terça-feira, dezembro 31, 2019

Libros do Mes


Pacioli de Gustavo Piñeiro

The Science of Discworld III – Darwin’s Watch de Ian Stewart / Terry Pratchett / Jack Cohen

Logic, A Very Short Introduction de Graham Priest [E]

Se o vello Simbad volvese ás illas de Álvaro Cunqueiro

A Hundred and Seventy Chinese Poems de Arthur Waley [E]

*Zuo Tradition, volume one de Stephen Durrant et al.

*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

*The History and Art of Chinese Seals de Sun Weizu

*The Foundations of Mathematics de Ian Stewart e David Hall

segunda-feira, dezembro 30, 2019

O Vernero que foi - Decembro '08

As vacacións de Nadal non soen prolongarse máis alá das  dúas semanas; porén, un sempre ten a falsa sensación, e planifica unha cantidade imposíbel de lecturas e traballo para o tempo en cuestión. Antigamente, cando estudaba, esta planificación non era tan absurda, xa que era que de adicar oito horas diarias (ou máis!) á lectura.

No Nadal do 2008 plantexábame a lectura de nove libros, e bastante grosos ademais. En xeral penso que aquel esforzo veuse coroado polo éxito, pero tamén se me plantexa outra incógnita, que é unha das razón tamén polas que agora levo unha listaxe das miñas lecturas mensuais: en qué medida os libros que leo acaban deixando pegada en mín? Qué lembro da súa lectura anos despois de tela realizado? Fagamos, pois, un percorrido por esta enéada de papel impreso:

Fiction 2000, Cyberpunk and the future of Narrative de George Slusser and Tom Shippey: é un dos que conseguín completar nas vacacións. Lembro a súa portada (un Frankenstein pixelado) e moi pouco dos seus contidos, que eran unha colectánea de reflexións académicas sobre o xénero literario cyberpunk. Non son consciente de ningunha influencia reseñábel del no meu pensamento, agás da medida en que contribúa aos humus compartido das miñas ideas sobre o xénero.

Cyberspace, cyberbodies, cyberpunk de Mike Featherstone e Roger Burrows: non me lembro de nada; penso que sí o lín, e que había de afondar en cuestións de corpos híbridos e outras teimas posmodernas que me chistan pouco.

Cyberspace, first steps de Michael Benedikt: lido; anque se trataba dun dos 'clásicos' e primeiros estudos teóricos do ciberespazo, o máis que lembro é que fora unha lectura tremendamente aburrida, con moitos dos seus artigos enfocados a cuestións técnicas de programación.

The Virtual Community de Howard Rheingold: éste era un libro en plan 'abuelo cebolleta' en que o seu autor, que fora un dos primeiros en ocuparse das comunidades virtuais, contaba as súas experiencias. Lido, e dos que levamos falado é do que máis me lembro -estaba bastante ben escrito e era moi lexíbel. Entre as cousas das que falaba estaban os MUDs, cousas ben retro nas que o mantedor ten gastado tempo considerábel.

Prosthetic Territories, Politics and Hypertechnologies de Gabriel Brahm Jr. e Mark Driscoll: o mesmo que da colectánea de Featherstone; penso que o lín, pero non lembro nada, e a día de hoxe, o seu discurso encol da corporeidade posmoderna habíame chistar moi pouco ou nada.

How we became Posthuman de N. Katherine Hayles: deste xa non estou seguro de que o lese, e tampouco lembro nada. 

La vida en la pantalla de Sherry Turkle: Lido, penso; o mesmo que dicía sobre o anterior.

Escenarios del caos de Anxo Abuín: Lido; lembro bastantes cousas, anque era un libro moi episódico, con pequenos capítulos de 2-3 páxinas sobre temas/teimas diversas; porén, parte da razón de que a memoria funcione con este é que as aulas de Anxo tocaban moitos destes paus (cousas de Laurie Anderson, de performance, de literatura electrónica e aleatoria, etc...).

Sexual Dissidence de Jonathan Dollimore: deste lembro ben que non tiven tempo a miralo.

Como vedes, 'Leí mucho, no recuerdo nada', coma dicía Panero. Anque parte da culpa tena o feito de que eran lecturas 'mercenarias' e académicas para o máster, empatizando moi pouco cos meus intereses e curiosidades máis sentidas.

quarta-feira, dezembro 25, 2019

O Vernero que foi - Novembro '08

Ollando para as entradas do decimoprimeiro mes do 2008, véxoas moi coloreadas polas lecturas e traballos do máster de Teoría da Literatura co que pelexaba naqueles días. Non comezara aínda o meu costume de  anotar as lecturas mensuais, mais seguindo o novelo das verbas idas, é obvio que me relambía cunha das pequenas tartas de nata de Jorge Luis Borges (concretamente, Otras Inquisiciones nunha edición pequeniña de Alianza decorada con esceas de Brueghel). Relía o Criticón de Gracián (que xa debe de ir pola terceira volta a estas alturas) e un estudo encol da 'Arte do Século 20' en dous volumes que me agasallaran os Comparatistas polo meu natalicio e que lembro coma lectura agridoce, bon correlato dos textos filosóficos posmodernos discutíamos con paixón; en ámbolos dous casos esforzábame eu por empatizar (en parte por modestia, en parte por un exercicio de abrir a mente) con teses antagónicas ás miñas, uns esforzos aos que xa vai tempo que renunciei; o soterrado conservadurismo que medra cos nosos anos facilita que me sinta cómodo a día de hoxe ignorando os postulados intelectuais e estéticos do que pasaba por arte no que xa é o século pasado. 

Moi enfocados cara a cibercultura estaban o Hipertexto de Landow (reseñado na entrada do 9/11) e La narración como realidad virtual de Marie Laurie Ryan. Das promesas vangardistas do primeiro (unhareiteración don lugar común da forma 'tal innovación tecnolóxica / moda literaria é o correlato exacto de tal moda intelectual') poderíase dicir hoxe o mesmo que Cervantes daquel bravucón que aparece no seu "Al túmulo del rey Felipe II en Sevilla":

"Y luego, incontinente,
caló el chapeo, requirió la espada,
miró al soslayo, fuese, y no hubo nada".

Do libro de Ryan creo lembrar unha portada de cores algo psicodélicos coma de cóctel tropical; alén do anecdótico, creo lembrar que foi a lectura máis interesante e formativa destes textos pra cursos, introducíndome aos temas/teimas e conflitos de ludólogos e narrativistas e da literatura como xogo e/ou inmersión. As súas ideas sobre o cinema interactivo, a partires da experimental 'I'm your man' déronme o ponto de partida para unha ponencia sobre o cinema hipertextual de Peter Greenaway que no seu día levei á Cidade Condal e que durme o sono dos xustos agardando un outro día en que pula e poña por escrito aquelas notas e as publique decentemente nun artigo. Deixáronme tamén as páxinas de Ryan unha lectura pendente do novelista Neil Stephenson (do que xa disfrutara da quijotesca e postcyberpunkarra Snow Crash), The Diamond Age, ou o soño dun libro interactivo e inmersivo, que agardo por fin poder levar a bo porto no 2020. É Stephenson escritor curioso que merecería unha entrada, e ten a habelencia de sempre ir tocando paus que por absoluta e non premeditada coincidencia conectan con vezos e intereses en diferentes intres da miña. Por exemplo, cos intereses matemático-filosóficos do meu presente habíame gorentar a súa Anathema máis do que calquer outra lectura. Veremos se topo o tempo de probar con as dúas...

segunda-feira, dezembro 09, 2019

quinta-feira, dezembro 05, 2019

O son da buxaina

Co gallo do "Día do Peón" que a Rede Galega do Xogo Tradicional Brinquedia leva organizando dende van 15 anos, e de celebrarse desta volta o seu acto central en Outes, o Concello solicitoume un manifesto que procedimos a ler hoxe á mañá, ao terse adiado ata agora o tal acto por mor do mal tempo. Velaí vos vai:

Dicía o poeta romano Ovidio que ‘Todo cambia, para nada desaparece de todo’. Dicíao, amais, en latín, e aplicada á mesma língua, ben certo vemos a súa verdade no galego que estamos a falar, que é un latín que cambiou pero non desapareceu de todo. É frase tamén moi acaída coma un introito á hora de falar dos xogos tradicionais (sinaladamente, do trompo) e daquel tempo das nosas mocidades onde reinaba supremo nos intres de ocio de de lecer, xenerosamente escoltado polas bolichas, as chapas, a chave ou os primeiros álbumes de cromos.

