quinta-feira, março 08, 2007

A Morte de Baudrillard non tivo lugar

Mais lamentábelmente, é certa (alomenos, na implicatura física; como sempre nestas ocasións, fican os seus libros). E non deixamos de sentir como tremenda perda e golpe tenebroso que un pensador tan lúcido nos deixe orfos, sumándose á Santa Compaña dos Finados Postestructuralistas-Postmodernos.
Deixamos na súa memoria unha coroa de espellos fumegantes e unhas verbas extraídas do seu artigo 'Pensamento radical'. Máis adiante recibirá maior espazo e reflexión dos que caben nas fórmulas dun obituario.


"A crenza na verdade é parte das formas elementais da vida relixiosa. É unha debilidade do entendemento, do sentido común. Ao mesmo tempo, é o derradeiro bastión dos defensores da moralidade, dos apóstolos da legalidade do real e do racional, segundo os cales o principio da realidade non pode ser cuestionado. Afortunadamente, ninguén, nen sequera os que o ensinan, viven dacordo con este principio, e iso por unha boa razón: ninguén cre de verdade no real. Tampouco cren nas evidencias da vida real. Sería demasiado triste".

4 comentários:

Arale Norimaki disse...

É moi irónico (ou moi na liña do finado) o feito de que hai un par de días comezara a lerlle a Transparencia do Mal. Aínda que non quede corpo, a min quédame Baudrillard para longo e despois tocará buscar polas súas sementes...

Sir Gawain disse...

Simpatía por Baudrillard, que dirían os Rolling...

Non nos queda máis que o pai... (o antropólogo Claude Lévi-Strauss a quen lle cantara o mesmísimo Caetano Veloso)...

Lamento a morte dunha mente lúcida, a pesar das súas posicións discutibles...

Mario disse...

Home... eu alegrarme tampouco, pero o tipo este nunca me caeu alá moi ben. Quero dicir, que seguro que tiña boa intención e todo iso, pero non sei se iso chega para desculpar algunhas das grandes parvadas que chegou a dicir. Definitivamente de todos os posmodernos ficaría con algún outro.

FraVernero disse...

A todos, Arale (creo) nos fican libros de Baudrillard para bastante tempo: era un autor considerábelmente abondoso en títulos.
é posíbel que haxa posmodernos máis tochos que o finado (sen dúbida: un Lacan, un Derrida, un Barthes...) mais tampouco pasaría polo aro de considerar a este home 'menor' (a súa 'Sedución' é un librazo, igual que o 'espello da producción'), ou 'hijo de puta y ladrón' (esas posicións discutíbeis, esa parvoice). Certamente, foi intelectual epatante en moitas posturas, estetizador de discurso, mais o problema fica quizaves máis nas lecturas prexuizosas da súa obra. Hai autores que o debaten e reivindican (Douglas Kellner ou William Merrin). De certo, Baudrillard non era marxista dende moito tempo atrás. Mais iso non o convirte, ao meu ver, nen en adláter do capitalismo nen en menos interesante nas súas aportacións...