terça-feira, outubro 27, 2009

Volare, oh oh

Por máis que lle gorente a Dean Martin, o certo é que dar voltas polo globo partindo da Gallaecia é un considerábel quebradeiro de cabeza, agás que pretendas viaxar tan só a cidades españolas ou aos aeroportos máis terceiromundistas de Europa (si, isto vai por ti, Bologna-Forlì, ou a exemplificación de como se pode montar un galpón pequeno de cemento, vendelo como aeródromo e usurpar de paso o nome de Bologna, a moitos kilómetros de distancia).

Sen entrarmos na absurdidez minifundista do país, con tres campos de aviación en diferentes gradacións e matices do pior ao lamentábel, o caso é que incluso o presuntamente mellor deles, na Lavacolla, adoece de falta de conexión con calquera aeroporto internacional digno de tal nome. Por suposto, o sucursalismo con Madrid ou Barcelona suple moitas, pero non todas, as necesidades.

Agora mesmo o Mantedor está a romper os cornos na pescuda (non urxente nen inmediata, iso si) dun billete para Osaka, en Xapón, que non o leve en ameno percorrido de 7 días por tódalas aeroliñas do continente, outros mundos e parte de Portugal. Dado que a península ibérica carece de voos directos co País do Sol Nacente (P.S. e como farán os xaponeses para chegar a Compostela ou a Barcelona?) ata o momento fun incapaz de tecer un encaixe de Camariñas ou cubo de rúbik que implique menos de 3 cambios de avión e outros tantos días perdidos tan só nos diferentes transbordos. Se a alguén se lle ocorre algunha suxerencia ou solución para semellante nú gordián, son todo ouvidos a aperto por anticipado ao meu Alexandre Magno...

quarta-feira, outubro 21, 2009

Corrixindo apuntamentos - O Mosaico

O tema 56 das oposicións é 'Arte clásica: Grecia e Roma'. Un deses temas moi sinxelos dos que todo o mundo ten moito que dicir. Repasando a sección adicada ao mosaico, nembargantes, vexo que os meus apuntamentos deixan moito que desexar, e que mesturan o mosaico propiamente dito co lithóstroton. Como guía esquemática para perplexos e aclaración mental para sí veñen as seguintes aclaracións:

Lithóstroton

-do grego λιθoστρωτος, "cuberta/esparcido de pedras".
-decoración de chans (revestimento pavimental)
-materiais: fundamentalmente, pedras e marbres. Area, grava, pó de marbre e algúns máis para os diferentes estratos preparatorios.
-diferentes tipos: opus lapili (pedriñas e 'guijarros'), opus tessellatum (teselas de cores de non máis de 2 cms. de ancho), opus vermiculatum (teselas minúsculas; ata 68 por centímetro cadrado) e opus sectile (lousas de marbre ou alabastro, crustae, cortadas en formas xeométricas. Semellante ao taraceado).

Mosaico

-do latín musaicum, á súa vez forma neutra e tardía de musaicus, 'das musas' ou reformulación a partires de musīvum (opus), emparentado coa mesma raíz musēum, musaeum, 'museo, das musas'.
-decoración de paredes, ao estilo da pintura (ás veces, noutros formatos menores)
-materiais: vidros de cores, marbre. Os mesmos materiais de recheo e de estrato que o lithóstroton.
-diferentes tipos: para o mundo antigo, que é o que nos ocupa, só cabe falar de 'opus musivum'

Isto é se seguimos a Antonella Fuga (Tecnicas y materiales del arte), porque outros autores non ven tan claras estas distincións, e inclúen categorías que mesturan as opus do lithóstroton co mosaico. Por exemplo, opus classicum, que mesturaría o tesselatum co vermiculatum, ou opus palladianum. Se os lectores teñen suxerencias, fico con ollos e orellas abertas...

segunda-feira, outubro 19, 2009

Ver para crer

Os lectores habituais perdoaránme que cole unha caricatura (emprestada de Gonzalo Vilas e de gznación), mais ás veces é certo o dito de que unha imaxe vale máis que mil palabras...


quarta-feira, outubro 14, 2009

Escéptico co E-Book

Certamente, o aparato conta con tódalas miñas beizóns. E as posíbeis ventaxas son moi seductoras: posibilidade de carrexar nun formato confortábel centos ou incluso miles de libros, emprego de procedementos mecánicos de pescuda, marca-páxinas e navegacións hipertextuais, acceso doado a volumes doutra maneira difíciles de atopar... E nembargantes, o que parece un terreo prometedor está estancado, e non ten visos de mellorar no curto ou medio prazo.

Algúns dos problemas teñen que ver coa tecnoloxía en sí: o e-book require unha versión careira nunha carcasa (o e-reader), tanto máis dispendiosa debido ao espectro de obsolescencia tecnolóxica que acompaña sempre aos aparellos electrónicos, alén dos perigos da Bruxa Avería. O aparato necesita recargar baterías e enchufes cercanos, e o cabalo de bataia segue sendo unha resolución absolutamente non-cansina da vista, comparado co papel. Relacionado coa autonomía enerxética, as imaxes a cor de alta resolución (que son as que máis problemas dan) tamén requiren de axustes e de melloras.

Mais o problema maior ven dado ao meu ver pola torpeza e timidez das empresas do ramo, xunto coas súas arcaicas estratexias de control e de dereitos. Os e-books dispoñibles presentan unha variedade incompatíbel de formatos, e unha obsesión enfermiza por evitar os perigos da piratería que concretiza en menos dereitos para o comprador de e-books (por exemplo, non podes facer copias, e incluso a compañía pode hipotéticamente retirarche acceso ao libro que xa mercaches). Se a isto lle unimos uns prezos absurdamente caros (actualmente, moitos dos e-books custan case tanto coma os equivalentes en papel), enténdese a irrelevancia dos nichos de mercado que acadaron. Non quixera xogar a Casandra, mais temo que as limitacións dos empresarios e a ausencia dunha forte inversión improductiva e anterior ata que o sector poida manexarse por si só (que foi o que pasou con Internet) parecen condenar ao sector ao marasmo ata dentro dunhas cantas décadas, é unha situación que lamento. O fetichismo propio polo libro de papel non exclúe as utilidades innegábeis do novo (por exemplo, e como dicía, para libros 'raros' que agora teño que pillar por correo, carísimos e de segunda man), e incluso é posíbel imaxinar unha convivencia harmónica onde o libro tradicional ocupe un nicho de 'mercadoría de luxo', con mellores edicións en papeis de calidade. Mais polo momento, as posibilidades non cristalizan máis alá de soños calderonianos, 'y los sueños... sueños son'.

sexta-feira, outubro 09, 2009

Toussaint L'Ouverture



Hoxe FraVernero quixéralle adicar este seu pazo e espazo ao libertador Toussaint L'Ouverture, obxecto da súa máis intensa e humilde admiración coma heroe revolucionario, libertador e primeiro dirixente da (ate agora) única revolta exitosa de escravos. E por evidente metonimia, fiquen tamén e sobretodo homenaxeadas as masas de xacobinos negros que racharon coas súas cadeas e devolvéronlle ao lixo humano dos tiranos e explotadores unha parte tan só do que realmente merecían.

terça-feira, outubro 06, 2009

Haiku Outense

Hoxe pola mañán animeime a ir correr. O noso clima galaico non é que acompañase moito, e máis ben ameazaba a cada intre con darme unha ducha de auga fría coma preludio da de auga quente para despois do deporte. Non é que me apetecese moito, mais o tempo escampara algo, e a tarde presaxiaba celebrar unha interminábel catarata de música acuática. A ameaza -alomenos no que tocou á mañá- ficou nunhas cantas pingas, e o percorrido ilustrou as belezas paisaxísticas da Serra de Outes, cuxo telón de fondo natural descola nun escenario de chuvias e brumas. A néboa difusa agochaba ao fondo os eucaliptos e creaba un non-sei-qué de pintura chinesa en tinta e pano de seda: a vida coma servil imitadora da arte. Cando chegaba ao final do percorrido, trotando á beira do río Tines, desconcertoume a visión dunha ánade de plumas de acibeche que corría/voaba por enriba das augas, nunha especie de velocísimo eskí a uns centímetros por riba do cristal fluído, e que me adiantou con facilidade. O episodio fíxome pensar, e lembroume un poema de Shiki:

"Sen esta viaxe / e sen a primavera / teríame perdido este mencer"

E certamente vexo coma un incidente afortunado este pequeno satori, un de tantos que a natureza produce e que as máis das veces carecen (nen botan en falla) da presenza humana que neste caso experimenta "Correndo pola ribeira / a incríbel velocidade / dun parrulo que me adianta!"