sexta-feira, maio 31, 2019

Libros do Mes

The Fifth Elephant de Terry Pratchett [E]

The Case Against Education de Bryan Caplan [E]

Al Juarismi de Carlos Dorce

*La Armonía es Numérica de Javier Arbonés e Pablo Milrud

*The Complete Works of Zhuangzi de Burton Watson (tr.)

*Pindar: The Complete Odes de Anthony Verity (tr.) [E]

*Calculus Made Easy de S.P. Thompson e Martin Gardner [E]

*An Introduction to the language of Mathematics de Frédéric Mynard 

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

sexta-feira, maio 17, 2019

O Vernero que foi - Maio '08

Como xa intimaba en entradas anteriores, maio do 2008 foi un mes moi significativo e importante para mín: por segundo ano (e por primeira volta, de xeito activo) participaba no congreso Urbes Europaeae, presentando unha ponencia sobre cibercidades para a cal elaborei o primeiro powerpoint do que teño memoria e que vos engado adxunto coma curiosidade. Malia o accidental do arribo á súa temática, o contido do meu parladoiro segue a ser, anos despois, o esquelete no que penso construír a miña tese que (sendo optimistas) debera estar rematada no próximo lustro. Alén da estadía estimulante en París, da que vos falo con máis detalle nalgunha das entradas dese mes, aledoume sobremaneira o reencontro con Sir Gawain, que estaba a facer un máster en Lutecia. 

Á marxe dos testemuños virtuais, topo no correo daqueles días outro esquelete no armario: o do poemario en prosa ΣΑΡΔÁΝΙΟΣ, do que chegara a formular unhas 29 páxinas -moitas delas retallos de cousas que xa fora publicando- denantes de deixalo aparcado. Algúns dos fragmentos -these fragments have I shored against my ruins - seguramente merecerían recuperación do abismo do esquecemento logo dunha concienzuda reescrita, anque o ton xeral, como se albisca no título, é demasiado amargue, e o seu regusto de posca, mel con limón, absinthum, suores frías e whisky barato non encaixa ben coa miña aurea mediocritas presente. Son supersticioso, e temo que evocar a tebra poida traela de volta. Coma dicían os gregos só cando un morre podemos dicir que a súa vida foi feliz, e os deuses teñen envexa dos mortais fachendosos. 

quinta-feira, maio 09, 2019

sábado, maio 04, 2019

Ad Vocatio (6)

Como dicíamos na entrada anterior, o ano académico 2007-2008 era o primeiro ano da miña vida (se excluímos os 6 primeiros) en que non participaba de ensinanzas regradas, e no que decidín que tiña que poñerme a buscar traballo de xeito relativamente urxente. Algúns benintencionados amigos pretendían aloularme con cantos de serea para que me plantexase facer doutorados aquí ou no estranxeiro, pero eu tiña a sensación (seguramente correcta) de que xa estudara dabondo e de que podía moi doadamente rematar no círculo vicioso dos bolseiros pre e post-doctorais que logo duns anos de traballo precario están cunha man diante e outra detrás, e xa perto dos 40 anos. Dentro das opcións laborais dispoñíbeis e medianamente realistas, a que máis me chistaba era a de profesor de historia en secundaria (o de ensinar inglés nen se me pasaba pola cabeza; que disfrutara de partes da carreira non quere dicir que pensase pasalo ben adoutrinando a adolescentes con gramática), anque vendo as cousas en perspectiva, non era plenamente consciente das características e sinsabores dese traballo. Abusando unha vez máis da xenerosidade familiar, ese ano adiqueino a estudar os temarios e facer programación, para o que me axudaba acudir dous días á semana a unha academia compostelá.

Como en tódalas oposicións, a competencia soe ser bastante dura, anque comparándome cos compañeiros de aulas, topaba motivos para ser optimista. Ao final levaba moitos temas moi ben preparados, seguramente moitos máis dos que necesitaba, e unha programación bastante decente con tódalas mentiras e parvoices pedagóxicas que xa me predicaran no CAP e que tiña a intención de cantar coma un papagaio. 

Un aspecto que me xogou a primeira das malas pasadas, e un anticipo do porvir, foi unha excesiva confianza nos méritos puntuábeis que tiña, e un descoñecemento do mecanismo bastante infame de compra/venta de pseudo-cursiños educativos que se estilaba naqueles días. No baremo final contaba cuns ínfimos 2.7, o que xa ía facer aínda máis costa arriba a competición; máxime co modelo de opos que rexía naqueles anos, o da famosa 'disposición transitoria' que privilexiaba moito a experiencia docente e minimizaba no posíbel os exames.

Chegados a Ourense e ás probas, o certo é que me desenvolvín dun xeito moi satisfactorio ao meu entender. Dos 5 temas do sorteo podía facer alomenos 3 con soltura, nun dos cales podía considerarme, amais, un experto; era o 50, As Revolucións Rusas, e aínda a día de hoxe, tendo en conta a subxectividade inevitábel, non penso que ninguén fose capaz de facer un tema máis extenso e completo do que producín nas limitadoras 2 horas coas que contábamos. Das defensas de programación e unidade didáctica lembro pouco, anque tiven tempo de expoñer todo o que pensaba dicir e de tocar tódolos paus que pensaba tocar. 

Uns días despois chegaban os resultados e o correspondente mazazo. Non se pode dicir que sacara unha nota terríbel, xa que se trataba dun 7.8 sobre 10; porén, alén de considerala baixísima para a produción que fixera, era claramente insuficiente para superar o concurso-oposición, dado o meu limitado baremo.

O peor de todo non era, contodo, o fracaso, senón a sensación de imposibilidade futura, xa que me vía incapaz de poder facer uns exames mellores aos que xa fixera. O corolario inevitábel que se seguía disto era a moi real perspectiva de que non puidese aprobar unhas oposicións, e pasase a engrosar de xeito semi-permanente a listaxe de parados sobrecualificados. A miña situación teríame resultado aínda máis tétrica se soubera daquela que ían tardar case 6 anos en voltar a convocar probas de Xeografía e Historia.

Sen ter claro qué facer da miña vida, agás probar sorte de novo na(s) convocatoria(s) seguinte(s), a finais de 2008 deixeime enlear para facer un máster relativamente asequíbel na USC. Non tiña nada que perder (as oposicións de secundaria convocábanse en anos alternos), e unha bolsa que gañar, xunto con algunhas outras cousas que non entraban nos meus plans. Coa perspectiva do presente, diría que ese fracaso do 2008 foi unha caída afortunada, sen a cal non tería coñecido á miña dona nen estaría traballando nun oficio (e nun sector) que me resulta moi satisfactorio, ao contrario do meu pequeno excurso nas ensinanzas medias. Mais diso xa falaremos en vindeiras entradas.