quinta-feira, agosto 22, 2019

O Vernero que foi - Agosto '08

Ollando atrás, vexo que logo da derrota temporal das oposicións, topei tempo en loita coa tristeza para engulir libro tras libro, dalgúns dos cales vos falaba por aqueles días. Ferrín xubilábase, e a pesar dos meus desexos, non parece que aproveitara os anos de asueto para escribir outra grande obra para a literatura galega. Entre os obxectivos que me poñía estaba a lectura da Commedia dantesca na edición profusamente anotada de Mondadori; esa obra está a medio facer, co Inferno completado e o Purgatorio parado perto dos comezos (o primeiro tomo remataríao nos días do Leliadoura da man dunha curiosa autosuperstición que tecera ao seu redor: cando rematase os salóns de tortura do florentino había rematar o meu sufrimento docente tamén); comezaba a última obra da triloxía do Sprawl de William Gibson; tempo despois completaría outra das súas triloxías (a da Ponte) e agora estou á impaciente espera de que saia a continuación de The Peripheral: Agency sairá aos mercados o 21 de xaneiro do 2020, ou sexa que paciencia...

Un libro interesante anque algo decepcionante copaba unha entrada/reseña: Storming the Reality Studio, de Larry McAffery. Querería botarlle unha olladela, pero temo que aínda llo teño emprestado ao profesor Anxo Abuín, e de todos xeitos, había ser aínda máis escéptico a día de hoxe cos seus argumentos do que o era daquela cos cantos de serea da posmodernidade e as promesas (moi similarmente expostas no Hypertext de Landow) encol de confluencias afortunadas entre a teoría e a praxe  (e as modas literarias). Un regusto acedo tamén me deixou unha lectora recente longamente retrasada: a do Libro de Buen Amor, do Arcipreste de Hita. Lembro a curiosidade que me xurdira nun lonxanísimo 2º de BUP lendo sobre os seus contidos nun libro de texto escolar; anque teña anacos interesantes, resultoume moito máis tedioso que outros dos seus contemporáneos, seguramente porque teñen un mellor e mais coerente fío narrativo (Libro de Alexandre, Libro de Apolonio, Poema de Fernán González) e son máis insensíbel hoxe ás subversións e polifonías xenéricas que explican a popularidade canónica do poema. Coma tódolos clásicos, o lector contemporáneo topará anacos que riman coas nosas sensibilidades (coma a crítica do poder do diñeiro), outros belidos e surrealistas (o combate de Don Carnal e Doña Cuaresma) e outros que resultaría inimaxinábel expoñer e encomiar nas aulas hoxe en día (como a sanción da violación coma ferramenta seductora no episodio de Don Melón e Doña Endrina, anque as páxinas máis explícitas do manuscrito xa non se conserven)...


Sem comentários: