súplica para George Franju
retrata isto. eu farei o asasino. 16 milímetros.
ébano e marfil. o contraste máis puro. iris pechado.
ábrete sésamo. unha pantalla de cremoso raso branco.
nese colo de boda un branco gato persa. unha pálida
man acaríñao. ronroneo de leite. acércate lentamente. son eu, ves?.
nun traxe negro de seda. gafas escuras. luvas de cabritiña.
tan sinistro coma permita a lei. volvín
da ópera. micho merodeador micho macho.
se son un macho entón non importa.
estou na repisa. a unha caída de varios pisos.
como puiden executar este brillante desfile de pasarela? iso depende
de ti. franju. mais alí estou. pousada no
alféizar da súa xanela igualiño que un suxo paxaro azul, o dorso do meu
pescozo está mollado. séntome alí polo que parecen horas.
un xogo de xadrez con pezas humanas. ela fai o primeiro movemento.
é bastante sinxelo. ela érguese para axustar as súas
medias caídas. ás súas púas de pascua viríalles ben
algo de vaselina. o seu xesto mate reflexándose
no charol. dispara á azorada
vaidade. imaxe no espello. mira ao bicador
fitando dende a mica. pintura de beizos tan espesa
que poderías tallar as túas iniciais nela.
ningún alias non eu. as miñas iniciais son PLS e gustaría
de deixar o meu monograma. primeirísimo primeiro plano
do meu puño firme. fresca e fría coma o mentol. o tipo
de seguridade que un consegue através dunha nariz aberta.
cocaína. podo facelo. mira como ergo os meus dedos
de coiro. páxaro azul escocendo por un pescozo branco e carnoso.
golpeo. non é rival para mín. o frío, adhesivo
toque do polbo. saco a luva
ruxe-ruxe. glub glub. xa non está.
mentres aparecen os títulos de crédito iniciais. o asasino,
veloz coma un atleta, está escapando.
brincando de tellado en tellado
correndo contra o fondo de formas piramidais
cara a escea/sena de escuridade
música de persecución. o asasino.
16 mm. branco e negro.
g. franju. con patti smith.
george franju. mediatízame.
dispárame coa kodak.
fareino de balde.
Mostrar mensagens com a etiqueta Patti Smith. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Patti Smith. Mostrar todas as mensagens
segunda-feira, maio 07, 2007
terça-feira, abril 03, 2007
Mmmmmúsica
Pensei que me ía a librar das redes que teceron, mais non foi tal. E xa que a pequena robota medio eslovaca me convidou ao tema este das cancións eróticas, non pode un declinar a participación, anque sexa pola preguiza de idear unha boa excusa. Dez cancións son bastantes cancións, mais confío en que Youtube me surta de exemplares ilustrativos...
Valla por diante, iso sí, que como malvado opresor falócrata, patriarcal, eurocéntrico, racionalista, branco, culturalmente colonizado polo Imperio e todas esas cousas, o erotismo éntrame máis polos ollos que polas orellas.
Comezaremos co 'Gloria' de Patti Smith, unha orixinal versión sobre un tema de Van Morrison ao que lle reescribiu poéticamente a letra. O tema encabezaba o seu primeiro disco, 'Horses', e vale como exemplo do que dicía ela sobre o bo Rock & Roll: é practicar o sexo cunha morea de xente ao mesmo tempo.
Malia ter amigos o suficientemente dexenerados como para atopar atractiva á pacatísima Julie Andrews de 'The sound of music', a canción 'My favourite things', jazzeada por John Coltrane está ben, e podes imaxinar mulleres máis coquetas e sexuais danzando ao seu paso. Alén, o título é apropiado, e inclúe a sombra ausente dunha das cousas favoritas: a cópula considerada como unha das belas artes.
Certamente, 'My ding-a-ling' de Chuck Berry é máis unha cómica defensa da masturbación ('sexo coa persoa que máis queres' dixo Allen) do que unha epopea erótica; 'Maybelline' iría mellor, mais non quero facerlle progadanda á compañía do colaborador dos Nazis...
Meténdonos máis en pomada, estraio agora 'Kentucky Woman' do 'Book of Taliesyn' de Deep Purple (gran e psicodélica portada a dese disco, amais), co que percorremos os fértiles campos do Heavy, ao que chegou de xeito inverosímil FraVernero na pescuda de cancións de temáticas arredor de Tolkien ou Lovecraft...
'While my guitar gently weeps' é ao meu ver a mellor canción de George Harrison, antes de que lle dese salvaxemente polas ragas interminables e o misticismo Hindú. Nesta ocasión traballa a guitarra que dá gusto, e faime pensar nesa musa popeira que foi Patti Boyd, que fixo sufrir a Eric Clapton, mellor guitarrista que Harrison, as coitas do amor non correspondido ("quien no tuvo (des)dichas heroicas" dicía o poeta, anque no meu caso particular non as afogaba con heroína...), e que deron lugar á famosa 'Layla'.
Por suposto, todo un clásico, e que profundiza no baleiro da non correspondencia ou simplemente do abismo entre a promesa de pracer e felicidade infindas e as limitacións de realidade (ao tempo que seo ritmo apuntala esas mesmas promesas) é o 'Satisfaction' dos Rolling Stones (co cal volvemos, amais ao narcisimo autocentrado da canción de Berry).
Anque sexa repetir aos Beatles, non podo resistirme a meter a canción 'Honey Pie' do Disco Branco, o que máis me gorenta deles, seguramente pola estrema mistura de estilos. Neste caso toca unha peza estilo Ragtime, que sempre me imaxinei cantándolle, cun contrapunto irónico, a algunha das miñas Amadas Inmortais.
Como fanático entusiasta de Bob Dylan (home que ten a habilidade de atraer moitos entusiastas fanáticos), véxome na obriga de escoller unha de entre as súas... Girl from the North Country contén o toque de tristeza lírica, evocación e pouca causticidade axeitadas.
Last not least, podemos rematar con 'I wanna be your dog' desa superavó que é Iggy Pop (como brincaba no Monte do Gozo o animal, e qué peito cos anos que ten e as drogas que tomou...), co que concluímos un fín de festa intenso, suoroso e lixeiramente masoquista...
Fica tan só pasar o testigo (incluíndo as consabidas promesas e ameazas: esta cadea leva en pé dende o primeiro milenio, rachala traerá sobre a túa bitácora as doce pragas, spam interminábel e poucos lectores, etc...). Polo que vai para:
Pris
As Lauridinhas
Suroeste
Lord Elric
Soños de Delft
Etiquetas:
Beatles,
Bob Dylan,
Chuck Berry,
Deep Purple,
Eric Clapton,
Iggy Pop,
John Coltrane,
memes,
Música,
Patti Smith,
Rolling Stones
terça-feira, março 07, 2006
Cinco Libros e Cinco Mulleres
Fai moitos anos adicáralle a un dos meus mellores amigos un estraño cumprido: 'es unha mistura de libro e muller'. Anque poida soar extravagante, a formulación consegue xuntar as dúas cousas que máis pracer me dan e que máis desexo, respectivamente.
Dado que na miña outra casa xa fixen unha entrada sobre libros de historia que tiña que mercar e ler urxentemente, hoxe vai tocar aquí unha lista doble de libros -non de historia- a mercar e ler a medio prazo (alomenos, despois dos da lista anterior), e de mitos eróticos do mantedor. Nalgúns casos, unha cousa solápase coa outra, como veredes...
5 Libros
-'O bosque dos raposos aforcados', de Arto Paasilinna; este home é, ao parecer, un novelista de culto no seu país, Finlandia. A obra foi vertida ao galego polo meu amigo Tomás González Ahola, polo que alén do interés meramente literario entran en xogo factores sentimentais. É tamén o primeiro proxecto, creo (xunto con 'Seda', de Baricco), dunha nova e valente editora adicada á traducción de textos ao galego: Rinoceronte Editora.
-"Vida y visiones de Hildegard von Bingen", publicado por Siruela, con cd de música e pinturas da propia autora. Hildegarda é unha ben coñecida mística, visionaria, escritora, compositora... e abadesa de mosteiro. Neste caso confésovos que o seu espectro persegue as miñas pulsións libidinosas, anque ao contrario de Patti Smith, non me masturbe coas imaxes de escritoras mortas
-"O Anti-Edipo. Capitalismo e Esquizofrenia"
-"Heike Monogatari": incríblemente, este clásico da literatura xaponesa acaba de ser traducido e publicado por Gredos (unha famosa colección de tapas gris e marrón que habedes coñecer, e que saca libros carísimos e interesantes).
-e last, not least, o primeiro tomo de "Mito y Epopeya", de Dumézil, un clásico da mitoloxía comparada que está editado por Seix Barral.
5 Mulleres
-Sophie Scholl: a loitadora antifeixista e membra da 'Rosa Branca' está agora de nova actualidade polo estreo na carteleira dunha producción alemana, nominada aos Óscar e dirixida por Marc Rothemund. Nalgunha ocasión ideara un texto cursi sobre ela e outras víctimas do Totalitarismo, incluíndo a metamorfose en raposa amarela de sete colas, que afortunadamente non cheguei a escribir...
-Rosa Luxemburg: ben lembramos aquilo de que 'a liberdade é sempre liberdade para disentir'. A demasiado lúcida revolucionaria e teórica alemá (ou polaca, ou xudea...) foi asasinada o día anterior á miña onomástica, e arrebolada con Liebknecht a unha canle que visitei cando estiven en Berlin.
-Virginia Woolf é para min a grande escritora modernista, e a novela 'Ao faro' ('To the Lighthouse'), unha das lecturas máis pracenteiras das que teño memoria (anque nos comezos atascárame algo na primeira parte; a central ('Time passes') é unha auténtica delicia, trala cal xa estás enganchado á novela). Coñézolle dúas fotos, nunha das cales sae moi avellentada, pero na outra, de nova, está estupenda e lixeiramente espectral.
-Ingerborg Bachmann é unha das miñas poetas favoritas. A nativa dunha Carintia rural e reaccionaria seguiu os pasos de Goethe e de Zacarías Werner na pescuda do limoeiro florecido; publicou poucos pero selectos títulos (recoméndovos dous en Hiperión: 'Invocación á Osa Maior' e 'Non sei doutro mundo mellor').
-Para rematar, acabo coa xa citada Patti Smith, musa rockeira, e a única que segue viva destas particulares mitoloxías que dibuxei hoxe para vós ('Pandoroloxías' sería máis axeitado). É unha das poucas mulleres á que son capaz de perdoarlle estéticamente a poboada mata que coroa os seus sobacos (anque creo que iso xa é cousa do pasado, cando cultivaba aquel look andróxino de Raíña-Poeta do Punk; tralo matrimonio con Fred Smith pasou a tocar o clarinete e a voltar a encaixar nun imaxinario feminino máis clásico).
-Rosa Luxemburg: ben lembramos aquilo de que 'a liberdade é sempre liberdade para disentir'. A demasiado lúcida revolucionaria e teórica alemá (ou polaca, ou xudea...) foi asasinada o día anterior á miña onomástica, e arrebolada con Liebknecht a unha canle que visitei cando estiven en Berlin.
-Virginia Woolf é para min a grande escritora modernista, e a novela 'Ao faro' ('To the Lighthouse'), unha das lecturas máis pracenteiras das que teño memoria (anque nos comezos atascárame algo na primeira parte; a central ('Time passes') é unha auténtica delicia, trala cal xa estás enganchado á novela). Coñézolle dúas fotos, nunha das cales sae moi avellentada, pero na outra, de nova, está estupenda e lixeiramente espectral.
-Ingerborg Bachmann é unha das miñas poetas favoritas. A nativa dunha Carintia rural e reaccionaria seguiu os pasos de Goethe e de Zacarías Werner na pescuda do limoeiro florecido; publicou poucos pero selectos títulos (recoméndovos dous en Hiperión: 'Invocación á Osa Maior' e 'Non sei doutro mundo mellor').
-Para rematar, acabo coa xa citada Patti Smith, musa rockeira, e a única que segue viva destas particulares mitoloxías que dibuxei hoxe para vós ('Pandoroloxías' sería máis axeitado). É unha das poucas mulleres á que son capaz de perdoarlle estéticamente a poboada mata que coroa os seus sobacos (anque creo que iso xa é cousa do pasado, cando cultivaba aquel look andróxino de Raíña-Poeta do Punk; tralo matrimonio con Fred Smith pasou a tocar o clarinete e a voltar a encaixar nun imaxinario feminino máis clásico).
Subscrever:
Mensagens (Atom)
