quarta-feira, outubro 31, 2018

Libros do Mes

The Fall of Berlin de Antony Beevor [E]

*Cross-Language Mediation in Foreign Language Teaching and Testing de Maria Stathopoulou

*Decline and Fall of the Roman Empire de Edward Gibbon , tomo 1 [R]

*Shih-ching de Ezra Pound (tr.)

*The Book of Songs de Confucio (ed.) e Waley (tr.) [R]

*The Routledge Encyclopedia of Language Teaching and Learning de Michael Byram (ed.) [E]

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

*The Darkening Age de Catherine Nixey [E]

terça-feira, outubro 30, 2018

O Vernero que foi - Setembro / Outubro '07

Transcorrido un mes de coller forzas, logo de moito viaxar e gastar, o outono do 2007 comezaba máis melancólico aínda do habitual. Tocaba unha época de comezos -ao ser o primeiro ano da miña vida en que non estaba apuntado á ensinanza regrada, senón simplesmentes a unha academia para preparar oposicións de Historia-, mais neses días de frío ascendente ía tocando máis ben a Sinfonía dos Adeuses, despedíndome de Compostela e dos amigos universitarios, e aínda seguía pelexando cos espectros e frustracións do pasado.

Fitando as entradas vexo que lía encol do Lissitsky, cavilando en completar un proxecto de vello, que segue durmindo o soño dos xustos, na forma dun libro ou artigo longo sobre a Vangarda Soviética, quizaves chamado 'Os Doce Apóstolos' para centralo en doce figuras e conectar co verdadeiro buque, cheo de minas vellas e ancorado en Odesa, que serviu para as gravacións do Acoirazado Potemkin. Na mesma liña bolxevique, percorría tamén as páxinas do diario de cadea de 'Félix de Ferro', e outras lecturas variadas (Indoeuropeística, Klimt), testemuño do meu padal e dos meus intereses ecuménicos.

Porén, o que máis define aquel tempo é a tristeza densa, acorante, inmortal que me apretaba o pescozo, tristeza non só das mudanzas, senón das repetidas e sonadas frustracións sentimentais; na cifra deses 60 días encríptase o nádir da miña infelicidade e o maior outono do meu descontento; mais o bo de tocar fondo é que xa só fica unha dirección vertical na que rubir.

sábado, outubro 13, 2018

Yo me escapé

Conta a lenda (e contaba o xadrecista aficionado Javier Rodríguez 'Panero' con delectación) que logo de fuxir da URSS, e cando o xadrecista ruso Víktor Korchnoi participaba no torneo polo título mundial de 1978, a delegación soviética esixiu que xogase baixo unha bandeira branca rotulada 'apátrida', ao que o mestre ruso tería respondido, con moita retranca, que aceptaba a idea da bandeira branca anque cun recheo tipográfico diferente: "Eu conseguín fuxir". A anécdota venme ao maxín cando reflexiono, nesta chuviosa tarde outonil, encol da miña propia escapada da ensinanza secundaria, consumada de xeito definitivo este ano.

Son consciente de que non fun xusto coa docencia a adolescentes (anque certo é que xa non me gorentaban moito cando eu era un deles): para empezar, só botei un ano neses trafegos, e a miña imprensión subxetiva é que un non se sente seguro e cómodo nun traballo alomenos ata botar 2 ou 3 anos nel (é o que calculo que me levou no caso das Escolas Oficiais de Idiomas); malia pertenceren ao eido educativo, os dous tipos de traballo que realicei non tiñan prácticamente nada en común, e non se retroalimentaban; que o centro e os grupos que me tocaron en secundaria non fosen os máis doados de lidiar para un profesor novel tampouco facilitou que me integrase ben. Estou seguro de que, con máis anos, experiencia e noutras contornas había facer un traballo tan bo, e de sentirme tan a gusto como agora na sección de Noia. E seguramente, había ser quen de cultivar algunha maior empatía cos meus discentes (algo que me resulta moi doado cando son adultos, agradecidos e/ou racionais).

A vida da moitos xiros, e anos atrás tería considerado merecedor dunha hospedaxe permanente en Conxo a quen me asegurase que ía rematar os meus días ensinando inglés, e disfrutándoo. Non creo que as reviravoltas me leven de novo ás trincheiras das ensinanzas medias, e dende logo nun mudarán o respecto e admiración cara o traballo e a paciencia dos ex-compañeiros que persisten nunha meritoria guerra fría contra as cadeas da ignorancia e da inmadurez, e nun contexto de case nulo recoñecemento e aprezo.