sábado, dezembro 15, 2018

My Tess

Uns días atrás, co gallo da ponte da Constitución, aproveitei para facer unha visita rápida ao Reino Unido e pasar un tempo cos familiares que teño alá. Porén, unha das xoias que rescatei de xeito imprevisto foi esta foto do meu primeiro colexio anglosaxón, o Corpus Christi de Boscombe, alá polo curso 1989/90. 


Anque en xeral gardo boas memorias escolares, este grupo e este ano académico son os que acubillo con máis afecto nos recunchos da miña memoria por varias razóns. Unha delas é que era un estudante bastante popular e aprezado polos meus compañeiros (algo que poucas ou nulas veces había acontecer despois); outra é que entre esta tropa xurdiu o primeiro dos meus mellores amigos, Darren (comezando dende atrás, de esquerda a dereita, o cuarto rapaz da segunda ringleira), que foi case coma un irmán para mín e do que lamentei amargamente ter que separarme naqueles días anteriores ás redes sociais cando o cambio de país implicaba unha ruptura total de contactos. 

A terceira razón tamén ten nome, apelidos e posición na foto; na terceira ringleira, en sexta posición, podedes ver sentada a Teresa Frith, a primeira persoa da que o Mantedor estivo tolamente namorado (head over heels, coma din os ingleses), cunha desas querencias limpas, puras e infantís que só son posíbeis denantes da pubertade e son pasto da nostalxia no devalar adulto. O afecto e a persoa só vivían dende moitos anos atrás no máis profundo do meu maxín, fosilizado en imaxes fermosas coma flores topadas entre páxinas dun vello libro, serenas coma o silencio que segue ás badaladas dunha igrexa rural e afastada; mais grazas a esta descuberta podo volver a poñerlles carne (ou celuloide), comprobando que o recordo, que é traizoeiro, non mentía desta volta.

Van case trinta anos dende que se tirou esta estampa. Gorentaríame moito volver a conectar con esta xentiña -con todos-, e máis que nada, volver a saber do Darren e da Teresa, de cómo lles foi a vida, e quizaves quedar nun futuro imperfecto e non moi lonxano a tomar unha pinta con eles e parolar un chisco. Co primeiro xa contactei: acabou traballando de actor e agora vive en Polonia. Coa segunda, xa se verá.

Sem comentários: