sexta-feira, setembro 30, 2016

Libros do Mes

The Grand Scribe’s Records, vol. 10 de Ssu-ma Ch’ien / William Nienhauser (ed.)

Fenómenos cotidianos de Alberto Pérez Izquierdo

Contra la nueva educación de Alberto Royo

El francotirador paciente de Arturo Pérez Reverte

The Analects of Confucius de Robert Eno (tr.) [E]

*The Odyssey de Rodney Merrill (tr.) [E]

*Matemáticas I (Bachillerato) de J. Colera Jiménez et al.

sexta-feira, setembro 23, 2016

O Vernero que foi: Setembro '05

A caída das follas no outono do 2005 repenicaba axeitadamente no pazo de Trasalba, mesturándose coas sombras-en-sombras de Baleirón ou coas herbas reencarnadas de Álvaro Cunqueiro. Outra negra sombra, funérea e melancólica, pairaba no meu maxín naqueles días. Eran, porén, para moitos os días da esperanza en que o Fragasaurio perdera as eleccións e nos que comezaba un pequeno paréntese entre anos e anos da gaivota; mais a negra sombra manifestábase no regusto agridoce por mor dos malos resultados do BNG nas eleccións (quen nolos dera agora!) e do reformismo quintanista que se albiscaba dende a consellería. Coa perspectiva do tempo, é seguro que os mozos fomos demasiado esixentes con aquel goberno, no que alén dos seus erros, depositabamos unhas irrealistas expectivas de mudanza radical de todo ("hai que romper / romper agora"). O caso é que os que rompimos fomos nós, e máis dunha década despois, seguimos recollendo os anacos.

Nunha das miñas non frecuentes meditación políticas, cavilaba arredor da disxuntiva que toda forza política ten que afrontar entre a fidelidade aos ideais e a vontade de transformación; é unha tensión que non se restrinxe ao político, e que Salman Rushdie reflexa moi ben en moitos parágrafos dos Versos Satánicos, que aínda non lera daquela. Anque tentaba ser ecuánime e equidistante naquelas liñas entre os puros e os posibilistas, non creo que conseguise de todo diluír a miña antipatía cara a segunda destas posturas e os seus representantes, encarnacións dun tipo de política que só me inspiraba indiferenza e un certo patricio desprezo; tal era o remol inevitábel dun ultrarradicalismo previo que ía retrocedendo aos poucos, baixamar pasiño a pasiño, festina lente, perante os enbates de lecturas, realidades e de interminábeis debates e disputas cos colegas comparatistas arredor do posmodernismo e da crise dos metarrelatos. Porén, relendo aquelas liñas non topo ningunha discrepancia intelectual con elas once anos despois, o cal podería lerse positiva ou negativamente, empregando a mesma dialéctica (neste caso, aplicada a nivel persoal) da lealdade aos vellos ideais ou do aggiornamento aos novos tempos; ou podería indicar simplemente que escribín aquel texto con tento e con siso, e xa esculcando coa mans o país dunha certa madurez persoal e intelectual.

Máis mudanza descubro ollando para as liñas que citaba de Eagleton, un crítico literario ao que sigo respectando mais que xa ten caído (e non pouco) do pedestal en que o tiña daquela; é que se naqueles días aínda aceptaba os provocativos ataques a todo formalismo literario que emanan de Literary Theory: an Introduction, a día de hoxe son un furibundo esencialista con moi pouca paciencia cara as escolas do resentimento escritoril. Seguramente o meu purismo de antano mudou de habitación propia, que non de casa, e pasou da política á estética...

terça-feira, setembro 20, 2016

A prol das reválidas

Últimamente non deixamos de ler nos xornais novas sobre a inminente aprobación da primeira reválida en secundaria, filla da LOMCE, e os atrancos e a virulenta oposición que dende a 'esquerda educativa' se lle plantexan. Voume permitir, nesta ocasión, nadar contracorrente e facer unha defensa deste tipo de probas sempre e cando se fagan ben, e deixando claro que tanto a lei en vigor como a pésima praxe do goberno van ser exemplos de libro (permitídeme xogar a profeta) do que é facelas MAL.

Son varias as virtudes que presenta este tipo de probas, ao meu ver; a primeira é que garantizan que o alumnado de etapa realmente acadou de xeito uniforme os obxectivos curriculares mínimos que se agardan deles (e da etapa); o sistema actual está demasiado pensado para 'maquillar' a ignorancia, o desleixo, a preguiza e o desprezo do saber e dos contidos que sanciona a doxa pedagóxica imperante, e unha proba externa seria e ben deseñada obrigaría a todos, alumnado e profesores, a 'poñerse as pilas' e garantir a consecución dos ditos obxectivos. Ven a ser expandir a etapas previas o que xa fai a selectividade na etapa pre-universitaria de finais de bacharelato.

Outra ventaxa pode ser a de mellorar un chisco a atmósfera e a atitude cara a aprendizaxe na aula: a proba externa obriga ao alumnado, se quere titular, a facer un esforzo para prepararse para a proba; ese mesmo esforzo é unha boa lección e preparación para a vida post-académica, onde as esixencias laborais sobre o traballador van estar á orde do día; isto é algo moi visíbel, novamente, en segundo de bacharelato, anque a situación non é totalmente equiparábel nas etapas previas (onde teríamos outro problema a debatir, a saber, o da uniformidade comprehensiva das ensinanzas e itinerarios).

Da man do anterior, unha vantaxe non menor sería o cambio na atitude cara o docente: con probas externas, éste pode deixar de verse coma 'o inimigo' (ese que me vai suspender) e converterse, coma os entrenadores deportivos, nun 'aliado' (ese que me vai a axudar a superar a proba). A avaliación externa crea un novo filtro de obxectividade e un rol máis positivo para o profesor.

Moitos profesores obxetan cara as revalidas en tanto as consideran unha 'descalificación' das súas notas e do seu traballo docente. Eu diríalles que non ten porqué ser tal: nas EOIs nas que levo traballado a maior parte da miña vida laboral, a 'reválida' e a non avaliación por tí mesmo dos teus alumnos é a norma, non a excepción; e podo dicir que da excelentes resultados dende tódolos puntos de vista.

Outra obxeción é que as reválidas obrigan a subordinar a docencia e o traballo nas aulas á 'preparación do exame'. Tal cousa non tería que darse cunha reválida ben feita e ben deseñada, que se centrase en garantir os contidos mínimos dos que xa falamos; realmente isto entronca con outro problema totalmente diferente e do que tamén poderíamos falar noutra ocasión, a saber, o da hipertrofia dos contidos curriculares e das materias; ámbalas dúas cousas que ao lexislador lle resulta moi doado engadir con total e perfecta indiferenza das consecuencias reais, non das imaxinadas, dese 'empacho' ).

Porén, e como dicía no comezo, a reválida que nos ven sabemos que non só non vai ser a óptima, senon unha auténtica trapallada: imposta sen consenso educativo, sen consultar aos docentes (o cal é o consenso máis importante neste eido), privatizada para favorecer aos amigotes do ensino privado/concertado, densa e longa de máis, avaliando cousas que non se prepararon e/ou deron nas aulas axustadas ao currículo, non á revalida... Mais todo iso son incompetencias culposas da administración educativa actual, e non do formato das probas externas en sí.

quarta-feira, setembro 14, 2016

Seal of Office

"... e no séptimo ano da Era 永工作, o Mandarín Marabilloso foi nomeado Prefecto de Lang-chou, con dereito a portar o Gran Selo de bronce prateado con forma de tartaruga".

dos Anais Básicos do Mandarín Marabilloso