Finaba o 2007 e con el o ano máis prolífico desta bitácora: 86 entradas nada menos!. Parte deste éxito, que comezaba daquela a súa costa abaixo, debérase a que o Pazo de Trasalba fixo oficiosamente de foro e escaparate do grupo de 'poetas comparatistas' que neste curso daban comezo á súa dispersión e exilio por universidades estranxeiras. Xa o número de comentarios nas entradas do mes (arredor de 6 de media) ían marcando a pauta para o futuro silencio lector.
Malia estar enfrascado coas opos, aínda topaba tempo para escribir, anque ás veces falaba delas, como nesa entrada sobre o Románico italián e Benedetto Antelami -era o meu tema favorito de todo o temario, e incluso me permitira enriquecelo, creo lembrar, co engadido das típicas igrexas medievais de madeira da área escandinava: as Stavkirke.
Laiábamonos, vía Franco Grande, da mediocridade e das miserias endogámicas das nosas letras; é, por desgraza, un terreo onde as cousas só foron a peor. Contan que o poeta chinés Liu Yuxi fora desterrado por un poema satírico ('As flores de pexego no templo de Xuandu') e que cando volveu a capital, vendo a situación política e o templo aínda máis desolados que no comezo, escribiu outros versos ('Visitando novamente o templo de Xuandu') que lle gañaron outra xornada de exilio. A sega pasa implacábel polo ermo das nosas letras, e só deixa medrar ás malas herbas, ás prantas rubidoiras...
Sem comentários:
Enviar um comentário