terça-feira, maio 23, 2017

Abschieds-Symphonie

Vai un par de días chegaron á súa fin as sesións lectivas dos cursos de inglés que, por segundo ano, estou a impartir na EOI de Noia. O ano que ven é case seguro que vou estar noutros lares e con outros alumnos. Botando a ollada atrás, podo dicir que este bienio recente foi enormemente satisfactorio a nivel académico e persoal, e que o ei de botar moito de menos, xunto cos seus estudantes, e gardar na memoria xunto aos instantes felices no locus amoenus e paradiso pechado das lembranzas.  

Mais non é aquí o noso sitio, coma dicía Netzahualcóyotl, ou All Things Must Pass, coma cantaba George Harrison, na súa vea de predicación budista. Xuntando fermosura con impermanencia, velaiquí tedes este vídeo encol das Mandalas de Area do Tíbet, que tamén visionamos nos derradeiros minutos da materia...


domingo, maio 14, 2017

University Myths

É un lugar común, no que mesmamente o mantedor mesmo ten caído, o de gabar a vetusta antigüidade das universidades europeas. Porén, e como case tódolos exercicios de interpretación histórica, poñer a énfase no que une ao Studium Generale medieval coas institucións académicas actuais, aínda cando compartan nome, espazo, edificios e carimbos, non deixa de ser unha verdade (ou mentira) a medias.

Igual de lexítimo que seguir a función continua da entidade docente sería verquer a historia en matemática discreta; Dende esta nova perspectiva, poderíamos dicir que as universidades de investigación que nacen, a comezos do XIX, coa Revolución Francesa e as reformas Humboldtiás teñen nada, ou moi pouco que ver, coas súas antecesoras de Antigo Réxime.

Non é que nos seus setecentos anos anteriores o organismo universitario non experimentase mudanzas; é que cualitativamente, a universidade premoderna non presenta rupturas importantes. Entre os cambios habería que citar, quizaves, un proceso lento (moi, moi lento) de superación da máis estricta supeditación a igrexa, e o aumento númerico (especialmente notábel coa chegada do Renacemento) das universidades; No eido da continuidade temos un número de carreiras limitado -coa Teoloxía como raíña, e cos escasas compañeiras: Dereito (nas vertentes civil e canónico) e Medicina-, no pensamento intelectual, un tremendo conservadorismo e reaccionario, ancorándose na escolástica e no pensamento aristotélico, cos profesores adicados a predicar a doutrina dogmática, e en xeral cunha atitude de desdén patricio cara a Revolución Científica dos séculos XVII-XVIII, moitos de cuxos científicos e pensadores buscaron acubillo nas Academias dezaoitescas, auténticos 'laboratorios de investigación' da época. Unha mostra é o xenial Gottfried Wilhelm Leibniz, que antes que enreixarse a ensinar nos muros da mediocre universidade de Altdorf preferiu percorrer media Europa coma mensaxeiro, diplomático e historiador ao servizo dos Electores de Hannover.


sexta-feira, maio 05, 2017

Varys is good for you

Imaxino que para a maioría dos lectores ou espectadores de Game of Thrones, a personaxe máis querida e aprezada é a de Tyrion Lannister, soberbiamente transladado á pantalla por Peter Dinklage. Poida que me equivoque: tal unha xeladería, hai abondosa variedade a escoller e de figuras coas que empatizar na saga de George R.R. Martin: Daenerys ou Arya, por exemplo, para mulleres empoderadas; calquera dos Starks, anque especialmente Jon para os que gustan do heroe nobre, un chisco gótico e atormentado; incluso unha translación nerdy dos lectores na figura de Samwell Tarly. Porén, un que suscita moi pouco amor, é unha mágoa, sen dúbida é o eunuco e mestre dos rumoreos: Varys, a araña.

Os castrados teñen mala fama, e soe ocupar moi frecuentemente o papel de viláns, tanto en obras de fantasía coma nos textos históricos dos mandaríns chineses, onde os funcionarios confuciáns verquen todo o fel, desprezo e pezoña que poden encol dos desafortunados capóns, aos que lles envexan amais o poder que exerceron sobre algúns emperadores. Como noutros casos (pensemos nas narracións de Suetonio e Tácito, tan parciais a prol da élite senatorial), é unha narración interesada e clasista que ignora a medida en que moitos destes pobres mutilados exerceron funcións políticas de alto nivel e con enorme desinterese persoal e altruista. E o maior e mellor historiador de tódolos tempos, Sima Qian tivo que pasar, por motivos inxustos, a súa masculinidade polo gume do coitelo.

Voltando a Westeros, Varys amosou de xeito reteirado ser unha das persoas máis íntegras das que circundan o Trono de Ferro, e das máis preocupadas polo benestar do reino e das súas xentes. Agardo con impaciencia velo de novo, dentro duns meses, encarnado na gran laboura actoral de Conleth Hill,  e man a man co meu anano favorito. Namentras, ergo a copa nun brinde pola restauración Targaryen e as historias que ha traer no seu remol.