Mostrar mensagens com a etiqueta Qu Yuan. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Qu Yuan. Mostrar todas as mensagens

domingo, junho 07, 2015

Reseñas - A Madman of Ch'u

A Madman of Ch'u. The Chinese Myth of Loyalty and Dissent

Laurence A. Schneider

1980, University of California press

* * * * (bo)

Interesante estudo sobre a evolución histórica do mito, da simboloxía, das interpretacións e da figura do primeiro poeta chinés de nome coñecido: Qu Yuan.

Vai moitos anos tiven a oportunidade de escoitar (e logo de ler) unha ponencia de María do Cebreiro na que se facía un estudo interartístico e interliterario da personaxe de Ofelia. Nunha coordenadas semellantes, o libro de hoxe é un estudo académico sobre outra personaxe e as interpretacións e valorizacións da súa figura ao longo da historia intelectual de China.  

Qu Yuan (c. 339–278 a.C.), que comparte coa amada de Hamlet o amor polas flores e a 'morte pola auga' autoprovocada non é, porén, unha personaxe ficticia, senón real. Nos Anais do Gran Historiador cóntase por primeira vez a súa historia, na que aparece coma un ministro do antergo reino de Ch'u e parente de el-rei, que logo de ser calumniado polos seus inimigos é desterrado polo monarca. No exilio rural, Qu Yuan tería composto varios poemas laiándose da súa situación, e empregando a rica imaxinería local relixiosa e shamanística en versos nos que a 'persoa poética' percorre os ceos en carros de dragóns e comunga con deusas e espíritos da natureza. Un versos que aparecen recollidos na antoloxía de 'Elexías do Sur' (Chu Ci) e no seu poema longo 'Topando Tristeza' (Li Sao). Para saber algo máis deste libro podedes consultar a reseña que, no seu día, fixera da súa tradución inglesa, obra de David Hawkes.

Mais o libro de Schneider non é nen biografía nen estudo literario. O que interesa ao autor é outra cousa: a evolución do mito e da figura de Qu Yuan, que contou cunha sorprendente popularidade e vixencia dende os remotos días da dinastía de Han, cando por primeira vez se poñen por escrito, pasando polas eras da China Imperial e ata as disputas intelectuais de comezos do século vinte e da República Popular. É esta 'tradición' de aprezo, valoración e (re)interpretación a que estuda Schneider, xustificando os elementos perennes e mudábeis e os diferentes contextos cronolóxicos e sociais polos que vai pasando.

A lenda de Qu Yuan plantexa problemas e debates intelectuais sobre a tolemia e o suicidio, sobre o deber e a posibilidade de 'leal oposición' ao mal gobernante que son obxecto de cambiantes reflexións ao longo da historia. Así, nas dinastías de Han (206 a.C.-220 d.C.), Qu Yuan é aprezado coma bo poeta e exemplo de lealtade total ao monarca, anque cun aquel de excesivo na súa paixón e no seu manifestarse; ao longo das sucesivas eras imperiais, e co densenvolvemento da famosa burocracia confuciana e meritocrática dos mandaríns, estes funcionarios/intelectuais vanse ver reflexados no poeta mártir ao que collen como símbolo e espello dos seus propios desterros, e o énfase na tradición pasa da obediencia ao monarca á lealtade dun mesmo aos que considera os valores correctos e eternos; co século vinte, os artistas e escritores rupturistas e pro-occidentais verán no 'Tolo de Chu' o exemplo do primeiro romántico da súa literatura, e unha figura axeitada para problematizar as súas propias dificultades coma intelectuais desarraigados e ao mesmo tempo desexosos de porse á cabeza da modernización e emancipación nacional de China. E aínda quedarán por estudar outros dous 'Qu Yuan' en certa contradicción cos anteriores: o producto das tradicións folclóricas e populares e das festas tradicionais do verán (Tuan Wu, o 5 do 5, o festival dos barcos-dragón), onde o personaxe transmuta en deus da fertilidade e das transicións; e o comunista, o heroe nacional que se subordina e asume a linguaxe e os ideais do pobo.

A Madman of Ch'u resulta interesantísimo para ver un exemplo funcional do que é unha tradición no mellor sentido da palabra: non como unha serie de monumentos, restos acarunchados e inmutables do pasado, senón (seguindo a T.S. Eliot) coma un organismo vivo e mutable, con elementos estables pero tamén con moitos elementos proteicos; unha tradición intelectual de pensamento e de debate que se mantén viva só mediante a refundación e reapropiación que cada unha das xeiras sucesivas fan dos textos e dos pensamentos previos. En definitiva, aquilo que chamamos 'un clásico'.

domingo, abril 22, 2012

Reseñas - The Songs of the South

The Songs of the South: An Anthology of Ancient Chinese Poems by Qu Yuan and Other Poets

David Hawkes (tradutor e anotador)

2011, Penguin books (reimpresión)

* * * * (bo)

Excelente edición e traducción da segunda antoloxía máis antiga da poesía chinesa clásica.

A tradición literaria chinesa é moi descoñecida no mundo occidental, agás algúns dos poetas máis destacados da dinastía T'ang, coma Li Po ou Tu Fu. Nembargantes, cando estas e outras luminarias fixeron primeiro acto de presenza e de escrita, o chinés literario xa contaba con arredor de dous mil anos de práctica escrita; e as futuras manifestacións, nunha lingua moi semellante, continuarían de xeito ininterrompido ata comezos do século XX.

A primeira antoloxía poética desta língua que se conserva é o Libro das Odas (Shih Ching), do que xa temos falado algo nalgunha ocasión. A segunda máis antiga estivena a ler estes días pasados: é o Ch'u Tz'u (ou na moderna transcripción pidgin, Chu Ci), traducido habitualmente coma 'Poemas do Sur', ou 'Elexías de Chu'.

O reino de Chu (楚國) era un dos 7 grandes estados que se repartían o territorio chinés na época dos Estados Combatentes (475-221 a.C.). Asentado nas ribeiras dos ríos Yangtzé e Huai, presentaba unha cultura con rasgos que o diferenciaban dos demais reinos chineses máis ao norde, nas cuncas do ríos Wei e Amarelo. O chamanismo, por exemplo, era a relixión oficial, e éstes adicábanse á práctica de 'viaxes astrais' e chamamentos das almas fuxitivas como prácticas habituais.

Entre finais do século IV e comezos do III a. C. fai acto de presenza no reino que nos ocupa o nobre, cortesán e poeta Ch'ü Yüan (pidgin, Qu Yuan), que logo de ser desterrado da corte polos marmuradores e por criticar as políticas erradas de el-rei Huai, compón o longo e orixinalismo poema Li Sao ('Atopando tristeza') para logo suicidarse nas augas do Mi-Luo. En Li Sao, o poeta inspirábase na tradición chamánica para recrear as súas desventuras logo de verse desterrado: comeza describindo a súa orixe e as súas virtudes, representadas por unha exótica imaxinería floral, e a mediocridade dos 'aduladores' cortesáns que forzaron o seu desterro; continúa cun catálogo erudito de exempla de bos e malos reis e conselleiros do pasado, e remata cunha viaxe astral nun carro tirado por dragóns e escoltado por varios deuses e constelacións.

Este poema (e as tradicións orais nativas que mesturaban tamén a lírica e o chamanismo) darían lugar nos séculos seguintes a unha tradición poética, alcumada 'sao' que, alén de por formas métricas determinadas, se definía pola temática (o bo ministro desterrado e choroso, as viaxes sobrenaturais e a imaxinería vexetal e animal). Tras varios procesos de recopilación e engadidos, pasando polas mans de alomenos tres editores-poetas (Liu An, Liu Xiang e Wang Yi), a antoloxía adoptaría a súa forma actual e definitiva trala acción do derradeiro destes, a mediados do século II da nosa era, e case 450 anos despois da escrita de Li Sao. Outras pezas destacadas da colección son o Tian Wen ('Preguntas Celestiais'), unha especie de enciclopedia chamánica arredor da mitoloxía chinesa, o Jiu Ge ('Nove Cancións'), invocacións chamánicas a varias divinidades empregando un formato de viaxe-relación amorosa, o Jiu Zhang ('Nove Pezas'), que inclúe un lamento pola caída da capital de Chu a mans inimigas,  ou o Zhao hun ('Invocación da Alma'), no que a voz-poética/shamán realiza un ritual de chamamento á alma fuxitiva do rei para que retorne ao seu corpo, describindo os horrores do mundo exterior e as delicias da vida cortesá.  

A traducción íntegra desta secuencia é mérito do finado profesor inglés David Hawkes, anque algúns dos mellores versos da antoloxía xa foran obxecto de aparición noutras antoloxías ou de estudo doutras traductores (coma Arthur Waley, o decano e maior luminaria dos estudos siníticos do século XX). A súa edición, longamente descatalogada, retorna afortunadamente ás librerías na edición que nos ocupa. É unha edición anotada coidadosamente, e que contrastada con outras traduccións, amosa unha enorme lucidez estética e poética que acompaña o seu ton académico, e unha grande claridade nas escollas (algo moi complexo ás veces na translatio a linguas occidentais da poesía chinesa clásica, onde polas características da língua, hai frecuente elisión de suxeitos e indeterminación de tempos verbais, pronomes e enunciadores).

Só teño palabras de louvanza para esta magnífica obra, que lle recomendo a tódolos meus lectores. A única eiva é, quizaves, a pobreza do formato da edición (unha edición en tapa branda de Penguin en papel de escasa calidade).