Ao final da entrada anterior, atopábamonos con que levaba 4 cursos impartindo aulas en Escolas Oficiais de Idiomas, e algo sorprendido de disfrutar coa ensinanza da lingua inglesa e de poder facelo razoábelmente ben. Seguramente haxa moitos factores detrás desta situación: o perfil e motivación do alumnado, o enfoque comunicativo e non gramatical, compañeiros estimulantes e motivadores, e algún esforzo que eu puxera da miña parte. Porén, e malia o cómodo que me sentía, alomenos un par de factores contribuían a que sentise enriba de mín unha espectral espada de Damocles, xa que as experiencias e habilidades laborais que estaba a desenrolar non estaban destinadas a ser, a priori, máis que unha pequena paréntese temporal na miña biografía.
O primeiro deles era que nas EOIs o profesorado de secundaria en expectativa estabamos 'de prestado'. Tratándose doutro corpo docente, con oposicións de acceso diferenciadas, era consciente de que antes ou despois (calculaba que quizaves en 3-4 anos) habían darme o meu destino definitivo e con el, o éxodo definitivo de Escolas. Mellor non encariñarse moito co choio.
O segundo conectaba co 'accidente afortunado' de terme presentado (e superado) as opos de secundaria-inglés. Seguía pensando que a miña vocación era a ensinanza de historia, e xa esplorara a fondo os mecanismos para a adquisición de nova especialidade a través dos cales podería certificarme coma PES - Historia e conseguir unha praza definitiva na disciplina que máis aprezaba. Este proceso, de feito, é bastante asequíbel unha vez que un xa está dentro do corpo docente; cada vez que se convocan oposicións coa especialidade que desexas, podes presentarte por unha quenda específica, que non ten límite de prazas (só 'apto' ou 'non apto') e cuxa proba consiste nunha defensa oral dunha hora dun (entre cinco elixidos a sorteo) dos temas do temario da especialidade que queres adquirir. De feito, no verán do 2014, estando aínda na sección de Ribeira, convocaran oposicións de secundaria-Historia (por primeira vez dende o meu fallido intento en 2008), e alá me fun, exitosamente, a Vigo a desenvolver unha exposición sobre Os reinos peninsulares nos séculos XIV e XV. Conflictos sociais e diversidade cultural.
Mais, como xa nos advertían Robert Burns e John Steinbeck, The best-laid schemes o' mice an' men Gang aft agley; os meus pasos súbitamente tiveron que torcer cara Frións para ensinarlle língua inglesa e língua e literatura española aos adolescentes, e os resultados desa experiencia mudarían drásticamente as miñas perspectivas e obxetivos laborais para sempre.
Sem comentários:
Enviar um comentário