Mostrar mensagens com a etiqueta Deep Purple. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Deep Purple. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, abril 03, 2007

Mmmmmúsica

Pensei que me ía a librar das redes que teceron, mais non foi tal. E xa que a pequena robota medio eslovaca me convidou ao tema este das cancións eróticas, non pode un declinar a participación, anque sexa pola preguiza de idear unha boa excusa. Dez cancións son bastantes cancións, mais confío en que Youtube me surta de exemplares ilustrativos... Valla por diante, iso sí, que como malvado opresor falócrata, patriarcal, eurocéntrico, racionalista, branco, culturalmente colonizado polo Imperio e todas esas cousas, o erotismo éntrame máis polos ollos que polas orellas. 

Comezaremos co 'Gloria' de Patti Smith, unha orixinal versión sobre un tema de Van Morrison ao que lle reescribiu poéticamente a letra. O tema encabezaba o seu primeiro disco, 'Horses', e vale como exemplo do que dicía ela sobre o bo Rock & Roll: é practicar o sexo cunha morea de xente ao mesmo tempo.  Malia ter amigos o suficientemente dexenerados como para atopar atractiva á pacatísima Julie Andrews de 'The sound of music', a canción 'My favourite things', jazzeada por John Coltrane está ben, e podes imaxinar mulleres máis coquetas e sexuais danzando ao seu paso. Alén, o título é apropiado, e inclúe a sombra ausente dunha das cousas favoritas: a cópula considerada como unha das belas artes. Certamente, 'My ding-a-ling' de Chuck Berry é máis unha cómica defensa da masturbación ('sexo coa persoa que máis queres' dixo Allen) do que unha epopea erótica; 'Maybelline' iría mellor, mais non quero facerlle progadanda á compañía do colaborador dos Nazis... Meténdonos máis en pomada, estraio agora 'Kentucky Woman' do 'Book of Taliesyn' de Deep Purple (gran e psicodélica portada a dese disco, amais), co que percorremos os fértiles campos do Heavy, ao que chegou de xeito inverosímil FraVernero na pescuda de cancións de temáticas arredor de Tolkien ou Lovecraft...


'While my guitar gently weeps' é ao meu ver a mellor canción de George Harrison, antes de que lle dese salvaxemente polas ragas interminables e o misticismo Hindú. Nesta ocasión traballa a guitarra que dá gusto, e faime pensar nesa musa popeira que foi Patti Boyd, que fixo sufrir a Eric Clapton, mellor guitarrista que Harrison, as coitas do amor non correspondido ("quien no tuvo (des)dichas heroicas" dicía o poeta, anque no meu caso particular non as afogaba con heroína...), e que deron lugar á famosa 'Layla'.
Por suposto, todo un clásico, e que profundiza no baleiro da non correspondencia ou simplemente do abismo entre a promesa de pracer e felicidade infindas e as limitacións de realidade (ao tempo que seo ritmo apuntala esas mesmas promesas) é o 'Satisfaction' dos Rolling Stones (co cal volvemos, amais ao narcisimo autocentrado da canción de Berry).
Anque sexa repetir aos Beatles, non podo resistirme a meter a canción 'Honey Pie' do Disco Branco, o que máis me gorenta deles, seguramente pola estrema mistura de estilos. Neste caso toca unha peza estilo Ragtime, que sempre me imaxinei cantándolle, cun contrapunto irónico, a algunha das miñas Amadas Inmortais.
Como fanático entusiasta de Bob Dylan (home que ten a habilidade de atraer moitos entusiastas fanáticos), véxome na obriga de escoller unha de entre as súas... Girl from the North Country contén o toque de tristeza lírica, evocación e pouca causticidade axeitadas.
Last not least, podemos rematar con 'I wanna be your dog' desa superavó que é Iggy Pop (como brincaba no Monte do Gozo o animal, e qué peito cos anos que ten e as drogas que tomou...), co que concluímos un fín de festa intenso, suoroso e lixeiramente masoquista...
Fica tan só pasar o testigo (incluíndo as consabidas promesas e ameazas: esta cadea leva en pé dende o primeiro milenio, rachala traerá sobre a túa bitácora as doce pragas, spam interminábel e poucos lectores, etc...). Polo que vai para:
Pris
As Lauridinhas
Suroeste
Lord Elric
Soños de Delft