Ocupaba os días de Outubro do 2008 o mantedor máis que nada coa asistencia ao máster de Teoría Literaria no que me persuadiran Anxo e unha bolsa a participar. A primeira das materias que me ocupaba era unha sobre performance, unha arte pola que nunca sentín moita simpatía dado o meu esencial conservadurismo e hostilidade ás xentes da farándula. Eramos poucos nesta asignatura (a maioría escollería itinerarios máis tradicionais, mentres que eu, un tanto paradóxicamente con ese ser que acabo de describir, deixeime levar por un afán de aprender cousas novas, e por módulos de Performance e Teatralidade, Ciberculturas, Escrituras Emerxentes, Interartes e Cultura de Masas), e para o traballo-exposición escollín a obra de Stelarc, un artista chipriota que explora corporalmente os límites do humano e do tecnolóxico ("O corpo humano é obsoleto"), anque o que máis me chamaba del era que William Gibson, un dos meus escritores de cabeceira, falaba ben del e incluso lle prologaba unha monografía.
Como dicía Panero, 'Leí mucho y no recuerdo nada', anque esa nada resulte un tanto hiperbólica, e os fragmentos da memoria e da bitácora bótanme unha man. O libro de Espen Aarseth sobre literatura ergódica facía cavilar sobre os lindeiros entre a escrita, o xogo e os xardíns de sendeiros que se bifurcan, e con outros textos, predispúñame cos ludólogos e contra os narratólogos nestes terreos. Debía de reler ao meu admirado Baltasar Gracián, cuxa sombra paira sobre varias das entradas do mes coma un ouriol. Asemade, baixo a intensa hostilidade persoal cara o pensamento post-estructuralista que manifesto nas verbas daquela, rememoro outro xogo de contradiccións no que lía, debatía e ás veces incluso defendía ese mesmo pensamento en certos eidos; á inversa, a lectura marxistona que aínda translucen reflexións soltas sobre o comezo da Grande Recesión e o pensamento luminoso do presidente Zizek agochan o que penso xa era un escepticismo rampante e ateo sobre a fe comunista que, coma os hábitos relixiosos adquiridos de rapaz, proseguen por moito tempo de xeito mecánico: Il vecchio mondo sta morendo. Quello nuovo tarda a comparire. E in questo chiaroscuro nascono i mostri. A cita de Gramsci sumariza moi ben case tódolos aspectos da miña vida e pensamento nesa xa remota caída da folla outoniza; mais o novo, sobretodo no eido persoal e afectivo, xa non ía tardar moito en agromar.
Sem comentários:
Enviar um comentário