terça-feira, maio 23, 2017

Abschieds-Symphonie

Vai un par de días chegaron á súa fin as sesións lectivas dos cursos de inglés que, por segundo ano, estou a impartir na EOI de Noia. O ano que ven é case seguro que vou estar noutros lares e con outros alumnos. Botando a ollada atrás, podo dicir que este bienio recente foi enormemente satisfactorio a nivel académico e persoal, e que o ei de botar moito de menos, xunto cos seus estudantes, e gardar na memoria xunto aos instantes felices no locus amoenus e paradiso pechado das lembranzas.  

Mais non é aquí o noso sitio, coma dicía Netzahualcóyotl, ou All Things Must Pass, coma cantaba George Harrison, na súa vea de predicación budista. Xuntando fermosura con impermanencia, velaiquí tedes este vídeo encol das Mandalas de Area do Tíbet, que tamén visionamos nos derradeiros minutos da materia...


domingo, maio 14, 2017

University Myths

É un lugar común, no que mesmamente o mantedor mesmo ten caído, o de gabar a vetusta antigüidade das universidades europeas. Porén, e como case tódolos exercicios de interpretación histórica, poñer a énfase no que une ao Studium Generale medieval coas institucións académicas actuais, aínda cando compartan nome, espazo, edificios e carimbos, non deixa de ser unha verdade (ou mentira) a medias.

Igual de lexítimo que seguir a función continua da entidade docente sería verquer a historia en matemática discreta; Dende esta nova perspectiva, poderíamos dicir que as universidades de investigación que nacen, a comezos do XIX, coa Revolución Francesa e as reformas Humboldtiás teñen nada, ou moi pouco que ver, coas súas antecesoras de Antigo Réxime.

Non é que nos seus setecentos anos anteriores o organismo universitario non experimentase mudanzas; é que cualitativamente, a universidade premoderna non presenta rupturas importantes. Entre os cambios habería que citar, quizaves, un proceso lento (moi, moi lento) de superación da máis estricta supeditación a igrexa, e o aumento númerico (especialmente notábel coa chegada do Renacemento) das universidades; No eido da continuidade temos un número de carreiras limitado -coa Teoloxía como raíña, e cos escasas compañeiras: Dereito (nas vertentes civil e canónico) e Medicina-, no pensamento intelectual, un tremendo conservadorismo e reaccionario, ancorándose na escolástica e no pensamento aristotélico, cos profesores adicados a predicar a doutrina dogmática, e en xeral cunha atitude de desdén patricio cara a Revolución Científica dos séculos XVII-XVIII, moitos de cuxos científicos e pensadores buscaron acubillo nas Academias dezaoitescas, auténticos 'laboratorios de investigación' da época. Unha mostra é o xenial Gottfried Wilhelm Leibniz, que antes que enreixarse a ensinar nos muros da mediocre universidade de Altdorf preferiu percorrer media Europa coma mensaxeiro, diplomático e historiador ao servizo dos Electores de Hannover.


sexta-feira, maio 05, 2017

Varys is good for you

Imaxino que para a maioría dos lectores ou espectadores de Game of Thrones, a personaxe máis querida e aprezada é a de Tyrion Lannister, soberbiamente transladado á pantalla por Peter Dinklage. Poida que me equivoque: tal unha xeladería, hai abondosa variedade a escoller e de figuras coas que empatizar na saga de George R.R. Martin: Daenerys ou Arya, por exemplo, para mulleres empoderadas; calquera dos Starks, anque especialmente Jon para os que gustan do heroe nobre, un chisco gótico e atormentado; incluso unha translación nerdy dos lectores na figura de Samwell Tarly. Porén, un que suscita moi pouco amor, é unha mágoa, sen dúbida é o eunuco e mestre dos rumoreos: Varys, a araña.

Os castrados teñen mala fama, e soe ocupar moi frecuentemente o papel de viláns, tanto en obras de fantasía coma nos textos históricos dos mandaríns chineses, onde os funcionarios confuciáns verquen todo o fel, desprezo e pezoña que poden encol dos desafortunados capóns, aos que lles envexan amais o poder que exerceron sobre algúns emperadores. Como noutros casos (pensemos nas narracións de Suetonio e Tácito, tan parciais a prol da élite senatorial), é unha narración interesada e clasista que ignora a medida en que moitos destes pobres mutilados exerceron funcións políticas de alto nivel e con enorme desinterese persoal e altruista. E o maior e mellor historiador de tódolos tempos, Sima Qian tivo que pasar, por motivos inxustos, a súa masculinidade polo gume do coitelo.

Voltando a Westeros, Varys amosou de xeito reteirado ser unha das persoas máis íntegras das que circundan o Trono de Ferro, e das máis preocupadas polo benestar do reino e das súas xentes. Agardo con impaciencia velo de novo, dentro duns meses, encarnado na gran laboura actoral de Conleth Hill,  e man a man co meu anano favorito. Namentras, ergo a copa nun brinde pola restauración Targaryen e as historias que ha traer no seu remol.

sábado, abril 29, 2017

Libros do Mes

Leibniz de José Muñoz Santonja

The Survival of the Pagan Gods de Jean Seznec [E]

La Nada o el vacío cuántico de José Ignacio Latorre

Los números primos de Enrique Gracián

Carpe Jugulum de Terry Pratchett [E]

Genes, ambiente y cultura de Mattia Maccarone

The Murmuring Stream (2 vols.) de J.D. Frodsham

*A Game of Thrones de George R.R. Martin

*The New Oxford Annotated Bible with Apocrypha: New Revised Standard Version de VVAA [E]

*Men of Mathematics de E.T. Bell [E]

*Matemáticos, espías y piratas informáticos de Joan Gómez Urgellés

terça-feira, abril 25, 2017

O Vernero que foi - Abril '06

Viaxando nesta peculiar máquina do tempo a Abril do 2006, vexo a miña curiosidade polas ruínas do Palast der Republik, metáfora acaída da fin do Socialismo Real e que antes ou despois desta data tivera oportunidade de contemplar en vivo. A nova Europa posmoderna do pastiche e dos mercaderes paira de novo cos seus guindastres enriba da obra, cun pomposamente bautizado Humboldt Forum  que recreará por fora a codia do pazo dos Hohenzollern e o mal gusto, pesado e hortera, da súa veciña catedral. 

Entre as lecturas (que non anotaba daquela) vexo, alén dunha cita resultona do Barthes, unha de Albert Soboul e do seu 'Comprender a Revolución Francesa'. A Grande Revolución é un eido que sempre me interesou, e do que teño lido unha pequena presada de libros (incluíndo un par deles, en inglés, da biblioteca de Outes). Dentro dos temarios das oposicións de historia, un dos meus favoritos -o 37- ía precisamente arredor da Historiografía (que non a Historia) da Revolución Francesa, e que tería escollido con certo gusto a falta de que caesen os meus temas mellor preparados (os idade media, mundo clásico, historia política moderna e contemporánea e arte). Soboul é un dos maiores representantes da tradición 'Clásica' ou Marxista, xunto con Lefebvre, unha tradición que (talmente o Palast der Republik) os historiadores revisionistas, con François Furet na cabeza, andiveron a derruír.

domingo, abril 16, 2017

Dobre reseña: Los números primos / Un descubrimiento sin fin

Los números primos:  Un largo camino al infinito / Un descubrimiento sin fín: El infinito matemático

Enrique Gracián

2011, RBA

* * * * (bos)

Parella de volumes de matemática divulgativa, obras do mesmo autor, interesantes e asequíbeis. 

Entre os primeiros libros cos que fundei a miña biblioteca actual había tres coleccións de kiosko: Atlas Culturales del Mundo, de Folio (Xeografía e Historia de eras e áreas importantes), Civilizaciones Perdidas, de Time-Life (Arqueoloxía) e unha Historia de España, de Salvat, en 26 tomos. Dende aquela non volvera a recurrir a este formato, mais uns meses atrás, como xa vos teño comentado, suscribinme á colección de Con-ciencia / Materia III 'Descubrir la ciencia'; a día de hoxe, estou apuntado a outras dúas presadas de libros de matemática divulgativa: os das series 'Genios de las matemáticas' e 'El mundo es matemático'.

Son dous volumes desta última dos que vos quero falar hoxe. Cadrou por azar que os dous primeiros que lín dela son obra do mesmo autor, o divulgador e docente Enrique Gracián, do que podedes aprender máis cousas eiquí.

O volume dos números primos, primeiro da colección, aborda un tema que polas súas características o fai especialmente apto nun libro de divulgación: os primos son obxetos matemáticos que descubrimos e cos que comezamos a operar na primaria, e xa que logo, relativamente doados de entender, mais o estudo da súa aparición e posíbel recursividade é un dos temas máis abstrusos e avanzados da matemática máis abstracta e complexa (Teoría de Números). Ao longo das súas 139 páxinas imos vendo os sucesivos intentos por domear este serie particularmente intratábel: o seu descubrimento inicial e cálculo de mans dos gregos e a 'peneira de Eratóstenes', os intentos infructuosos de Mersenne ou de Fermat por atopar algunha fórmula que só producise números primos, as sumas infinitas e a función Zeta de Euler, que se pode expresar coma produto de tódolos números non compostos, a intuición de Gauss para chegar a unha aproximación aos números primos menores ca un certo número x empregando logaritmos naturais, a función Zeta de Riemann... O libro remata cunha sección encol dos usos prácticos destes números (sobretodo, criptografía) e unha panorámica do 'estado actual' da cuestión.

O exemplar arredor do infinito é, malia ser o décimo, o primeiro que lín da colección, xa que toca unha temática que me resultaba moi atraínte, na que xa me introduciran algúns videos de youtube, e  tamén asequíbel e interesante para o leigo en matemáticas. De novo axexamos nestas páxinas unha evolución histórica do concepto de infinitude, presente dende alomenos os antigos gregos (os paradoxos de Zenón, a materia primordial, Aristóteles), anque cunha distinción moi relevante entre o infinito potencial, aceptado por estes e polo noso sentido común, e o actual, co que nos custa aínda entendermonos. Séguese coa descripción co Cálculo polos europeos do XVIII, a ferramenta matemática que permitía traballar co infinitamente pequeno e coa física da natureza; As últimas seccións, quizaves as máis relevantes, xiran arredor de Georg Cantor, o xenio incomprendido que revolucionou a matemática cos seus traballos arredor de teoría de conxuntos e das diferentes clases de Infinitos existentes (hai infinitos infinitos diferentes!) nunha labor chea de dificultades e controversias que o levaron á tolemia, pero tamén a unha eterna fama póstuma.

Os dous libros son moi entretidos e relativamente doados de seguir para persoas cunha formación matemática moi limitada, como é o meu caso -o que non quita que teñan fórmulas e demostracións-, e non podo menos que recomendárvolos se caen nas vosas mans (sospeito que poden estar en non poucas bibliotecas de institutos do país). 

Ends and Means

"Non hai gris, tan só branco que se luxou. Sorpréndeme que non o saibas. E o pecado, meu homiño, é cando tratas ás persoas coma obxetos. Incluíndote a ti mesmo. Iso é o pecado".

Terry Pratchett, Carpe Jugulum 


"Obra de tal xeito que empregues á humanidade, tanto na túa persoa como na persoa de calquera outro, sempre ao mesmo tempo coma fin e nunca simplemente coma medio" 

Immanuel Kant, Fundamentación da metafísica das costumes

sábado, abril 01, 2017

O Vernero que foi - Febreiro/Marzo '06

Estes dous meses de tempo atrás foron moi productivos no que á escrita dixital se refire; entre a presada de 16 entradas topamos un pouco de todo: anacos de libros que estaba lendo, libros que quería ler/mercar, dúas estampas de Kandinsky, un dos meus pintores favoritos de sempre, algunha creación pseudoliteraria...

Creo non ter falado en ningures do nacemento desta paixón polo artista ruso; no remoto 1998 en que estudaba Historia da Arte en COU, o final dunhas fotocopias incluía un comentario dunha pintura do autor -ningunha das súas pezas máis sonadas; pode que fose unha fotocopia en branco e negro da súa primeira acuarela abstracta, de 1910-; o caso é que me plantexei daquela levar a cabo o esforzo intelectual e estético por entender e quizaves aprezar a imaxe, con tanto éxito que as poucos meses xa estaba escribindo artigos encol da abstracción na nosa revista do instituto, e uns meses máis tarde ía ler con devoción as páxinas de 'Do Espiritual na Arte' e dun volume-antoloxía-estudo moi iluminador e colorista da editorial Taschen. Reloxo do tempo acelarado un pouco máis, e temos unha lámina, Amarelo-Vermello-Azul, de 1925 que durante moitos anos adornou a habitación do meu primeiro piso universitario. Porén, na primavera do 2006 estaba acubillado na minúscula cova en Xeneral Pardiñas que foi o meu segundo fogar santiagués, desta volta, sen cartaces nas paredes mais cunha minúscula sala con televexo dende a que vía con interese noticias en inglés e capítulos de House MD.

As citas e fragmentos permítenme unha reconstrucción parcial daqueles libros do(s) me(se)s: algúns eran cousa da carreira, e da última materia de literatura que cursaba (Huckleberry Finn, de Mark Twain, Wide Sargasso Sea, de Jean Rhys); outros, ferrinadas varias (o seu último libro, Contra Maquieiro, que me resultara un chisco decepcionante, e a entretida entrevista con Méndez Ferrín de Salgado e Casado, en Sotelo Blanco, na que se reparte leña a esquerda e dereita); algo de historia colábase tanto na vertente máis clásica (Historia Augusta) coma na posmoderna (O queixo e os vermes, de Carlo Ginzburg), e algún antollo persoal (Os Versos Satánicos, de Salman Rushdie e After Theory, de Tomas Docherty).  

Unha cita de Lord Dunsany lembrando os días con David e Ewa en Compostela conecta cunha compra relativamente recente; é difícil atopar edicións de bo papel e tapas duras deste autor irlandés que tanto me gorenta, polo que me tiven que conformar con esta antoloxía, que agora toca ler; conectan tamén as viaxes oníricas do irlandés coa inminente visita ao compartismo que tiña planeada para a Semana Santa daquel ano en terras italianas...

What keeps me away


sexta-feira, março 31, 2017

Libros do Mes

Un descubrimiento sin fin. El infinito matemático de Enrique Gracián

En la mente del niño de Tiziana Cotrufo

In pursuit of the Unknown: 17 Equations that Changed the World de Ian Stewart [E]

Philosophical Letters de Voltaire [E]

*Leibniz de José Muñoz Santonja

*The Survival of the Pagan Gods de Jean Seznec [E]

*The Murmuring Stream (2 vols.) de J.D. Frodsham

quarta-feira, março 01, 2017

Libros do Mes (Febreiro)

Por motivos persoais, estiven ausente e vou estar bastante ausente dos paisaxes dixitais durante o mes en curso, así que non vos sorprendades dunha certa escaseza de entradas, xentiña.

Reacciones cotidianas de José Manuel López Nicolás

Gauss de Antonio Rufián Lizana

En busca de la teoría del todo de R.A. Alemañ Berenguer

Historias de la tierra de Elena Sanz

Greek Lyrics de Richmond Lattimore (tr.) [E]

*In pursuit of the Unknown: 17 Equations that Changed the World de Ian Stewart [E]

*The Murmuring Stream (2 vols.) de J.D. Frodsham

*Matemáticas I (Bachillerato) de J. Colera Jiménez et al.

sexta-feira, fevereiro 17, 2017

Reseñas censuradas - Os señores da mentira

Como xa vos teño comentado algunha volta, na época en que traballaba no suplemento cultural do ABC concedíanme polo xeral bastante manga ancha, anque de cando en cando me botaban o lazo, e rexeitaban publicar algunha das cousas que lles fixera. Un dos 'textos censurados' foi esta reseña do libro de José Carlos Bermejo Barrera 'Os señores da mentira', xa que fustigaba en demasía, ao gusto dos editores, esa monstruosidade malchamada a Cidade da Cultura, e que como a Xunta poñía os cartos, había que edulcorar dende as páxinas impresas afíns.

LA VOZ DE LA VERDAD


DESCARNADA Y PRECISA DENUNCIA DE LOS ERRORES E INCOMPETENCIAS EN LA POLÍTICA Y CULTURA RECIENTES

Os señores da mentira
José Carlos Bermejo Barreda
Edicións Lóstrego, 2012
175 páxinas, 16.95 euros

En su despacho de la facultad de Historia, el profesor Bermejo cuenta con una placa en la que aparece la rúbrica “Rúa José Carlos Bermejo Barrera” y debajo ‘cráneo privilegiado’. Más allá de humorismos, lo cierto es que la tal placa honra con precisión al que sin duda es una de las mentes más cultas, lúcidas, multidisciplinares y críticas de la universidad gallega. Un ejemplo de estas virtudes nos lo proporcionan los ensayos críticos que ha juntado en este volumen titulado “Os señores da mentira”, y que siguiendo la búsqueda socrática, quiere traer algo de luz alrededor a las sombras de noche y niebla de las diferentes y nefastas intervenciones del poder público en lo que toca a las universidades, la memoria histórica, la intelectualidad y la cultura gallega y las políticas culturales de la Xunta de Galicia.
El volumen se compone de 7 apartados, cada uno una reflexión autónoma sobre un tema específico, al que sigue un apéndice con artículos de prensa donde se tratan parecidos temas aunque desde una perspectiva más sintética y específica. Así, en el primero (“Mentiras adecuadas”) Bermejo toca un tema habitual en sus aulas como es la teoría del ‘fin de la historia’ que a comienzos de los años 90 proclamara orgulloso Francis Fukuyama ante el asentimiento general. Vista con la perspectiva de los años, la tal teoría aparece claramente como un remedo pobre de hegelianismo mal entendido, y más que proceder a su demolición, siendo una ruina que cae por si misma, el profesor Bermejo ilustra más bien las causas por las que una formulación intelectual tan hueca pudo tener la propaganda y publicidad que tuvo en su día, aunque hoy esté medio olvidada.
Los siguientes apartados tocan temas específicos y también conectados con la historiografía como son la historia de las mujeres y la memoria histórica. Para él la historia femenina debe romper con viejos modelos de historia positivista; tampoco concuerda con cierta crítica ‘queer’ que rechaza cualquier tipo de ‘condición femenina’ que no sea una mera construcción social y cultural de dominación. En ‘A imposible memoria cívica’ pone de manifiesto la hipocresía y falsedad de los debates sobre memoria histórica española y franquismo, un espectro del que resulta imposible liberarse dado el desequilibrio de reconocimiento moral y legal entre los vencedores y los derrotados, sometidos a la doble derrota de la desmemoria, la vergüenza y el olvido; una situación que las tibias medidas del anterior gobierno socialista non fueron suficientes para solucionar de modo satisfactorio.
Las  siguientes reflexiones presentan una temática más común e uniforme, que gira sobre el descrédito de la política y sobre las incompetencias, complejos y ‘demonios familiares’ de la cultura gallega y de las políticas culturales de las últimas décadas. Fustiga Bermejo sin piedad la idiocia autocomplaciente e incluso corrupta, despilfarradora de las arcas públicas, que con la excusa de la promoción turística y la conversión de la ‘cultura’ en ingresos, sólo ha conseguido destruir recursos escasos, desaprovechar las oportunidades de crear un país próspero y dinámico con trabajo para los suyos y desenvolver un sistema productivo moderno. Una política desastrosa que encarna y cristaliza ese monumento fallido y colosal, tan grande y costoso como el despropósito de las políticas ‘culturales’ a las que representa, y que es la Cidade da Cultura, y cuya mejor culminación sería la de emular otro mastodóntico símbolo arquitectónico de la posmodernidad: el proyecto Pruitt-Ingoe, que acabó demolido por las cargas de dinamita.
La última reflexión (“A consagración da mentira”) habla del conocimiento, y forma un tridente que ataca los discursos simplones sobre el fin de este y su alcance sencillo y universal como fachada para una sociedad holgazana enemiga de los libros y por lo tanto, tanto más manejable por políticos y mass media; también ataca los defectos graves de la universidad española, y su sumisión a las reformas de Bologna, al burocratismo y a la descarada mercantilización como primer paso para su liquidación a manos del mercado.
El libro del profesor Bermejo resulta una lectura imprescindible para indignar más, si cabe, a una ciudadanía que también es responsable de los atropellos que se denuncian por acción u omisión. Y dará también montañas de argumentos desde los que intentar transmutar la indignación en cambio.

quarta-feira, fevereiro 15, 2017

Comparatismo

Estes días ando a ler cousas de poetas moi afastados no espazo e no tempo: dunha banda, un volumen dixital e antoloxía da lírica grega arcaica, que acubilla no seu seo algúns anacos de Arquíloco de Paros (c. 680 – c. 645 AC); doutra, unha monografía (estudo-tradución) encol de Xie Lingyun, o Duque de Kangle (385–433).

E non son só as coordenadas da cronoloxía e da terra ás que os separan: a nivel persoal, Arquíloco é unha figura 'plebea' cunha poesía mordaz, ferinte, antiaristocrática (é o presunto fundador do iambo na lírica clásica) anque tamén coas súas fonduras e retrousos gregos (o valor da mesura, o destino coma forza cega que move aos mortais); Lingyun é un nobre refinado e decadente, anque moi cedo seducido pola natureza salvaxe de ríos e montañas e pola mística budista, e porén un pai fundador, él tamén, da poesía paisaxística chinesa.

