domingo, junho 07, 2015

Reseñas - A Madman of Ch'u

A Madman of Ch'u. The Chinese Myth of Loyalty and Dissent

Laurence A. Schneider

1980, University of California press

* * * * (bo)

Interesante estudo sobre a evolución histórica do mito, da simboloxía, das interpretacións e da figura do primeiro poeta chinés de nome coñecido: Qu Yuan.

Vai moitos anos tiven a oportunidade de escoitar (e logo de ler) unha ponencia de María do Cebreiro na que se facía un estudo interartístico e interliterario da personaxe de Ofelia. Nunha coordenadas semellantes, o libro de hoxe é un estudo académico sobre outra personaxe e as interpretacións e valorizacións da súa figura ao longo da historia intelectual de China.  

Qu Yuan (c. 339–278 a.C.), que comparte coa amada de Hamlet o amor polas flores e a 'morte pola auga' autoprovocada non é, porén, unha personaxe ficticia, senón real. Nos Anais do Gran Historiador cóntase por primeira vez a súa historia, na que aparece coma un ministro do antergo reino de Ch'u e parente de el-rei, que logo de ser calumniado polos seus inimigos é desterrado polo monarca. No exilio rural, Qu Yuan tería composto varios poemas laiándose da súa situación, e empregando a rica imaxinería local relixiosa e shamanística en versos nos que a 'persoa poética' percorre os ceos en carros de dragóns e comunga con deusas e espíritos da natureza. Un versos que aparecen recollidos na antoloxía de 'Elexías do Sur' (Chu Ci) e no seu poema longo 'Topando Tristeza' (Li Sao). Para saber algo máis deste libro podedes consultar a reseña que, no seu día, fixera da súa tradución inglesa, obra de David Hawkes.

Mais o libro de Schneider non é nen biografía nen estudo literario. O que interesa ao autor é outra cousa: a evolución do mito e da figura de Qu Yuan, que contou cunha sorprendente popularidade e vixencia dende os remotos días da dinastía de Han, cando por primeira vez se poñen por escrito, pasando polas eras da China Imperial e ata as disputas intelectuais de comezos do século vinte e da República Popular. É esta 'tradición' de aprezo, valoración e (re)interpretación a que estuda Schneider, xustificando os elementos perennes e mudábeis e os diferentes contextos cronolóxicos e sociais polos que vai pasando.

A lenda de Qu Yuan plantexa problemas e debates intelectuais sobre a tolemia e o suicidio, sobre o deber e a posibilidade de 'leal oposición' ao mal gobernante que son obxecto de cambiantes reflexións ao longo da historia. Así, nas dinastías de Han (206 a.C.-220 d.C.), Qu Yuan é aprezado coma bo poeta e exemplo de lealtade total ao monarca, anque cun aquel de excesivo na súa paixón e no seu manifestarse; ao longo das sucesivas eras imperiais, e co densenvolvemento da famosa burocracia confuciana e meritocrática dos mandaríns, estes funcionarios/intelectuais vanse ver reflexados no poeta mártir ao que collen como símbolo e espello dos seus propios desterros, e o énfase na tradición pasa da obediencia ao monarca á lealtade dun mesmo aos que considera os valores correctos e eternos; co século vinte, os artistas e escritores rupturistas e pro-occidentais verán no 'Tolo de Chu' o exemplo do primeiro romántico da súa literatura, e unha figura axeitada para problematizar as súas propias dificultades coma intelectuais desarraigados e ao mesmo tempo desexosos de porse á cabeza da modernización e emancipación nacional de China. E aínda quedarán por estudar outros dous 'Qu Yuan' en certa contradicción cos anteriores: o producto das tradicións folclóricas e populares e das festas tradicionais do verán (Tuan Wu, o 5 do 5, o festival dos barcos-dragón), onde o personaxe transmuta en deus da fertilidade e das transicións; e o comunista, o heroe nacional que se subordina e asume a linguaxe e os ideais do pobo.

A Madman of Ch'u resulta interesantísimo para ver un exemplo funcional do que é unha tradición no mellor sentido da palabra: non como unha serie de monumentos, restos acarunchados e inmutables do pasado, senón (seguindo a T.S. Eliot) coma un organismo vivo e mutable, con elementos estables pero tamén con moitos elementos proteicos; unha tradición intelectual de pensamento e de debate que se mantén viva só mediante a refundación e reapropiación que cada unha das xeiras sucesivas fan dos textos e dos pensamentos previos. En definitiva, aquilo que chamamos 'un clásico'.

Sem comentários: