Entre o 4 e o 14 de Decembro do 2006, o Mantedor tivo a oportunidade de participar, grazas á bonhomía do profesor e amigo Anxo Abuín, no proxecto europeo Urbes Europaeae, asistindo ao seminario e conferencias que tiveron lugar neses días en Kiel. Algo vos falaba xa nas entradas daquel fín de ano da miña estadía, unha experiencia moi positiva que me abriu moitos horizontes e rematou por levarme intelectualmente aos eidos da miña futura tese doutoral. Pero máis diso máis adiante...
Logo deste había de participar, nos seguintes dous anos, noutros dous seminarios do proxecto con algo máis de aproveitamento académico, xa que no segundo e no terceiro levaba ponencias preparadas (no primeiro limitábame a ir de ouvinte, coa breve e non particularmente gloriosa excepción, antes de proxectarse, dunha presentación da película Matrix). Porén, e alén de pasalo moi ben, tiven a oportunidade de intimar cunha comunidade cosmopolita de estudantes, moitos deles aloxados na mesma residencia: alemáns sobretodo, mais tamén vascos, estonios... e galegos!
Un dos vencellos que naceu no congreso foi co grupiño dos estonios e a súa cultura; ás simpatías naturais que podería sentir un nacionalista galego por unha pequena nación independente e a súa cultura hai que sumarlle a amabilidade de Jüri Talvet, o líder do grupo (e experto en cultura e língua española - na época soviética pasou unha tempada en Cuba), que me agasallou con textos e atencións variadas. Os estudantes do báltico tamén eran un grupo de xente moi interesante: Katrin e Katre, Ruth Sepp, que falaba un perfecto castelán e á que vería tempo despois en Tallinn, e Jaak Tomberg, o xigantón co que compartía aficións polo marxismo, a teoría crítica, William Gibson e o cyberpunk. Todos fomos retratados en amábel conversa polo Jüri.
O anterior foi o comezo dun fermoso romance estófilo pola miña parte, do que fican testemuñas nos anaqueis da miña biblioteca e nas entradas desta bitácora. Outra consecuencia, meses despois, sería unha estadía de verán para pelexar coa língua do país...
Máis alá da xente, dos parladoiros (algúnhas moi interesantes: o de Jüri encol do Don Juan, o de Suso de Toro sobre Trece Badaladas, o de Encarnación Sánchez sobre Nápoles e Constantinopla, o de Loli Vilavedra sobre Rivas, o de María Sández sobre literatura urbá galega ou o de Anxo Abuín sobre cine e cidade) e dos petiscos variados e pastel de Dresden que nos servían (os alemáns sempre tiveron moito tino para a larpeirada), foi de marabilloso visitar Alemaña en inverno, disfrutar dos tenderetes de nadal, do glühwein, e das excursións que fixemos a Berlín e a a Lübeck, a capital da Hansa coroada de monumentos medievais (igrexas e casas en tixolo e estilo gótico), doces de mazapán e o domicilio de Thomas Mann. Todo un feixe de experiencias para atesourar no álbum da memoria, e para sacarlle o brillo e a nostalxia once anos despois.
Sem comentários:
Enviar um comentário