Mais antes de perdernos nas avenidas da memoria, convén que fagamos unha reviravolta de buxaina encol da nosa atitude cara as tradicións do pasado na época do presente. É o sino dos nosos tempos -alomenos dende a Ilustración - o de fitar sempre para adiante, a de valorar e prestixiar a novidade e o moderno polo seu carácter do inédito, e ás veces do lonxano e do exótico. Isto (en contradición co fetichismo do pasado da maior parte das xeracións que nos precederon) non tería que ser malo de por sí, mais coma tódalas cousas levadas a exceso, fai que perdamos de valorar toda a arca de saberes, tesouros e riquezas que nos legaron os devanceiros e unha tradición da que aínda somos membros, querendo ou sen querer. As tradicións, as costumes, os xogos tradicionais son un elo, unha práctica cultural de primeirísima orde, parte dun patrimonio inmaterial que só vive (e pervive) cun acordo renovado dos novos, coa perpetua renovación das xeracións, nunha reviravolta menos cósmica e permanente que os movementos dos astros ou as estacións, mais por iso mesmo tanto máis valiosa ao nacer do consenso e da vontade humanas de facer cousas e de manter prácticas que nos identifican coa xentes que habitaron noutro  tempo o noso espazo.

Vivimos, xa que logo, tempos de aceleración e de cambio permanentes, ata tal punto que o que nos resulta estraño a día de hoxe é concibir un futuro próximo onde non empreguemos tecnoloxías totalmente diferentes ás de agora. Volvendo atrás aos anos 80 do século pasado, a revolución ía paseniñamente conquistando os lugares remotos e rurais do país, ma non troppo. Aqueles habitantes de Outes que comezaban daquela a escolarización básica (e o ensino en galego!) vivían nun mundo no que o alumbrado e o saneamento ía entrando na aldea, e un mundo de consumo e de xogos moi modesto dende a perspectiva do presente: os chicles, por exemplos, só contaban con dous sabores (amorodo e menta), e unha larpeirada máis modesta eran os caramelos acartonados de Nata (a peseta a unidade). Nos recreos e nas tardes desa década, o novum dos televisores e videoconsolas (éstas últimas patrimonio só de privilexiados curmáns urbanitas) convivía cos tirabogas e os castelos de carozos, a pita cega ou o salto á comba. Era de certo unha sociedade máis pobre materialmente que a nosa, mais tamén máis rebulideira: había moita máis rapazada, e os nosos xogos tiñan unha compoñente social e colectiva, e dende logo, máis sana e deportiva. ¡Boas sudadeiras nos gastábamos!


Non se trata, porén, de idealizar o pasado e denigrar o presente. A xente segue sendo xente, os nenos seguirán sendo nenos, e coma dicía Ovidio, as cousas que se perden saen de novo a superficie transmutadas, metamorfoseadas, pero novamente vivas; mais moito se perde no camiño se se tronza a continuidade coas tradicións. Porque non desexamos que éstas existan coma pezas de museo, libros ou documentais etnográficos que soterrar baixo os grosos muros de Santo Domingo de Bonaval, a seren explorados de cando en cando por turistas ou escolares en visita a Compostela. Porque  na súa modesta carne de madeira, metal e corda, a danza xiróvaga da estornela arrastra consigo o que fumos, o que somos e o que seremos. Nunha época en que a UNESCO incluiu os muros de pedra seca na súa listaxe de Patrimonio Inmaterial; na que as tradicións galegas do Samaín recuncan e recuperan terreo fronte ao globalizado Halloween anglosaxón; nun tempo en que os Composteláns andan a recuperar os taboleiros de tres en raia (167 descubertos nas laxes e adros de igrexas da capital), tanto ou máis importante é que os trompos non deixen de xirar. Os castros ficaron abandonados, e as línguas castrexas esquencidas. Non se diga que non aprendemos as leccións de historia, e hoxe, mañá e sempre, transmitámoslle ás novas xeracións a beleza e o aprezo por un xogo e por un pasado que nos fan mellores e máis ricos, e que constitúen un punto de apoio do que somos cuxo centro de gravidade, retrouso do da buxaina, nunca cae. ¡¡Trompos ao camiño, e que nunca deixen de danzar!! 

sábado, novembro 30, 2019

Libros do Mes


The Cambridge History of China vol. 1: the Ch’in and Han Empires de Dennis Twitchett e John K. Fairbank (eds.) [E] [R]

Merlín e famila de Álvaro Cunqueiro

The I-li (vol. 1) de  John Steele (tr.) [E]

*A Hundred and Seventy Chinese Poems de Arthur Waley [E]

*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz

*Elementos de Matemática Discreta de Emilio Bujalance et al.

