terça-feira, abril 03, 2007

Mmmmmúsica

Pensei que me ía a librar das redes que teceron, mais non foi tal. E xa que a pequena robota medio eslovaca me convidou ao tema este das cancións eróticas, non pode un declinar a participación, anque sexa pola preguiza de idear unha boa excusa. Dez cancións son bastantes cancións, mais confío en que Youtube me surta de exemplares ilustrativos...
Valla por diante, iso sí, que como malvado opresor falócrata, patriarcal, eurocéntrico, racionalista, branco, culturalmente colonizado polo Imperio e todas esas cousas, o erotismo éntrame máis polos ollos que polas orellas.


Comezaremos co 'Gloria' de Patti Smith, unha orixinal versión sobre un tema de Van Morrison ao que lle reescribiu poéticamente a letra. O tema encabezaba o seu primeiro disco, 'Horses', e vale como exemplo do que dicía ela sobre o bo Rock & Roll: é practicar o sexo cunha morea de xente ao mesmo tempo.



Malia ter amigos o suficientemente dexenerados como para atopar atractiva á pacatísima Julie Andrews de 'The sound of music', a canción 'My favourite things', jazzeada por John Coltrane está ben, e podes imaxinar mulleres máis coquetas e sexuais danzando ao seu paso. Alén, o título é apropiado, e inclúe a sombra ausente dunha das cousas favoritas: a cópula considerada como unha das belas artes.

Certamente, 'My ding-a-ling' de Chuck Berry é máis unha cómica defensa da masturbación ('sexo coa persoa que máis queres' dixo Allen) do que unha epopea erótica; 'Maybelline' iría mellor, mais non quero facerlle progadanda á compañía do colaborador dos Nazis...

Meténdonos máis en pomada, estraio agora 'Kentucky Woman' do 'Book of Taliesyn' de Deep Purple (gran e psicodélica portada a dese disco, amais), co que percorremos os fértiles campos do Heavy, ao que chegou de xeito inverosímil FraVernero na pescuda de cancións de temáticas arredor de Tolkien ou Lovecraft...


'While my guitar gently weeps' é ao meu ver a mellor canción de George Harrison, antes de que lle dese salvaxemente polas ragas interminables e o misticismo Hindú. Nesta ocasión traballa a guitarra que dá gusto, e faime pensar nesa musa popeira que foi Patti Boyd, que fixo sufrir a Eric Clapton, mellor guitarrista que Harrison, as coitas do amor non correspondido ("quien no tuvo (des)dichas heroicas" dicía o poeta, anque no meu caso particular non as afogaba con heroína...), e que deron lugar á famosa 'Layla'.

Por suposto, todo un clásico, e que profundiza no baleiro da non correspondencia ou simplemente do abismo entre a promesa de pracer e felicidade infindas e as limitacións de realidade (ao tempo que seo ritmo apuntala esas mesmas promesas) é o 'Satisfaction' dos Rolling Stones (co cal volvemos, amais ao narcisimo autocentrado da canción de Berry).

Anque sexa repetir aos Beatles, non podo resistirme a meter a canción 'Honey Pie' do Disco Branco, o que máis me gorenta deles, seguramente pola estrema mistura de estilos. Neste caso toca unha peza estilo Ragtime, que sempre me imaxinei cantándolle, cun contrapunto irónico, a algunha das miñas Amadas Inmortais.

Como fanático entusiasta de Bob Dylan (home que ten a habilidade de atraer moitos entusiastas fanáticos), véxome na obriga de escoller unha de entre as súas... Girl from the North Country contén o toque de tristeza lírica, evocación e pouca causticidade axeitadas.

Last not least
, podemos rematar con 'I wanna be your dog' desa superavó que é Iggy Pop (como brincaba no Monte do Gozo o animal, e qué peito cos anos que ten e as drogas que tomou...), co que concluímos un fín de festa intenso, suoroso e lixeiramente masoquista...

Fica tan só pasar o testigo (incluíndo as consabidas promesas e ameazas: esta cadea leva en pé dende o primeiro milenio, rachala traerá sobre a túa bitácora as doce pragas, spam interminábel e poucos lectores, etc...). Polo que vai para:

Pris
As Lauridinhas
Suroeste
Lord Elric
Soños de Delft

14 comentários:

cambote disse...

mmmmoi boa selección. Xa me estrañaba que ti non puxeras nada.

FraVernero disse...

Alédommmmmme de que che guste, can de palleiro.

Se é que ao final, todos acabamos caendo... A nosa Era non é a de Puritana Continencia, senón a de Abandono Desenfrenado...

Arale Norimaki disse...

Aisss...Coltrane...que debilidá!
Variadiña a escolla, o Gloria e o I wanna be your dog semellan ser referentes para máis de un, a verdade é que non se me ocorrera antes, pero sí que poden dar moito xogo.

Por certo, o de Eslovaquia non ten nada que ver coa miña orixe nin o lugar de fabricación das miñas pezas. Aviso por se acaso lle dá por comentar un día en eslovaco ;)

O pastor eléctrico disse...

Encantoume que alguen citase a Harrison, coincido contigo en que é súa mellor canción. Ademáis Harrison é un dos guitarristas máis infravalorado de seu tempo, os Beattles soarían baleiros sen a guitarra deste home que sempre foi moito máis discreto e humilde que seus compañeiros de grupo.

A Raíña Vermella disse...

POis si que che quedou variado, si... eu quédome, claro, con Coltrane e con Clapton. É que, por se non se me notou, o atractivo físico do intérprete (cousa moi subxectiva, xa, pero en fin) pesa moito na miña escolla.

Mario disse...

Moi boa, si, gosto destas escollas tan diversas.

Laurindinha disse...

Ei, un post xenial!
Eu elixirías das túas: Satisfaction.
En canto poidamos tomaremos o testigo!

SurOeste disse...

OK, Frater, 10 cancións...non será difícil, mais non prometo ofrecer os audios (moito choio para esta fría primavera).

FraVernero disse...

Queridos...

Sempre un pracer ler os vosos comentarios, pasteliños de leite con mel.

Arale, xa me avisaras da túa non-eslovaquidade, muller. Alén, as miñas limitadas capacidades lingüísticas non deron aínda para a fala de Bratislava (quizaves este verán faga proba coa de Tallinn).
Pastor, tes toda a razón. Quizaves o peso aplastante dese dueto McCarney-Lennon relegou inxustamente ao que foi un gran artista. Eis unha pequena barricada para defendelo.
Queen (que non de Freddie Mercury): vexo que as lascivia tamén afecta ás pezas de Xadrez (anque eu son menos subxetivista nas miñas apreciacións da beleza, iso sí...).
Mario, gosto de que gostases dos meus gustos. O gusto é meu. ;)
Lauris, Suroesteira, xa sabedes a parte que vos toca!

tío Pepin disse...

Nick Hornby escribiu un libriño que ía deso, de seleccionar cancións dunha vida, "31 canciones". Entre elas el deixa quedar ben claro cal deberá soar no seu enterro: "Caravan", de Van Morrison. A partir da lectura desa obra eu tamén pensei na música de fondo dos meus días e das miñas noites e, aínda máis, nunha canción para o meu enterro... Sigo dándolle voltas.

torredebabel disse...

pois para non ter moito ánimo ao comezo fixo vostede unha escolla fermosísima!

tangaranho disse...

Sempre pensando no único...a ver se vos vai passar como ao meu primo Gustavo...

FraVernero disse...

Vaia... cantas postaxes... Marvelous!

Á miña querida Turris Babélica dicirlle que me afaga coas súas verbas, anque dubido que a fermosura da escolla lle faga sombra a ela... Iso sí, quedáronme algúns dos meus tótems fora, máis só 10 e temáticamente determinadas dan para pouco (xa falaremos de 'Ziggy/Bowie', (non á)Lou, o Pierrot Lunaire ou as Cabezas Parlantes noutra ocasión.
O Tangaranho déixanos coa mel nos beizos. ¿e que lle pasou ao curmán Gustavo lo?
Uncle Joe, boa escolla. Anque no meu caso, aí sáeme a vena clasicota, e apostaría polo Requiem Mozartián polo meu enterro, pensando alén nesas xornadas de autodestrucción pesimista ás que me sometía antes, collendo preas tremendas na soidade do piso mentres escoitaba a peza funeraria...

Pris disse...

Raios, tronos e centellas Trasalba!! Pasa unha a semana santa nas patacas (como debe ser) e atópase con... ISTO!! Terei que facelo terei... Mais a ver como...