domingo, dezembro 24, 2017

Φρασικλεία κόρε

Na mesma antoloxía da que tirei os versos de Teognis tópanse algunhas inscripcións métricas, antergas e sinxelas mostras do xénero epigramático. Entre elas chama a atención polo seu pathos, malia a brevidade, a quinta das entradas, procedente da Ática, e que di así:

"A tumba de Frasikleia: serei alcumada para sempre doncela. / Éste, e non muller, é o título que os deuses reservaron para mín".

A partir destes versos breves pode un imaxinar a pequena traxedia persoal da morte dunha filla nova, o desexo humano de afincar a memoria contra a tormenta dos anos e o esquecemento, o paradoxo entre a eternidade destes versos e a fugacidade vital da persoa que os ocasionou, ou a conexión mitolóxica coa doncela por excelencia, a deusa Hestia que nalgunhas lendas incorporouse ao Olimpo por mor da súa castidade.

Moitas das pedras talladas que contiñan estas inscripcións perdéronse con ese devalar do tempo (outro paradoxo: a fraxilidade da letra escrita en papiros e pergamiños dura máis que os gravados orixinais en presuntamente perdurábel pedra), mais desta volta non é o caso: anque moi deteriorado, o pedestal coa inscripción métrica consérvase na igrexa de Panagia en Merenta. O que é máis: facendo unha pequena pescuda topeime con que a estatua que o coroaba tamén sobreviviu, unha das obras mestras da escultura funeraria arcaica, hoxe localizada no museo arqueolóxico nacional de Atenas. Eiquí vos fica a súa foto; se queredes aprender algo máis da escultura, ou ver as restauracións policromadas que se fixeron con base no orixinal, podedes seguir lendo eiquí.


Sem comentários: