Sociedade postmoderna: dito doutra maneira, cambio de rumbo histórico dos obxectivos e modalidades da socialización, na actualidade baixo a éxida de dispositivos abertos e plurais; dito doutra maneira, o individualismo hedonista e personalizado convértese en lexítimo e xa non atopa oposición (...) A sociedade postmoderna é aquela na que reina a indiferencia de masa, onde domina o sentimento de reiteración e estancamento, na que a autonomía privada non se discute, onde o novo acóllese como o antigo, onde se banaliza a innovación, na que o futuro non se asimila xa a un progreso ineluctable. A sociedade moderna era conquistadora, cría no futuro, na ciencia e na técnica, estableceuse unha rotura coas xerarquías de sangue e coa soberanía sagrada, coas tradicións e particularismos no nome do universal, da razón e da revolución. Esa época está a esvaerse a ollos vistos; en parte é contra eses principios futuristas que se establecen as nosas sociedades, daquela postmodernas, ávidas de identidade, de diferencia, de conservación, de tranquilidade, de realización persoal inmediata; disólvese a confianza, a fe no futuro, xa ninguén cre no porvir coruscante da revolución e o progreso, a xente quere vivir de contado, aquí e agora, manterse xove e non xa forxa-lo home novo (...) Os grandes eixos modernos, a revolución, as disciplinas, o laicismo, a vangarda foron desbotadas a forza de personalización hedonista (...)
Que erro ter pregoado precipitadamente a fin da sociedade de consumo, cando fica claro que o proceso de personalización non deixa de anchear os seus lindeiros (...)
...todo isto deixou paso, segundo din, a unha cultura postmoderna detectable por varios signos: procura de calidade de vida, paixón pola personalidade, sensibilidade ecolóxica, abandono dos grandes sistemas de sentido (...)
