Rematábamos a última entrada desta miña crónica laboral-vocacional un pouco coma comezan as Soledades de Góngora:
Y luego vomitado
No lejos de un escollo coronado
De secos juncos, de calientes plumas
-Alga todo y espumas-
Halló hospitalidad donde halló nido
De Júpiter el ave.
Porén, e alén de deprimirme, o naufraxio temporal das miñas aspiracións docentes non mudou os meus plans e expectativas: simplemente as puxo en espera no refrixerador do tempo. A tónica daquela imperante era que as oposicións de secundaria tiñan lugar cada 2 anos, co que no paréntese de 730 días que mediaba, decidín ir mellorando as miñas perspectivas na medida do posíbel. Gato escaldado, a segunda volta pilloume cun bo coñecemento dos mecanismos de acceso, e co máximo de puntos dispoñíbeis para unha persoa sen experiencia laboral -cortesía ben pagada duns vergoñentos cursos de ANPE-Albacete e do CSI-CSIF-. Fun repasando e pulindo aínda máis os temas, e polo medio, topei tempo de facer (bolsa mediante) un máster que, anque entretido e útil en certos aspectos (o de toparme a Noriko ante todo), só sumou un par de puntos ao meu expediente e a vía aberta a un camiño de bolsas doutorais no caso de fracasar no asalto ás ensinanzas medias.
Mais outro encallamento agardaba á miña navegación: cando en decembro do 2009 saíron as especialidades que se ían ofertar no concurso-oposición do ano vindeiro, comprobei con estupor que non se convocaban prazas de Xeografía e Historia. Sí sacaban vacantes para Secundaria - Inglés, e ante a perspectiva de ter que botar outro par de anos no limbo, tiven que redirixir o rumbo da miña nave cara unha terra algo inhóspita, e ao xeito de Robinson Crusoe, tentar sobrevivir e acomodarme nela; coma no caso da personaxe de Defoe, os meus estudos e o meu coñecemento da língua dábame suficientes ferramentas de base para ter posibilidades realistas no eido; así que procurei axenciarme como puiden nun tempo limitado temario, programación e unidades didácticas e púxenme a preparalo todo dende cero.
O caso é que non era demasiado optimista, e non era só a dificultade o que me tiraba para atrás: a perspectiva de ter que ensinarlle inglés (non literatura, historia da língua ou cultura) aos adolescentes non se pode dicir que me entusiasmara: estudar gramática estivera a piques de impidirme facer a segunda carreira, e ensinala parecía tan só marxinalmente mellor ca poñer ringleiras de tixolos ao aire libre. Con todo, na oposición de Inglés sí ía ter unhas ventaxas moito máis transparentes para o tribunal que toda a miña sapiencia historicista, e contaba que nun futuro non lonxano podería aproveitar pasarelas para adquirir a especialidade de Historia dende dentro, cousa que fixen na primeira ocasión en que tiven a oportunidade de facelo.
Novamente na canícula ourensá, novamente tamén unha certa sorte acompañou ao proceso dende a mesma elección a sorteo dos temas; malia levar moitos menos (e peor preparados) que na especialidade outra, un dos que caeu, e que fixen (61: A incidencia do cine na difusión da produción literaria en lingua inglesa) era seguramente o mellor e máis orixinal que podía redactar; as defensas tamén transcorreron satisfactoriamente, e ao final do proceso, topeime que estaba dentro, que logo de magallánica singradura a nave por fín arribara ao porto, e comezaba o meu percorrido laboral coma o primeiro servidor educativo do meu estado. Na seguinte volta veremos cómo a experiencia de ensinar inglés (e nunhas institucións que nen sabía que existían) ía a mudar bastante as miñas visións e expectativas laborais.
Sem comentários:
Enviar um comentário