quarta-feira, março 21, 2007

Koba, Mandelstam, Pasternak

A ilusión do desxelo veuse confirmada cando Yagoda se presentou na casa de Stalin e recitou un poema de Osip Mandelstam que, do mesmo xeito que a súa amiga, a fermosa poetisa de Leningrado Anna Ajmátova, escribía versos dunha claridade emocional abraiante e que seguen brillando no medio desa penumbra da humanidade como destellos de sinceira honradez. Naturalmente, a ámbolos dous custáballes adaptarse á mediocridade soviética.
Yagoda pagou a Mandelstam co irónico cumprido de aprenderse de momeoria o seu poema, dezaséis versos nos que Stalin era condenado e convertido en obxeto de escarnio, chamándoselle bigotudo "rupestre morador do Kremlin" e "matador de labregos", cuxos "grosos dedos" eran tan "aceitosos coma vermes". O poeta Demian Bedni queixáraselle a Mandelstam de que Stalin deixaba a pegada graxenta dos seus dedos nos libros que constantemente lle pedía emprestados. Os demais dirixentes eran "unha banda de xefazos de finos pezcozos", verso que escribiu Mandelstam ao darse conta de que o pescozo de Molotov sobresalía do da súa guerrera e do pequena que tiña a cabeza. Stalin sentiuse ofendido, malia comprender o valor do poeta. Daí a despiadade orde enviada a Yagoda, que parecía referida a unha porcelana de gran valor: "Debe ser conservado, pero aillado".
A noite do 16 ao 17 de Maio, Mandelstam foi detido e condenado a tres anos de desterro. Namentras, os amigos do poeta correron a pedirlle axuda aos mecenas que tiñan entre os xerarcas bolcheviques. A súa muller, Nadezhda, e o poeta Boris Pasternak apelaron a Bujarin en Izvestiya, mentres que Ajmátova foi recibida por Yenukidze. Bujarin escribiulle unha carta a Stalin dicindo que Mandelstam era un "poeta de primeira clase... anque non demasiado normal... PS. Boris Pasternak quedou absolutamente estupefacto pola detención de Mandelstam e de que ninguén saiba ren". Un detalle sumamente revelador é que Bujarin lle lembraba a Stalin que "os poetas sempre teñen razón, a historia está da súa parte".
-¿Quen autorizou a detención de Mandelstam? -exclamou Stalin-. ¡Que vergoña!
No mes de Xullo, consciente de que a nova da interese amosada no asunto ía a propagarse coma as ondas na superficie dunha lagoa ante a proximidade do congreso de escritores, Stalin chamou por teléfono a Pasternak. As chamadas que lle facía aos escritores tiñan xa o seu propio ritual. Poskrebishev telefoneaba primeiro para avisar ao destinatario da chamada de que o camarada Stalin quería falar con el: debía agardar. Cando se produciu a chamada, Pasternak atopábase no piso colectivo que ocupaba e díxolle a Stalin que non o daba escoitado ben, porque no pasillo había uns nenos berrando.
-O caso de Mandelstam estáse a revisar Todo vai ir ben -dixo Stalin, antes de engadir-: Se eu fose un poeta e un compañeiro meu tivera problemas, faría calquera cousa por axudalo. -Pasternak tentou, como é natural, definir o seu concepto de amizade, pero o primeiro secretario interrumpiuno-:
Pero é un xenio, non?
-Iso non é o que importa.
-Entón, que é o que importa?
Pasternak, que se sentía fascinado por Stalin, dixo que desexaba entrevistarse con el e latricar un pouco.
-Sobre qué? -preguntoulle este.
-Sobre a vida e amorte -respostou o poeta.
Stalin, cheo de perplexidade, colgou. En calquer caso, a conversa máis significativa tivo lugar máis adiante, cando Pasternak tentou convencer a Poskrebishev que o puxera outra vez en comunicación. O asistente negouse a facelo. O poeta preguntoulle entón se podía repetir o que falaran. A resposta foi un sí contundente.
Stalin gabábase de ser un gran entendido: "Indubidábelmente trátase dun gran talento" dicía nunha carta a propósito doutro escritor. "É sumamente caprichoso, pero así son as persoas que posúen un don especial. ¡Que escriba o que queira e cando queira!".
A extravagancia de Pasternak pode que lle salvase a vida, pois máis tarde, cando se propuxo a súa detención, parece que Stalin retrucou:
-A ese deixádeo en paz. Se está nas nubes!

5 comentários:

FraVernero disse...

Neste caso, a fonte é "La Corte del Zar Rojo", de Simon Sebag Montefiore.

cambote disse...

A literatura do Leste, outra grande esquecida. Polo menos no que se refire ó periodo soviético.
Moi boa achega, estiven buscando cousas deses que nombras e gostei moito dos poemas que atopei duns e doutras.

Mario disse...

A cousiñas de Iosif, unha personalidade tan estarrecedora como fascinante.

Arale Norimaki disse...

Canta tentación xunta! Estas lecturas-anzois non me conveñen nada, sempre acabo gorentando máis da busca subrepticia sobre estes autores (dos que hei de confesar que aínda non lin nada malia as miñas filias cara o leste) que das miñas obrigas académicas.
Por certo, moi entretido o fragmento de Montefiore.

tío Pepin disse...

Elábuga