Teño que agradecerlle a Tomás que me descubrise, nun correo recente, as fantasías e fantasmagorías de Gótico Socialista deseñadas polo arquitecto soviético Iakov Chernikhov. Para un fanático de todo o que xunte as palabras 'comunismo' e 'vangarda' resulta especialmente sangrante saber tan pouco do periodo 'formalista' da arquitectura rusa dos anos 20-30 (a famosa escola Constructivista) alén da tópica Torre de Tatlin, monumento á Terceira Internacional e serie de pavillóns nunca construídos (el era ante todo pintor, non arquitecto) ou de algunha cousiña fotomontada por El Lissitzky. Unha vez estivera a piques de mercar un libro de segunda man sobre o tema na librería 'Trasgo', mais o paxaro voara cando fun a por el. Aproveitarei o verán e dous libros da biblioteca universitaria para porme ao día...
Namentras, déixovos cun dos seus debuxos para 'Pazos do Comunismo' [26/7/18 - xa non está dispoñíbel na vella ligazón. Ains...]. Podedes topar máis del na ligazón que adxuntei na Glossolalia (páxinas en línguas estranxeiras).