terça-feira, outubro 08, 2019

O Vernero que foi: Setembro '08

No noveno mes do 2008, anque non o manifesto en ningunha das entradas daquela, debía de dar comezo ao máster de teoría da literatura e literatura comparada co que enchín o oco dun ano no que contaba (correctamente) que non habería oposicións, e que había resultarme moi proveitoso, anque por motivos alleos aos contidos do máster en sí. Aínda non penduraba listaxes dos libros que lía no mes, pero lendo entre liñas, vexo que os volumes que estudaba daquela, moi centrados en cousas que tiña pensadas para a tese, eran o Terminal Identity, de Scott Bukatman, City of Bits de William J. Mitchell, Internet Culture de David Porter, Teoría del hipertexto, de Anxo Abuín e María Teresa Vilariño, o volume I do Capital de Marx (relectura) e Snow Crash, de Neil Stephenson. Deste último prometéravos unha reseña que nunca topei o tempo de escribir e que tampouco vos vou a poñer hoxe, anque me permita intercambiala por unha nova promesa de reseñar outro libro del (seguramente, The Diamond Age) que me autoimpoño como lectura para o 2020.

Mirando correos vellos, vexo que cultivaba moi moito os contactos coa xente que coñecera no Urbes Europaeae (de feito, no curso 2008/9 ían vir a Compostela, e eu ía estar detrás de moitos labores de organización e intendencia), e que os Comparatas fuxiran a terras procelosas. Sorrío ao topar un correo de Javier Patiño pedíndome que os dese de baixa a Noel e mais a el do Máster de Teoría ao que se apuntaran antes de veren confirmados os seus estudos en París. Un último rescate: o do fragmento dun poemario en prosa que tiña medio escrito e que ficou a durmir o sono dos xustos:

Malentendido.

Cando só a vira como filmina fugaz, pensaba que a Balsa da Medusa de Géricault era un cadro mitolóxico. na rudimentaria proa un perseo esfameado esgrime a testa cortada, maligno faro para navegantes, mentres as serpes dos seus cabelos pican de cando en cando as súas mans. os ríxidos corpos esbrancuxados serían previos portadores petrificados, esculturas helenísticas e contorsionadas que nunca estiveron soterradas no fondo dos leitos de marbre. laoocontes do romanticismo. as madeiras que sostén a balsa tamén mineralizaron, columnas deitadas de carballo vitrificado, seixo de ameneiro, troncos de castiñeiro de bordes afiados coma o sílex, landras de obsidiana. tan só os prodixios do mito e a termodinámica sosteñen á tenebrosa nave cabalgando sobor dos arrogantes cabalos brancos das ondas.

Sem comentários: