Mostrar mensagens com a etiqueta Xapón. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Xapón. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, abril 03, 2015

Fénix de metal e madeira laqueada

“Cual nueva Fénix en flamantes plumas matutinos del Sol rayos vestida”
Luis de Góngora, Soledad Primera

Atópase a vila xaponesa de Uji ás aforas de Kioto, anterga capital imperial, e xunto con ela, repositorio dunha serie de ruinas, templos e castelos incluídos baixo o epígrafe “Historic Monuments of Ancient Kyoto (Kyoto, Uji and Otsu)” na listaxe do Patrimonio Mundial da Humanidade, da Unesco, facendo compaña entre outras á catedral de Santiago ou á Torre de Hércules. A distancia que media coa vella capital é mínima, e leva a día de hoxe uns quince minutos en tren; porén, nas idades anteriores aos coches e ferrocarrís, naquela época de esplendor cortesán e poético que tan ben recrea Murasaki Shikibu na súa novela de Genji, Uji era un pobo tenebroso e escasamente poboado das aforas ao que levaba unha boa xornada de marcha dacabalo chegar; un escenario lúgubre e telón de fondo para a parte máis tristeira da súa novela, cos amoríos frustrados de Ukifune o seu suicido frustrado nas augas do impetuoso río que aínda lle dá nome ao lugar. O Uji segue a correr, cabalo salvaxe de escumas abondosas, baixo unha ponte reconstruída, e a cidade a medrar. Tras unha pequena marcha dende o río chégase ao seu monumento máis sinalado: o Byodoin.
Construíndo na época de esplendor cultural e cortesán de Heian (794-1185), o Byodoin realmente naceu como mansión campestre e aristocrática. Poucos anos da súa construcción pasaría a mans de Fujiwara Michinaga, o máis senlleiro representante dunha dinastía de políticos e rexentes que nos comezos do primeiro milenio conseguiran facerse co poder político no Xapón, reducindo aos emperadores a figuras decorativas e facendo de xenerosos mecenas das artes e das letras. O pouco modesto Michinaga tería oportunidade de congratularse das súas florecente fortuna en versos tan fachendosos coma os seguintes: “Este mundo noso, penso, / é de certo o meu mundo. / Como a lúa chea, alumeo / sen que me tape nube algunha”.
Será o seu fillo, Yorimichi, o que done a vila a unha orde relixiosa, converténdoa nun templo que, grazas a unha singular fortuna émula da de Michinaga, é o único edificio orixinal do periodo de Heian que (restauracións aparte) se conserva intacto a día de hoxe, sobretodo no que toca á súa edificación principal: o Salón do Fénix (鳳凰堂 Hōō-dō), ou de Amida, construído en 1053, e recentemente restaurado polo goberno nipón para revivir as súas cores exteriores e o seu esplendor.
O Salón do Fénix está composto por unha estructura rectangular e central escoltada por dous corredores laterais en forma de L e un traseiro, en forma de cola; diante presenta una  enorme lagoa artificial. O seu nome informal de ‘Salón do Fénix’ derivaría da parella de estatuas douradas desta ave mitolóxica que decoran o tellado da construcción ou da forma mesma do edificio, que coas súas edificacións laterais e traseira asemellaríase á figura dun fénix coas azas estendidas.
Dentro do edificio topamos unha xigantesca estatua do Buda Amida, a cuxa secta e culto está adicado o templo que nos ocupa. O culto a Amida promete, fronte a outras formas máis rigoristas de budismo, unha salvación directa e sinxela para os seus devotos, que cando morran serán escoltados por Amida cara a Terra Pura de Occidente. Tal é a escea (raigo, en xaponés) que, nunha sorte de retábulo, representa a estatua dourada do Byodoin: de case tres metros de altura e tallada polo mestre Jocho en madeira de ciprés xaponés (cryptomeria), o Buda repousa sobre un trono de loto e envolto en chamas de aurivería con imaxes de apsaras e boddhisatvas. Nas paredes de fondo habería pinturas (hoxe apenas conservadas, anque no museo pódense ver reconstruccións) e estatuas de madeira coas deidades celestes que tocan instrumentos e acompañan a Amida no seu descenso pola alma do finado.  

Para todos aqueles que viaxen non á Terra Pura senón ao sorprendente e fermoso país do sol nacente, o Byodoin é unha parada obrigada que non vos debedes perder. Máxima trala restauración recente que vos citaba denantes, e que lle permite a esta ave fénix de metal e madeira laqueada lucir coma nova de trinque. No parque que ten diante pechade os ollos e imaxinade por uns intres que o sol a disolve, ou desata, en cinzas, con raios cos que ela mesma volve a refacerse e a vestirse, máis fermosa e refulxente que antes.


domingo, outubro 05, 2014

Rule, Britannia

A vila natal da miña dona, Shimonoseki, conta con algunhas edificacións curiosas. Unha delas é o santuario de Akama, adicado á memoria do neno emperador Antoku e os seus parentes do clan Taira, afogados perto do templo trala batalla naval de Dannoura que se descrebe de xeito emotivo e maxistral no Heike Monogatari. Outra, pertencente case a outra galaxia ou universo cultural, é o antigo edificio do consulado británico, construído en 1906: unha arquitectura tan anglosaxona e fora de lugar na súa contorna que tal parece que aquel tornado do Wizard of Oz decidiu ignorar a Dorothy desta volta e levar consigo de vacacións a Xapón unha desas casiñas tradicionais de tixolo e mármore que tanto abundan nos cascos vellos e entre a burguesía acomodada das inglaterras.



















Este mesmo ano completouse a renovación e restauración do edificio, que agora funciona coma museo, tenda e restaurante de comida inglesa de calidade. Nesta última faceta puiden disfrutalo nos días do verán pasado, cando alén de para praceres gastronómicos, o ex-consulado serviume de ancoraxe nostálxica e culturalmente próxima nun océano de exotismos e de sensacións de "non é aquí o noso sitio".

A infancia de Antonio Machado, se lembrades, eran lembranzas "de un patio de Sevilla / y un huerto claro donde madura el limonero". A miña é un chisco máis cosmopolita, e inclúe sobretodo esceas da miña vila natal, con longos paseos escoltados por piñeiros monumentais, sólidos e sensatos edificios victorianos de tixolo vermello e estilos eclécticos, rampas en zig-zag en outeiros de arenisca que descenden ata longas praias e peiraos inzados de restaurantes, atraccións e penny arcades, ou grandes parques onde os esquíos baixan a comer froitos secos á túa man e que de noite se enchen de frascos de coloreado cristal con velas dentro, formando unha cromática sinfonía nocturna...

O consulado foi, porén, unha pequena máquina do tempo e do espacio para mín, tal a TARDIS do tamén britaniquísimo doutor Who, e un recordatorio de que, alomenos no meu caso particular, os  restos culturais ingleses non son tan só testemuño de barbarie, imperialismo e dominio, senón (para min) de nostalxia, de amor e de pertenza.


domingo, outubro 27, 2013

Kabuki

Na última visita lóstrego que fixen a Madrid tiven oportunidade de xantar no restaurante xaponés Kabuki da Villa y Corte. O menú foi unha delicia para tódolos sentidos, e hoxe compartireino visualmente eiquí.

Ao xeito nipón, a comida compúxose de varios pratos pequenos, regados cun pequeno xerro de sake. Comezamos cun sashimi de varios peixes (incluído atún vermello!) acompañado de daikon, wasabi e prebe de soia... 


Anque non o vaia a degustar máis, por mor de estar en perigo de extinción, agora sei porqué ten tanta sona o túnido que nos ocupa. Desfaise na boca!
Seguimos a continuación cun sushi de peixe e gambas, con algo de xenxibre para limpar o padal.


O seguinte prato, máis adaptado ao gusto occidental, conformábao unha tempura de langostinos e verduras variadas:


Ao que lle sucedeu unha das miñas larpeiradas favoritas: un peixe estilo anguía feito á grella cun prebe agridoce, cama de arroz e pickles de acompañamento!


O postre consistiu nunha escuma de Yuzu, o rei de tódolos cítricos e o máis aromático do mundo (agardo nun futuro non moi lonxano ter uns cantos plantados na horta):


E para rematar, todo ben regado cun té xaponés (ocha; unha mágoa que non tivesen koicha)...


terça-feira, março 26, 2013

Concerto no castelo

Uns días atrás tiven o pracer de asistir a un fascinante acto cultural que tivo lugar no castelo de Sobroso, case a carón da fronteira con Portugal. Tratábase nada menos que dun concerto de shakuhachi, un tipo de flauta xaponesa moi popular no pasado entre os monxes da seita Fuke-zen



O músico, Rodrigo Rodríguez, estudou a complexa técnica do instrumento en Xapón e, asentado agora en Galicia, vai percorrer tamén outros escenarios algo menos pintorescos que o castelo.

