quarta-feira, março 28, 2007

Salt Lake City - Jean Baudrillard

Na liña da pequena homenaxe que fai uns días insertábamos co gallo da morte do intelectual francés, hoxe podedes ler esta traducción dun anaquiño do seu libro 'America', unha peza curiosa, mistura de postais hilarantes e poéticas observacións sobre a que Baudrillard chama a 'única cultura primitiva que queda - a nosa".

SALT LAKE CITY

Pomposa xeometría Mormona. Marbre por todos lados: funeral, inmaculado (no Capitolio, no órgano do Centro de Visitas). E nembargantes, tamén unha modernidade Los-Angélica (con tódolos chirimbolos necesarios para crear un confort minimalista e extraterrestre). A cúpula coroada con Cristo (tódolos Cristos eiquí están copiados de Thorwaldsen e parécense a Bjorn Borg) parece sacada de Encontros na Terceira Fase: relixión como efectos especiais. De feito, toda a cidade ten a transparencia e a antinatural e alieníxena limpeza dunha cousa do Espazo Exterior. Unha abstracción simétrica, luminosa, todopoderosa. En cada encrucillada na zona do Tabernáculo -todo rosas e marbre, e marketing evanxélico- canta un reloxo de cuco electrónico: tal obsesión Puritana é sorprendente baixo esta calor, no corazón do deserto, a carón dun lago de chumbo, as súas augas tamén hiperreais pola pura densidade do sal. E máis alá do lago, o Gran Deserto do Lago Salgado, onde tiveron que inventar a velocidade de coches modelo para enfrontarse á absoluta horizontalidade... Mais a cidade en sí mesma é como unha xoia, co seu aire puro e a inmersión en vistas urbás máis sorprendentes que as de Los Angeles. Qué brillantez máis chocante, qué veracidade máis moderna amosan estes Mormóns, estes banqueiros ricos, músicos, xenealoxistas internacionais, polígamos (o Empire State de New York ten algo deste mesmo Puritanismo funerario elevado á enésima potencia). É o orgullo capitalista e transexual deste pobo de mutantes o que lle da á cidade a súa maxia, igual e oposta á de Las Vegas, a gran prostituta do outro lado do deserto.

4 comentários:

Anónimo disse...

Así é que por alá devecen polas películas de Pedrito Almodóvar. paisaxista de visións alieníxenas con tintes de anormal normalidade.
Non teño claro eu se Baudrillard toma partido e, nese caso, de ata que punto Baudrillard asume esas paisaxes (Salt Lake/Almodóvar). O cazador/seductor cazado/seducido (cabeza reducida): o derradeiro Baudrillard fixo fotos que pretenderon ser tratados pos-filosóficos e para min que (volta ás andadas) saíron 'otras chicas del montón'.

p.d.: trabalinguas: o ceo está embaudrillardado, etc.

A Raíña Vermella disse...

Os EEUU sempre teñen un algo alien para min, sexa Salt Lake ou o pesadelo conceptual de Las Vegas. A relixiosidade puritana pero polígama dos mormóns (agora xa non son polígamos, penso) tamén recorda moito a algunhas sectas que agardan que veñan a salvarnos os extraterrestres:)

FraVernero disse...

Uncle Joe chispeante, como sempre... As paisaxes devastadas 'para despois dunha batalla', os cráteres lunares e a sociedade de consumo. Baudrillard tamén podo concordar en que se vé (quizaves ao seu pesar?) atrapado nas redes de bronce do mundo post- e dos espellos fumegantes do Simulacro, infindos espellos reflectíndose mutuamente no Deserto do Real...

Canto aos salvíficos extraterrestres que invoca a Raíña, dame por pensar na magnífica canción de Patti Smith (ben sabedes: a miña heroína rockeira) 'Distant Fingers', na que a voz poética/cantora añora e agarda a epifanía dun amante alieníxena á Roswell...

cambote disse...

Un pracer boudrillard. Aínda non lin anda del pero tal como pinta non hei de tardar.
Fría esfera capitalista, ten algo nese retrato de cidade insípida de deus, un deus que se manifesta mediante transaccións bancarias.