 Son estas diferenzas as que fan de coro antitético á semellanza que, tradución mediante, parécese albiscar nalgúns dos seus versos: concretamente, un par deles inclúen como elo común a importancia da mesura, de afrontar os auxes e caídas do destino humano cunha certa distancia reflexiva e con fortaleza; as imaxes que empregan son diferentes (o soldado firme sobre os seus pés, expoñendo o peito aos embates; o intelectual reflexivo contemplando o cambio das estacións) pero a mensaxe é a mesma, cubrindo cunha ponte de verbas o abismo que os separa, e tendendo outro lenzo do arco e da estrutura ao futuro que somos nós e que aínda está por vir.

terça-feira, janeiro 31, 2017

Libros do Mes

Tales of the Cthulhu Mythos de HP Lovecraft et al. [E]

El origen de la humanidad de Francisco J. Ayala

Archaeologies of the Future de Fredric Jameson

Entropía de Enrique F. Borja

El sueño de la razón de Nicola Canessa

Hesiod. The Homeric Hymns and Homerica de H.G. Evelyn-White (tr.) [E]

*Historia de la literatura griega de Albin Lesky [E]

*The Murmuring Stream (2 vols.) de J.D. Frodsham

*Introduction to Mathematical Thinking de Keith Devlin [E]

*Matemáticas I (Bachillerato) de J. Colera Jiménez et al.

segunda-feira, janeiro 30, 2017

O Vernero que foi: Xaneiro '06

No moi frío inverno de comezos do 2006 (unha friura climatolóxica que conxugaba cunha friura espiritual, da que lembro moi escasos flashbacks - ausencia de amigos en Compostela, a habitual tristia erótico-festiva, capítulos do doutor House no televexo, estadía nun minúsculo piso en Doutor Teixeiro, carreiras nocturnas pola Alameda e a Costa de Vite, camiñatas diurnas cara a facultade en mañás de sol frío, absorto nun libro de poemas que leo mentres ando-) víame acosado por soños opresivamente intensos, que exorcizaba na escrita de textos íntimos e indiscretos. Lía tamén a Bauman (Lexisladores e Intérpretes) que acaba de falecer non vai moito, e cuxas sabias anque tristeiras reflexións tampouco axudaban a levantar o ánimo. Todas as imprensións melancólicas de xaneiro escorrendo, implacábeis, como as famosas augas do río de Lao Tzu que aos poucos esfarelan a rocha e a montaña, ou coma as pingas que se filtran nas rochas calcáreas para formar estalactitas nas covas interiores: a verdade e coñecemento non son compañeiros necesarios da felicidade, anque cando un pode ver as cousas dende unha distancia estoica, valen máis ca esta.

terça-feira, janeiro 24, 2017

Arcaica

Lendo estes días un volume con textos de Hesíodo e apócrifos homéricos, anacos variados de poesía grega arcaica (maiormente épica, en hexámetros), estas dúas cousas, entre outras, chamárone a atención:

A primeira é un dos versos da Titanomaquia, onde se narraba o combate entre os deuses olímpicos e os xigantes (os seus primos, os Titáns) polo dominio do mundo. O poema como tal perdeuse, anque atopa versión resumida na Teogonía hesiódica e en obras de arte -por exemplo, os frisos do Altar de Pérgamo-. Nestas verbas acubilladas nas obras de Ateneo, lemos que:

Eumelo nalgún lugar introduce a Zeus danzando; dí "No medio deles danzaba o Pai dos Homes e dos Deuses".

Alén da curiosa imaxe do deus danzarín, estatua mental dun Shiva europeo e neoclásico de marbre pulido, tamén capturou o meu maxín o Epigrama número XIII, tamén cunha presenza oblicua do Crónida enviados flocos, un poema moi axeitado ás friaxes do inverno, aos avatares persoais do mantedor, e lucindo cunha cadea de metáforas sinxelas e seductoras, tal un brazalete de ouro ou de oricalco dos que desenterraba Schliemann en terra troiana:

XIII

Os nenos son coroas do home, torres da cidade; os cabalos son a gloria da chaira, e asemade os barcos do mar; as riquezas fan un casa grande, e os príncipes reverentes sentados en asamblea son cousa gorentosa de ver para o pobo; Mais un lume ardente fai unha casa máis acolledora de ver nun día de inverno, cando o fillo de Cronos envía e neve dende enriba.