Recoméndovos encarecidamente escoitalo en vivo, ou nos cedés que xa ten editados. E como aperitivo, eis un pequeno video que gravei durante a actuación:


sábado, janeiro 19, 2013

Tanizaki e os retretes

"Cada vez que me ensinan un retrete vello, escasamente iluminado e (engadiría) impecábelmente limpo nun templo de Nara ou Kyoto, síntome impresionado polas singulares virtudes da arquitectura xaponesa. O recibidor pode ter os seus engados, mais un retrete xaponés é certamente un lugar de repouso espiritual. Sempre fica separado do edificio principal, ao final dun corredor, no medio dun xardín vizoso e fragrante con follas e musgo. Non hai palabras que poidan describir a sensación de sentarse na luz velaíña, absorvendo o lene lampo reflectido no shoji, perdido en meditación ou fitando cara a fora, ao xardín. O novelista Natsume Sōseki consideraba as súas visitas matinais ao retrete como un grande pracer, alcumábaas "unha delicia psicolóxica". E certamente non hai lugar mellor para saborear este pracer do que un retrete xaponés no que, rodeado de muros tranquilos de madeira finamente granulada, un fita ao exterior, vendo os ceos azuis e as verdes follas".     

Jun'ichirō Tanizaki, Eloxio das sombras

segunda-feira, dezembro 24, 2012

Reseñas - Gagaku

Gagaku. Court Music and Dance

Masataro Togi, William P. Malm (introducción)

1971, Weatherhill

* * * * (bo)

Unha moi boa introducción á antiquísima danza e á música clásica da corte xaponesa.

Dentro do que son as artes performativas do Xapón, algunhas son máis coñecidas que outras. Case todos escoitaron falar algunha vez dos teatros kabuki e noh, e quizaves do de monicreques (joruri, ou bunraku). Mais soamente os máis avanzados na materia teñan escoitado falar do gagaku e do bugaku, as máis que milenarias artes de música e danza que chegaron á corte xaponesa arredor do século VIII da nosa era procedentes das prácticas artísticas da chinesa dinastía T'ang e que sobreviviron dende entón, mais ou menos fosilizadas e ritualizadas, no mundo pechado da corte imperial.

No pequeno volume de Masataro Togi (non pasa moito das 200 páxinas) temos unha eficaz intruducción a este arte: dividido en tres capítulos, o primeiro (artellado como unha conversa do músico cos espectadores antes dunha función) explícansenos os rudimentos do gagaku, as súas clasificacións, os instrumentos que emprega, os traxes e máscaras, e danse algúns detalles dun par de danzas. Na segunda parte temos unha historia do gagaku dende a súa chegada a Xapón ata a restauración de Meiji (1868). Na derradeira faise unha pequena perspectiva do arte dende Meiji ata a actualidade.

Nembargantes, o texto é realmente breve, xa que a metade, alomenos, do volume, está adicado a ilustracións do texto: as fotos (en branco e negro máis tamén en cor) dannos unha idea da suntuosidade e da beleza estética do gagaku, fan palpábeis as estrañas máscaras e instrumentos, e enriquecen en grande maneira a lectura.  

O único defecto desta pequena xoia, alén do seu pequeno tamaño (imaxino que haberá volumes máis extensos, mais desgraciadamente sen traducir á lingua inglesa) é a falta dun acompañamento sonoro e visual das danzas e da música, anque o tal é un erro sinxelamente subsanábel grazas ás novas tecnoloxías. Só en youtube podedes atopar videos de non menos dunha trintena destas danzas antiquísimas, co que poderedes enriquecer a lectura e facervos unha idea máis exacta da arte en cuestión.

O gagaku é un dos patrimonios inmateriais da humanidade (cortesía da UNESCO). Non se me ocorre mellor adro para o seu coñecemento e disfrute que este volume, xunto cun documental do que xa vos teño falado e que tamén toparedes na rede, se vos pica o vezo por esta arte.




domingo, outubro 28, 2012

Video et [G]audeo

En efecto, vexo e alédome de ver que, malia que a maioría do material en youtube sexa breve e de escaso valor, de cando en cando aínda se descubren cousas que disfrutar. Recoméndovos varias: temos unha película chinesa sobre a vida de Confucio e que está pendurada íntegra; tamén de moito interese é un documental sobre a antiquísima música da corte xaponesa, o gagaku; e para rematar, tres variacións sobre as flores da ameixeira no guqin, o máis fermoso -física e acústicamente- dos instrumentos tradicionais chineses.

quarta-feira, agosto 01, 2012

En Shibuya

Saio do metro, mergullado nunha multitude: varias ducias de miles de persoas a esta hora do día. Calquera estación do centro de Toquio está a certas horas máis poboada que moitas cidades. Tras tres cuartos de hora de tren monorrail e media hora de metro teño por fin a sensación de ter chegado ó Xapón. 
Fóra paro a contemplar a estatua de Hachiko, a cadela. Este can levaba todos os días á estación ó seu dono, un profesor, e volvía para recollelo puntualmente. Cando o profesor morreu, o can seguiu acudindo a diario a agardar por el. Converteuse nun personaxe popular, se cadra o único usuario non anónimo desta estación pola que pasan cada día millóns de persoas. Para destacar nun lugar así, hai que pertencer a outra especie. Levantáronlle unha estatua de bronce, que durante a guerra se fundiu para facer canóns (como as campás en Europa, unha transmutación física e moral, unha alquimia da escala de valores). Agora Hachiko volve estar aí. É a única estatua desta praza, e unha das poucas da cidade. É apropiada. Existe unha épica non cantada do metro de Toquio, que é unha das grandes migracións do século nun espacio reducido (multitudes percorrendo diariamente subterráneos). Hachiko é a heroína desa aventura baixo terra, a única da que coñecemos o nome.


Miguel-Anxo Murado, Caderno de Xapón

sexta-feira, abril 13, 2012

Chuvia

Despois dunha era prolongada de seca, parece que algunhas pingueiras están a caernos enriba e a aliviar a escaseza de auga. Nun ano de tan poucas choivas, a ledicia de ver caer as gotas faime reparar especialmente nun poemiña do xaponés Nishiwaki Junzaburō (alcumado por algúns coma o 'Eliot nipón') e que leva o título do líquido elemento nestes versos do poemario Ambarvalia:

O vento do sul trouxo deusas xentís,
mollou o bronce, mollou as fontes,
mollou as azas dos paíños e as plumas douradas,
mollou a marea, a area, os peixes,
mollou silandeiramente templos, termas, teatros;
esta procesión de deusas xentís e caladas
tamén mollou a miña lingua.

sábado, março 10, 2012

Flor de Palma

Na constante brisa oceánica, estendeu o voluminoso dicionario inglés, e deixoulle á punta do dedo atopar palabras para el.

Talaria: unha sandalia con ás
Tale: un conto
Talipot: unha palmeira de cocos nativa das indias orientais. Tronco de arredor de 50 a 100 pés de altura, as follas empregadas coma parachuvas, abanos, sombreiros, etc. Florece unha vez cada 70 anos...

A súa imaxinación pintoulle un vívido retrato desta flor. Logo esperimentou unha descoñecida sensación a rañarlle na gorxa, e antes de que se decatase, deixara caer unha masa de flema sobor do dicionario. Flema? Mais non era flema. Pensou na brevidade da vida, e máis unha vez imaxinou a flor do cocoteiro, a flor desta palmeira ascendendo ao mais alto lonxe, máis alá do océano.

Akutagawa Ryūnosuke, Rashōmon and Seventeen Other Stories

quinta-feira, fevereiro 09, 2012

A beleza do gastado

Alguén comentou unha vez que a seda delgada non era satisfactoria coma material para envolver rolos de pergamiño porque rachaba con facilidade. Pola contra, o monxe Ton'a respondeu: "É tan só cando o envoltorio de seda esmirfou por enriba e por enbaixo e cando a madrepérola caeu do rolo cando podemos dicir que o pergamiño é fermoso". Esta opinión amosa o excelente gusto deste home. Habitualmente a xente di que unha colección de libros resulta fea se tódolos volumes non son do mesmo formato; mais tiven ocasión de impresionarme coas verbas do abade Kōyū, que dicía: "É típico dunha persoa carente de intelixencia o porfiar en ter coleccións completas de tódalas cousas. Os conxuntos incompletos son mellores."

En tódalas cousas, con indiferencia do que sexan, a uniformidade é indesexábel. Deixar algo incompleto faino interesante, e da a sensación de que aínda fica espazo para o crecemento. Unha vez alguén me dixo que "incluso cando constrúen o pazo imperial, sempre deixan un anaco por rematar". Nas escrituras dos filósofos antigos tanto do Budismo coma do Confucianismo hai tamén sempre moitos capítulos desaparecidos.

Yoshida Kenkō, Tsurezuregusa (Ocorrencias dun ocioso)

sexta-feira, janeiro 06, 2012

Fiat Lux

O maio pasado tiven ocasión de facer unha escapada cultural á Villa y Corte. Malia as miñas reticencias coa arte contemporánea, non me disgustou unha instalación no Reina Sofía da artista xaponesa Yayoi Kusama, e que consistía nunha sala a percorrer, semiescura, e iluminada por múltiples puntos de luz que ían cambiando de cor e que, reflexados en espellos e nun chan de auga, creaban a sensación dun espazo infinito. Eis unha das fotos que lle tirei...

sábado, março 12, 2011

天の原

Mentres saio de traballar con lúgubres pensamentos no maxín arredor da catástrofe natural que castigou ao Xapón, vexo que o ceo nocturno imita un lenzo de Rothko, en franxas alternantes de azul intenso e azul máis pálido. A chaira do ceo, ama no hara, que hoxe fundiu coas planicies do mar, aounahara, nun terríbel maremoto, émulo do de Lisboa (1775) e que tamén nos fai meditar tristemente sobre a teodicea e a insignificancia do home fronte ás forzas desatadas da natureza: pingas de orballo tan só.

sábado, janeiro 08, 2011

Curso breve de poesía xaponesa

Como xa vos decataríades, este tema voltouse o meu peculiar hobbyhorse dos últimos doce meses. Non me resisto a colar unhas cantas notas que quizaves poidan ser de interese para vós...

Introducción: Poesía Xaponesa. Características Xerais

Malia que consideremos a poesía coma un universal literario, o certo é que as súas características varían moito dependendo das áreas culturais e das características intrínsecas das línguas en que se produce o xénero poético. Eses dous factores, pois (o esóxeno, relacionado coas tradicións e prácticas que un país absorve do seu contorno; e o endóxeno, relacionado coas propiedades das línguas concretas) son o noso punto de partida.

Xapón pertenceu tradicionalmente ao que se chama zona sinocéntrica, ou estremo oriente. Nesta zona, China constituíu de sempre o grande estado e o modelo ideal; un espello no que as demais nacións do contorno quixeron verse reflexados, e do que colleron moitísimos elementos: artísticos, relixiosos, político-administrativos, económicos, técnicos, lingüísticos, etc... Ata non fai tanto, o chinés clásico era o equivalente do noso latín en países coma Vietnam, as dúas Coreas, Mongolia, etc...

Cando a literatura xaponesa se pon a andar, a comezos do século VIII da era común, as élites nacionais xa estaban máis que acostumadas a ler (e incluso a escribir) textos literarios na língua do Imperio Medio. Os seus moldes, polo tanto, tiveron por forza que dirixir os primeiros esforzos creativos dos nipóns, fixando unha serie de formas literarias, de temáticas, de recursos, de contidos e de xustificacións teóricas e filosóficas da arte.

Polo que toca aos elementos do xaponés, esta língua presenta unha serie de peculiaridades que afectarán á súa producción poética. Para comezar, é unha língua polisilábica (ao contrario que o chinés, monosilábica), o que obrigará a topar solucións complexas para a súa escrita nun sistema de escritura que toman emprestado e onde cada caracter representa unha palabra plena. 5 ou 7 caracteres nun poema chinés representan unha frase enteira. Na adaptación fonética destes ao xaponés, cada caracter representará unha sílaba, e unha liña de 5 ou 7 caracteres, unha única palabra.

A frecuencia de terminacións vogálicas (con 5 vogais) e a ausencia de grupos consonánticos fai que a rima resulte demasiado sinxela en xaponés, o que a descarta rápidamente como elemento de demarcación poética (como acontece nas línguas romances, onde é un dos mecanismos principais). Do mesmo xeito, o xaponés é unha língua sen apenas peso acentual, o que obriga a descartar un modelo poético baseado nas sílabas acentuadas (coma no ruso ou no inglés). Por último, tampouco presenta (alomenos, o xaponés antigo) unha alternacia de sílabas longas e breves que puidese definir os metros poéticos (como sucedía no latín e no grego).

É por todo iso que a marca de poeticidade dun texto xaponés virá dada pola 'extensión do verso': os poemas caracterizaránse por alternar liñas de 5 ou de 7 sílabas respectivamente. A orixe desta escolla seguramente tome prestadas formas de versos chineses, anque coas consecuencias diferenciais que xa mencionamos: 5 sílabas (caracteres kanji) dun poema chinés representan unha frase completa (cfs., este verso de Bai Juyi: Hong ní xiǎo huǒ lú > arde un pequeno forno de arxila vermella), mentres que 5 sílabas (caracteres kana) dun poemás xaponés representan unha palabra (ho-to-to-gi-su > reiseñor).

Os primeiros poemas en xaponés son, como dicimos, do século VIII, e do periodo Nara: ao longo deste século os xaponeses procuran absorver e imitar a cultura chinesa, e aparecen os primeiros textos escritos, case todos en chinés, anque con versos intercalados nun emprego proto-silábico e fonético dos caracteres chineses. Os poemas aparecen en 'gacetillas' provinciais (as fudoki), textos relixiosos e inscripcións, crónicas históricas (coma o Kojiki ou o Nihon Shoki), etc...

Os primeiros versos aínda presentan unhas formas vacilantes, toscas e tentativas: xa amosan a alternancia de 5 e 7 sílabas, anque presenten con frecuencia irregularidades; presumíbelmente, moitos son extraídos de tradicións orais e de cancións populares.

segunda-feira, novembro 29, 2010

Dous paxaros

Ando estes días con lecturas esporádicas do Kokinshu, auténtico canon do clasicismo polo que toca á poesía xaponesa antiga (waka), anque como son un lector moi lento de poesía, adianto moi paseniñamente...

Malia topar algúns antecedentes no Man'yōshū, o certo é que non será ata a aparición desta 'Selección de poemas xaponeses antigos e modernos' cando se convirta en regular o emprego de palabras ou frases que directamente evocan as estacións: os kigo (季語), máis coñecidos para nós a través dos haikus de Matsuo Bashō e de Masaoka Shiki. Alomenos dous deses kigo fan referencencia a dous paxaros, transmutados en heraldos das súas respectivas estacións: o uguisu (鶯) e o hototogisu (杜鵑).

O uguisu (Cettia diphone) é un paxariño minúsculo, máis doado de escoitar que de ver, e que comeza o seu canto nos inicios da primavera, coa que vai asociado. Entre os seus alcumes están o de 'paxaro da primavera', 'paxaro contempla-flores' e 'paxaro de poemas' (pola frecuencia con que aparece neles). O seu son, transcrito en xaponés coma 'Hō-hoke-kyo', conecta con outro alcume: o de 'paxaro lector de sutras' (Hō-hoke-kyo é unha frase presente na Sutra do Loto).

O hototogisu é criatura da familia dos cucos (Cuculus poliocephalus), e fai do verán nipón a súa época de concerto e de exhibición. Os traductores soen chamalo o 'rousinol xaponés'. Podédelo escoitar eiquí.

domingo, outubro 03, 2010

Outono en Sōgi

Percorrendo as lagoas da memoria e as brumas do tempo pasado, síntome incapaz de determinar con exactitude cando descubrín os versos e a persoa do poeta xaponés Sōgi (宗祇). Mais empregando os textos pasados dos amigos como angareiras da lembranza, vexo que na revista Casa da Gramática número 10 (Decembro do 2000) aparece unha parella de textos de Ramón Blanco e de Iria Lago; o de Iria leva o evocador título que tomei prestado para esta entrada da bitácora; o de Ramón é un poema que comeza coa seguinte cita do monxe zen do que falamos hoxe: "Non é que atardeza, / é que a chuvia é noite: / outono na fiestra".

Sōgi debeume de aparecer nalgunha daquelas antoloxías de haikus que circulaban entre os escritores do Colectivo Sacou nos derradeiros meses do milenio pasado. Lembro particularmente unha edición barata de Grijalvo/Mondadori que servira de libro de viaxes tralo recital que demos en Vigo. Á noite en vela seguíralle unha cadea de vagóns interminábeis que nos levaban de volta a Compostela, e digo interminábeis porque o pesadísimo sono e as ganas de estomballarse na cama santiaguesa fixeron do retorno un auténtico tour de force; os compañeiros rendéranse, moucheando, ás apertas de Morfeo, mais eu resistía, "qué pasa", co libro de Haikus nas mans: lía un poema, dáballe un chisco de asueto aos meus ollos, e tornaba a ler. Lembran graciosamente os sacousos a miña face de gato sorprendido mentres sostiña unha alternancia entre o escapar brevemente das gadoupas do sono e o proseguir do percorrido polos versos orientais...

Anos despois descubriría que Sōgi, que non era o meu poeta favorito da escolma, anque lle recoñecese a beleza e o mérito ao terceto denantes citado, non era realmente poeta de haikus, senón de renga (連歌), unha forma complexa e refinada de poesía encadeada e colaborativa, mediante a cal un grupo máis ou menos amplo de poetas vai encetando grupos de tres ou de dous versos aos que xa engadiu outra persoa da serie. Imaxino que os versos citados por Ramón pertencen, xa que logo, a unha desas rengas, quizaves a de Minase, ou a de Yuyama, o seu par de series máis famosas. Descubro tamén (por mediación da historia da literatura xaponesa, de Keene) a vida aventureira deste poeta medieval, procedente das máis baixas clases populares e que, aproveitando as guerras e a mobilidade social do Xapón do século XV (eles chamárono gekokujō, 'os de embaixo desprazando aos de enriba'), chegou a converterse na estrela poética do seu tempo, xenerosamente protexido por mecenas provinciais e el mesmo xeneroso protector do nobre da corte, grande ministro e rexente Ichijō Kaneyoshi, persoa dunha cultura prodixiosa á que os horrores das Guerras Ōnin deixaron reducido a unha situación prácticamente de fame e de indixencia.

É unha mágoa que moi pouca da producción de Sōgi estexa traducida a linguas occidentais. Mentres pescudo algunhas das traduccións anglosaxonas dos seus diarios de viaxes e secuencias de renga, confórmome con este verso que faga xogo coa chuvia e o outono na fiestra que nesta mañá fai acto de presenza na miña xanela: "A vida neste mundo é breve coma o tempo empregado en acubillar das chuviscas do inverno".

domingo, agosto 22, 2010

Poesía para comer

Querendo facer honor ao seu nome e aos vicios e costumes do seu amo, a miña cadela, Clío, decidiu probar as artes da lectura uns días atrás, para desventura dun volume de poemas (Unforgotten Dreams. Poems by the Zen Monk Shōtetsu) que agardaba inocente, enriba dunha silla, a visita do meu ollar cobizoso. Coma o medio perceptivo e táctil dos cans centra na súa boca, o libro ficou ben roído, malia o cal aínda se pode ler nel...


O que un ve
no medio do seu soño
esvaece ao espertar;
mais os soños que temos de espertos
ningún durmir pode facer que se esquezan


nuru ga uchi ni
miru wa samuru o
kagiri nite
samete no yume ni
nete mo wasurenu

quarta-feira, julho 07, 2010

Tanabata

O día 7 do séptimo mes, os xaponeses celebran Tanabata (七夕), unha festa tradicional que adaptaba un festival anterior de orixe chinesa, o Quixi (七夕節).

A celebración conmemora o encontro de dous amantes celestes, que só se produce un día do ano: Orihime (a 'princesa tecelá') e Hikoboshi (o 'gardador de rabaños') son o trasunto mitolóxico dunha moi real confluencia astronómica, nesas datas, das estrelas de Vega e Altair no horizonte celeste.

Entre as costumes da ocasión está a de escribir desexos, a veces en forma de poema, e penduralos de pólas de bambú. Ao día seguinte, os papeis céibanse sobor das augas dun regato, ou quéimanse ritualmente.

As solicitudes dos homes centrábanse en conseguir unha mellor caligrafía, o que fará particularmente apropiada a miña, tendo en conta a ilexíbel escrita pseudo-kúfica que sae das miñas dedas e das torpes maneiras coa pluma dun zurdo irrecuperábel. Se estou folgado este ano, farei o esforzo por mellorala un chisco, manuais caligráficos mediante...

Outro xeito indirecto de celebración levareino a cabo coa relectura de Komachi en Seki-Dera (a mellor peza do teatro noh, ambientada nese día) e do ciclo de poemas da Dama Daibu tamén adicados á ocasión, e que foi escribindo ano tras ano, conmemorando íntimamente a morte do seu amante na tormenta das guerras Gempei...

sábado, junho 12, 2010

Diario de Murasaki

Estes días ando moi liado, polo que non teño moito tempo para ler. Rescato entón esta lectura relativamente recente (farán 2 meses desque me chegou e lin o libro) doutro clásico da literatura xaponesa, que sabedes me gorenta moito...
A dama Murasaki é seguramente a escritora máis famosa das letras niponas, ás que contribuiu a Novela de Genji (Genji Monogatari), discutíbelmente a primeira novela da historia (e certamente, a primeira do Xapón). Menos coñecidos son o seu diario e memorias poéticas. Non se trata dunha notoria inxustiza, xa que ámbolos dous, conservados en estado fragmentario, non chegan ao nivel da novela, mais non por iso deixan de ter interese, tanto estético (pola calidade dos versos e das imaxes) e biográfico (aumentando nalgo o escasísimo caudal de información que temos sobre a vida, carácter e pensamentos dunha grande escritora).
O diario (nikki) consiste nunha serie de notas breves e algo deslabazadas, co engadido de poemas 'de ocasión', que Murasaki Shikibu escribiu básicamente nos dous anos en que estivo ao servizo da Emperatriz Shoshi, no Pazo do Tsuchimikado. O episodio principal (que se narra con bastante detalle) é o nacemento dun herdeiro imperial, o príncipe Atsunada, que á súa vez era neto por vía materna do todopoderoso ministro e rexente Fujiwara no Michinaga, o verdadeiro gobernante do Xapón da época. O diario detalla o nacemento e as diferentes cerimonias que o acompañan, constituíndo un fresco bastante detallado das costumes cortesás no século XI da nosa era.
Un dos aspectos máis chamativos é o enorme contraste entre a realidade da vida cortesá Heian e a imaxe idealizada que da mesma dera Murasaki na Novela de Genji. No diario, a realidade aparece sen pós de ouro ou adubíos de seda: os cortesáns son seres toscos, maleducados, luxuriosos e borrachíns; as doncelas rexoubeiras, sempre falando mal das rivais, e en estadio de constante aburrimento, apenas interrompido por ocios artísticos (lectura de novelas, práctica de música e de regueifas poéticas) e cerimonias, como as danzas Gosechi no Pazo Imperial.
Nembargantes, a man xenial de Murasaki non deixa de abrollar na calidade de moitos dos poemas que acompañan o discorrer cotián da escuma dos días, e na descripción e ambientación de esceas concretas. Seguramente a mellor sexa a primeira do libro, onde aparece descrito o Pazo do Tsuchimikado en outono, onde mesturan a beleza das augas do lago cos cánticos dos monxes no serán.
A antoloxía poética (kashū) garda semellanza co diario e co formato destas antoloxías, nas que se inclúe sempre un pequeno parágrafo de texto explicando o contexto inicial en que cada poema foi xerado (os cortesáns da época estaban moi entrenados na produción regular de verso 'espontáneo' para as ocasións), e constitúe unha boa mostra da técnica de Murasaki, caracterizada polo emprego de fenómenos naturais coma metáforas directas de persoas e das súas emocións, xunto co caracter pouco concreto e suxerente dos seus prefacios. Vexamos un exemplo:


Unha vez atopeime con alguén ao que coñecera de nena, pero foi un instante breve, e apenas recoñecín á persoa. Era o día dez do décimo mes. A persoa liscou axiña, coma se competise coa lúa:


Meguriaite
Mishi ya sore tome
Wakanu ma ni
Kumogakurenishi
Yoha no tsukikage


Encontro breve:
Atopámonos, ou agachouse
detrás das nubes
antes de que recoñecera
a face da lúa de medianoite?

domingo, março 14, 2010

Hyakunin Isshu - Poema

Estes días pasados estiven a ler o Hyakunin Isshu, unha antoloxía clásica xaponesa de 100 poetas e 100 poemas compilada a comezos do século XIII por Fujiwara no Teika (el mesmo tamén un destacado poeta e compilador de antoloxías de importancia coma o Shinkokinshu ou o Chokusenshu). A versión que emprego é unha traducción coidadosamente anotada, comentada e ilustrada a cargo do profesor Joshua S. Mostow ('Pictures of the Heart: the Hyakunin Isshu in word and image'), grazas á cal puiden disfrutar dos poemas e aprender cousas novas sobre a poesía waka e as súas interpretacións ao longo do tempo.
A obra en cuestión converteuse co paso das idades nun clásico moi popular en Xapón, e nunha especie de compendio popular da antiga poesía cortesá (que era un couto pechado elitista e restrinxido tanto na creación coma no consumo). Parte desta popularización incluiu a difusión, dende o século XVI, de edicións ilustradas -co poeta e co poema en diferentes viñetas- e comentadas por extenso; a necesidade dos comentarios é obrigada incluso para nativos, dado o carácter suxestivo, de ocasión' e breve dos versos, e as dificultades de linguaxe e contexto histórico-cultural.

Imos a ilustrar a antoloxía co poema número 5, de Sarumaru, para (nunha entrada posterior) discutir algúns dos problemas de hermenéutica e interpretación que ten suscitado, e que tamén servirán de exemplo do resto da obra. Di así:

Cando escoito o brado
do cervo que chama pola súa parella
pisando a través das follas caídas
no máis fondo das montañas, entón sei que estamos no intre
máis triste do Outono

Oku-yama ni
momijhi fumi-wake
naku shika no
kowe hiku toki zo
aki ha kanashiki