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

*The History and Art of Chinese Seals de Sun Weizu

*Naive Set Theory de Paul R. Halmos

*Mapas del metro y redes neuronales de Claudi Alsina

terça-feira, novembro 26, 2019

Extra, extra

Nunha entrada anterior falábavos de tres libros que mercara aproveitando que me pagaran un curso que impartín no verán. Os tres volumes foron:

The Huainanzi de Liu An
Naive Set Theory de Paul R. Halmos
The Grand Scribe's Records vol. XI de Ssu-ma Ch'ien

O primeiro deles xa o colei entre os libros de novembro, suplindo un que non daba chegado e que agora sí está nas miñas mans:

Balanced Discourses de Xu Gan

Aquí os tedes!




quarta-feira, novembro 20, 2019

Bristlecone

Érgome hoxe para ver que a Khan Academy me concedeu a medalla Bristlecone (Piñeiro lonxevo; unha especie que vive nas Américas e do que un exemplar chegou case aos 5000 anos), que me lembra que xa van alá 4 anos dende que empecei a empregar esta ferramenta de autoaprendizaxe matemático, e que ten moita da responsabilidade detrás dos meus estudos actuais. 


O meu interese na máis exacta das ciencias penso que sorprende incluso aos meus familiares e amigos máis íntimos, xa que non é cousa da que teña falado moito; porén, ten unha antigüidade bastante senlleira. Cando estaba no instituto, as matemáticas parecíanme aburridas, pero xa lles tiñan un certo respecto pola súa forza epistemolóxica, e ese respecto non deixou de medrar na universidade, onde os meus estudos humanísticos remataron por facerme aborrecer o sectarismo ideolóxico e o relativismo que tanto abondan nestas disciplinas. Xa daquela tentara en máis dunha ocasión recuperar o coñecemento dos números que posuíra e ir algo máis lonxe, mais totalmente só e con escasos recursos didácticas, era unha misión imposíbel.

Moitos anos despois, a páxina de Salman Khan sí que resultou ser unha valiosa ferramenta, e a día de hoxe, con pequenas eivas, creo que podo dicir que me sinto cómodo na matemática preuniversitaria. E máis alá do que aprendín cos seus exercicios e maestrías, o maior tesouro que me proporcionou foi a confianza, a autoestima e a rutina de traballo que me levaron a plantexarme a posibilidade de ir máis alá nos meus estudos, non sen atopar atrancos e dificultades que agardo non me boten atrás.

Traia o futuro o que for, non podo deixar de recomendarvos (máis unha vez) esta páxina, que a día de hoxe serve tamén para aprendizaxes doutras disciplinas, incluídas as humanísticas: últimamente estouna a empregar para repasar algunhas cousas de Historia da Arte. Porque a Rede de Redes ás veces é algo máis que distraccións inútiles e consumismo van.

segunda-feira, novembro 18, 2019

Shopping Basket

Anque falta un volume por chegar que ven algo lento dos EEUU (realmente xa chegou á península o 30, pero Correos ralentiza estas cousas), aquí van as compras para este mes. Engado tamén un libro (de tres) que collín a maiores aproveitando o pago do curso de mediación que fixera en xullo en Compostela.






quinta-feira, outubro 31, 2019

Libros do Mes

Fibonacci de Jordi Deulofeu

Una nueva manera de ver el mundo de María Isabel Binimelis

*Mapas del metro y redes neuronales de Claudi Alsina

*The Cambridge History of China vol. 1: the Ch’in and Han Empires de Dennis Twitchett e John K. Fairbank (eds.) [E[R]

*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz

*Elementos de Matemática Discreta de Emilio Bujalance et al. 

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

*The History and Art of Chinese Seals de Sun Weizu

sábado, outubro 26, 2019

Na pescuda do tempo perdido

Non pensedes que vos teño esquencidos de todo punto; agora estou algo -só algo- menos liado que no mes de setembro e a primeira quicena de outubro a nivel laboral; porén, entre o meu pequeno e uns estudos matemáticos que iniciei, non é que teña moito tempo de lecer.

