sexta-feira, dezembro 15, 2017

Πλοῦτος

Relendo algúns dos poemas atribuídos a Teognis de Megara, topo varias pérolas mercedoras de comentario e reflexión. Unha delas (versos 667-82) é, seguramente, a primeira aparición do conceit do barco no medio dunha tempestade coma trasunto do estado e as súas loitas civís. Outra (versos 183-86), a crítica aristocrática aos matrimonios desiguais mediante a metáfora da cría gandeira, e finalmente, temos tamén (versos 699-718) unha diatriba contra o poder do diñeiro, acusado de converterse na única medida de valor aceptada pola multitude.

Estes versos son, como tódalas produccións culturais, fillos do seu tempo e lugar; a Grecia do século VI a.C. estaba a vivir toda unha serie de convulsións internas nas que unha orde social e política dominada pola aristocracia militar e terratenente era posta en cuestión, sendo en moitas ocasións substituída por tiranías e gobernos proto-democráticos. Os asediados membros da clase dirixente verqueron os seus laios e queixas en moita da poesía lírica clásica, incluída a que nos ocupa hoxe.

Por suposto, hai un elemento hiperbólico nas queixas de Teognis, mais iso non quita a vixencia que os contemporáneos primeiro, e numerosas xeracións posteriores viron non só nas súas imaxes e recursos literarios, senón tamén na súa mensaxe; o retrato da decadencia da 'vella nobreza', mesturada en matrimonio cos fillos/fillas dunha puxante e vil burguesía carente de cultura e valores pero chea de cartiños represéntase de xeito maxistral, entre outros textos, no Gatopardo de Lampedusa ou (de xeito máis mezquino e ruín) no Porco de Pé risquián. Sen compartirmos a súa fetichización do sangue e da herdanza, poderíamos dicir que moito máis que no seu tempo é o noso presente, a sociedade do capitalismo serodio, aquela na que os seus textos transmutaron en retrato hiperrealista. Nunca coma hoxe foi "o diñeiro, e nada máis que o diñeiro / o dono de todo o poder do mundo" e a case exclusiva fonte de valor (digamos, por poñernos numéricos, nun 85%, cun 14% para reservado para a fama e a beleza, e un 1% para os posuidores de saber e virtude moral). Porén, os defensores do libre mercado seguramente retrucarían con que da pescuda egoísta do éxito e da riqueza individual emerxe, como propiedade emerxente ou bolboreta, o maior ben para o maior número de persoas.

Sem comentários: