Érgome hoxe para ver que a Khan Academy me concedeu a medalla Bristlecone (Piñeiro lonxevo; unha especie que vive nas Américas e do que un exemplar chegou case aos 5000 anos), que me lembra que xa van alá 4 anos dende que empecei a empregar esta ferramenta de autoaprendizaxe matemático, e que ten moita da responsabilidade detrás dos meus estudos actuais.
O meu interese na máis exacta das ciencias penso que sorprende incluso aos meus familiares e amigos máis íntimos, xa que non é cousa da que teña falado moito; porén, ten unha antigüidade bastante senlleira. Cando estaba no instituto, as matemáticas parecíanme aburridas, pero xa lles tiñan un certo respecto pola súa forza epistemolóxica, e ese respecto non deixou de medrar na universidade, onde os meus estudos humanísticos remataron por facerme aborrecer o sectarismo ideolóxico e o relativismo que tanto abondan nestas disciplinas. Xa daquela tentara en máis dunha ocasión recuperar o coñecemento dos números que posuíra e ir algo máis lonxe, mais totalmente só e con escasos recursos didácticas, era unha misión imposíbel.
Moitos anos despois, a páxina de Salman Khan sí que resultou ser unha valiosa ferramenta, e a día de hoxe, con pequenas eivas, creo que podo dicir que me sinto cómodo na matemática preuniversitaria. E máis alá do que aprendín cos seus exercicios e maestrías, o maior tesouro que me proporcionou foi a confianza, a autoestima e a rutina de traballo que me levaron a plantexarme a posibilidade de ir máis alá nos meus estudos, non sen atopar atrancos e dificultades que agardo non me boten atrás.
Traia o futuro o que for, non podo deixar de recomendarvos (máis unha vez) esta páxina, que a día de hoxe serve tamén para aprendizaxes doutras disciplinas, incluídas as humanísticas: últimamente estouna a empregar para repasar algunhas cousas de Historia da Arte. Porque a Rede de Redes ás veces é algo máis que distraccións inútiles e consumismo van.
Sem comentários:
Enviar um comentário