A respeito destes últimos, estou a choiar nunha bitácora de autoaprendizaxe que acapara as entradas que non saen eiquí. Se vos come o vezo e a ciencia dos números non vos causa horror, podedes ler as entradas de μάθημα na seguinte ligazón.

domingo, outubro 13, 2019

O Vernero que foi - Outubro '08

Ocupaba os días de Outubro do 2008 o mantedor máis que nada coa asistencia ao máster de Teoría Literaria no que me persuadiran Anxo e unha bolsa a participar. A primeira das materias que me ocupaba era unha sobre performance, unha arte pola que nunca sentín moita simpatía dado o meu esencial conservadurismo e hostilidade ás xentes da farándula. Eramos poucos nesta asignatura (a maioría escollería itinerarios máis tradicionais, mentres que eu, un tanto paradóxicamente con ese ser que acabo de describir, deixeime levar por un afán de aprender cousas novas, e por módulos de Performance e Teatralidade, Ciberculturas, Escrituras Emerxentes, Interartes e Cultura de Masas), e para o traballo-exposición escollín a obra de Stelarc, un artista chipriota que explora corporalmente os límites do humano e do tecnolóxico ("O corpo humano é obsoleto"), anque o que máis me chamaba del era que William Gibson, un dos meus escritores de cabeceira, falaba ben del e incluso lle prologaba unha monografía.

Como dicía Panero, 'Leí mucho y no recuerdo nada', anque esa nada resulte un tanto hiperbólica, e os fragmentos da memoria e da bitácora bótanme unha man. O libro de Espen Aarseth sobre literatura ergódica facía cavilar sobre os lindeiros entre a escrita, o xogo e os xardíns de sendeiros que se bifurcan, e con outros textos, predispúñame cos ludólogos e contra os narratólogos nestes terreos. Debía de reler ao meu admirado Baltasar Gracián, cuxa sombra paira sobre varias das entradas do mes coma un ouriol. Asemade, baixo a intensa hostilidade persoal cara o pensamento post-estructuralista que manifesto nas verbas daquela, rememoro outro xogo de contradiccións no que lía, debatía e ás veces incluso defendía ese mesmo pensamento en certos eidos; á inversa, a lectura marxistona que aínda translucen reflexións soltas sobre o comezo da Grande Recesión e o pensamento luminoso do presidente Zizek agochan o que penso xa era un escepticismo rampante e ateo sobre a fe comunista que, coma os hábitos relixiosos adquiridos de rapaz, proseguen por moito tempo de xeito mecánico: Il vecchio mondo sta morendo. Quello nuovo tarda a comparire. E in questo chiaroscuro nascono i mostri. A cita de Gramsci sumariza moi ben case tódolos aspectos da miña vida e pensamento nesa xa remota caída da folla outoniza; mais o novo, sobretodo no eido persoal e afectivo, xa non ía tardar moito en agromar.

terça-feira, outubro 08, 2019

O Vernero que foi: Setembro '08

No noveno mes do 2008, anque non o manifesto en ningunha das entradas daquela, debía de dar comezo ao máster de teoría da literatura e literatura comparada co que enchín o oco dun ano no que contaba (correctamente) que non habería oposicións, e que había resultarme moi proveitoso, anque por motivos alleos aos contidos do máster en sí. Aínda non penduraba listaxes dos libros que lía no mes, pero lendo entre liñas, vexo que os volumes que estudaba daquela, moi centrados en cousas que tiña pensadas para a tese, eran o Terminal Identity, de Scott Bukatman, City of Bits de William J. Mitchell, Internet Culture de David Porter, Teoría del hipertexto, de Anxo Abuín e María Teresa Vilariño, o volume I do Capital de Marx (relectura) e Snow Crash, de Neil Stephenson. Deste último prometéravos unha reseña que nunca topei o tempo de escribir e que tampouco vos vou a poñer hoxe, anque me permita intercambiala por unha nova promesa de reseñar outro libro del (seguramente, The Diamond Age) que me autoimpoño como lectura para o 2020.

Mirando correos vellos, vexo que cultivaba moi moito os contactos coa xente que coñecera no Urbes Europaeae (de feito, no curso 2008/9 ían vir a Compostela, e eu ía estar detrás de moitos labores de organización e intendencia), e que os Comparatas fuxiran a terras procelosas. Sorrío ao topar un correo de Javier Patiño pedíndome que os dese de baixa a Noel e mais a el do Máster de Teoría ao que se apuntaran antes de veren confirmados os seus estudos en París. Un último rescate: o do fragmento dun poemario en prosa que tiña medio escrito e que ficou a durmir o sono dos xustos:

Malentendido.

Cando só a vira como filmina fugaz, pensaba que a Balsa da Medusa de Géricault era un cadro mitolóxico. na rudimentaria proa un perseo esfameado esgrime a testa cortada, maligno faro para navegantes, mentres as serpes dos seus cabelos pican de cando en cando as súas mans. os ríxidos corpos esbrancuxados serían previos portadores petrificados, esculturas helenísticas e contorsionadas que nunca estiveron soterradas no fondo dos leitos de marbre. laoocontes do romanticismo. as madeiras que sostén a balsa tamén mineralizaron, columnas deitadas de carballo vitrificado, seixo de ameneiro, troncos de castiñeiro de bordes afiados coma o sílex, landras de obsidiana. tan só os prodixios do mito e a termodinámica sosteñen á tenebrosa nave cabalgando sobor dos arrogantes cabalos brancos das ondas.

terça-feira, outubro 01, 2019

domingo, setembro 29, 2019

Libros do Mes

Infinite Powers de  Steven Strogatz

The Temple and other poems de Arthur Waley (tr.) [E]

Exemplary Figures (Fayan) de Yang Xiong

*The Cambridge History of China vol. 1: the Ch’in and Han Empires de Dennis Twitchett e John K. Fairbank (eds.) [E[R]

*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

*The History and Art of Chinese Seals de Sun Weizu

*Fibonacci de Jordi Deulofeu

quarta-feira, setembro 25, 2019

Mr Busy


Pois iso, que estoy moi, moi, moi ocupado... xa reanudo a escrita dentro dunhas semanas, agardo...

domingo, setembro 01, 2019

sexta-feira, agosto 30, 2019

Libros do Mes

Libro de Buen Amor de Juan Ruiz, Arcipreste de Hita

The Future of the Professions de Richard e Daniel Susskind [E]

Mencius de Irene Bloom (tr.) [E]

*Infinite Powers de Steven Strogatz

*Exemplary Figures (Fayan) de Yang Xiong

*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

quinta-feira, agosto 22, 2019

O Vernero que foi - Agosto '08

Ollando atrás, vexo que logo da derrota temporal das oposicións, topei tempo en loita coa tristeza para engulir libro tras libro, dalgúns dos cales vos falaba por aqueles días. Ferrín xubilábase, e a pesar dos meus desexos, non parece que aproveitara os anos de asueto para escribir outra grande obra para a literatura galega. Entre os obxectivos que me poñía estaba a lectura da Commedia dantesca na edición profusamente anotada de Mondadori; esa obra está a medio facer, co Inferno completado e o Purgatorio parado perto dos comezos (o primeiro tomo remataríao nos días do Leliadoura da man dunha curiosa autosuperstición que tecera ao seu redor: cando rematase os salóns de tortura do florentino había rematar o meu sufrimento docente tamén); comezaba a última obra da triloxía do Sprawl de William Gibson; tempo despois completaría outra das súas triloxías (a da Ponte) e agora estou á impaciente espera de que saia a continuación de The Peripheral: Agency sairá aos mercados o 21 de xaneiro do 2020, ou sexa que paciencia...

Un libro interesante anque algo decepcionante copaba unha entrada/reseña: Storming the Reality Studio, de Larry McAffery. Querería botarlle unha olladela, pero temo que aínda llo teño emprestado ao profesor Anxo Abuín, e de todos xeitos, había ser aínda máis escéptico a día de hoxe cos seus argumentos do que o era daquela cos cantos de serea da posmodernidade e as promesas (moi similarmente expostas no Hypertext de Landow) encol de confluencias afortunadas entre a teoría e a praxe  (e as modas literarias). Un regusto acedo tamén me deixou unha lectora recente longamente retrasada: a do Libro de Buen Amor, do Arcipreste de Hita. Lembro a curiosidade que me xurdira nun lonxanísimo 2º de BUP lendo sobre os seus contidos nun libro de texto escolar; anque teña anacos interesantes, resultoume moito máis tedioso que outros dos seus contemporáneos, seguramente porque teñen un mellor e mais coerente fío narrativo (Libro de Alexandre, Libro de Apolonio, Poema de Fernán González) e son máis insensíbel hoxe ás subversións e polifonías xenéricas que explican a popularidade canónica do poema. Coma tódolos clásicos, o lector contemporáneo topará anacos que riman coas nosas sensibilidades (coma a crítica do poder do diñeiro), outros belidos e surrealistas (o combate de Don Carnal e Doña Cuaresma) e outros que resultaría inimaxinábel expoñer e encomiar nas aulas hoxe en día (como a sanción da violación coma ferramenta seductora no episodio de Don Melón e Doña Endrina, anque as páxinas máis explícitas do manuscrito xa non se conserven)...


quarta-feira, agosto 14, 2019