguramente sairíades gañando cuns versos do Sailing to Byzantium, de Yeats...

sábado, março 12, 2011

天の原

Mentres saio de traballar con lúgubres pensamentos no maxín arredor da catástrofe natural que castigou ao Xapón, vexo que o ceo nocturno imita un lenzo de Rothko, en franxas alternantes de azul intenso e azul máis pálido. A chaira do ceo, ama no hara, que hoxe fundiu coas planicies do mar, aounahara, nun terríbel maremoto, émulo do de Lisboa (1775) e que tamén nos fai meditar tristemente sobre a teodicea e a insignificancia do home fronte ás forzas desatadas da natureza: pingas de orballo tan só.

quinta-feira, março 10, 2011

Constructivismo Polonés (e algo máis)

Varias lecturas recentes volveron a poñerme en contacto coa miña vangarda favorita: o constructivismo. Mais non co seu espazo máis definitorio (a Rusia Soviética), senón na cercana Polonia. É que o Círculo de Belas Artes presentou unha exposición recentemente con fondos do célebre museo museo Sztuki de Lodz. O tal museo foi, no seu tempo, unha magna obra común patrocinada polos constructivistas polacos (nomes coma Wladislaw Stzeminski, Henryk Berlevi ou Katarzyna Kobro) e por figuras europeas de primeira orde. Un modelo, vamos, de anti-Cidade da Cultura, e de todo o que esta podería ser e non é.




Outra inauguración que merece cita e aviso é a da bitácora do compañeiro e poeta Ramón Blanco. Dende comezos desta semana é posíbel disfrutar dunha outra banda dende a que os días idos, as imaxes a as reflexións desta autor enriquecen o noso periplo polas ondas virtuais...