Como xa intimaba en entradas anteriores, maio do 2008 foi un mes moi significativo e importante para mín: por segundo ano (e por primeira volta, de xeito activo) participaba no congreso Urbes Europaeae, presentando unha ponencia sobre cibercidades para a cal elaborei o primeiro powerpoint do que teño memoria e que vos engado adxunto coma curiosidade. Malia o accidental do arribo á súa temática, o contido do meu parladoiro segue a ser, anos despois, o esquelete no que penso construír a miña tese que (sendo optimistas) debera estar rematada no próximo lustro. Alén da estadía estimulante en París, da que vos falo con máis detalle nalgunha das entradas dese mes, aledoume sobremaneira o reencontro con Sir Gawain, que estaba a facer un máster en Lutecia.
Á marxe dos testemuños virtuais, topo no correo daqueles días outro esquelete no armario: o do poemario en prosa ΣΑΡΔÁΝΙΟΣ, do que chegara a formular unhas 29 páxinas -moitas delas retallos de cousas que xa fora publicando- denantes de deixalo aparcado. Algúns dos fragmentos -these fragments have I shored against my ruins - seguramente merecerían recuperación do abismo do esquecemento logo dunha concienzuda reescrita, anque o ton xeral, como se albisca no título, é demasiado amargue, e o seu regusto de posca, mel con limón, absinthum, suores frías e whisky barato non encaixa ben coa miña aurea mediocritas presente. Son supersticioso, e temo que evocar a tebra poida traela de volta. Coma dicían os gregos só cando un morre podemos dicir que a súa vida foi feliz, e os deuses teñen envexa dos mortais fachendosos.
Sem comentários:
Enviar um comentário