terça-feira, agosto 31, 2010

Lecturas Intercalares (e 2)

Dende que vos presentei unha entrada homónima, xa tiven tempo de voltar a caer no mesmo vicio, e non 2 senón 4 veces desta volta. A ver se mañá volvo ao rego, e remato por unha vez (e sen que sirva de precedente) unha lista de lecturas de verán...

Dun dos catro volumes (El oficio de Historiador, de Enrique Moradiellos) penso facervos unha reseña máis detallada. Os outros tres repasareinos eiquí nuns breves parágrafos. Son:

O tomo 9 -La era de los navegantes- dunha Historia de España, editada por Salvat, a base de retocar a fondo con historiadores modernos unha obra anterior do Marqués de Lozoya

Clio en las aulas. La enseñanza de la Historia en España entre reformas, ilusiones y rutinas, de Raimundo Cuesta Fernández

Formarse como Profesor. Ciencias Sociales, Primaria y Secundaria Obligatoria (Guía de textos para un enfoque crítico), de José María Rozada Martínez

O primeiro é parte dunha colección en 26 volumes que pillara xa cando estaba no instituto. En xeral, é unha historia decente, anque hoxe, e con algo máis de perspectiva, resulta un xogo divertido distinguir aquelas partes do 'texto base' do Marqués de Lozoya, que feden a Historia decimonónica rancia (grandes figuras, batallas e reises, interpretacións personalistas dos feitos e providencialismo españolista) e a 'maquillaxe' do equipo de historiadores actuais que adecentaron algo a obra para a (pos)modernidade.
Este exemplar era precisamente o primeiro dos que chegaran ao kiosko, e polo tanto, a súa lectura orixinaría retrotraíase a máis de dez anos atrás. A revisión, como digo, foi agradábel. Iso sí: as epopeas oceánicas das armas e os barões assinalados interesábanme máis cando era novo (teño varios libros sobre o tema en varios idiomas que levo recollendo e ollando dende os 11 anos)...

O libro de Raimundo Cuesta é unha ollada moi formativa á historia da docencia da Historia na peninsula, e completa moi ben o que vos dicía do libro anterior. Esta docencia é relativamente recente no país (apenas se puxo en marcha realmente a mediados do século XIX), e marcada por tres pautas ideolóxicas na Historia que se ensinaba, tanto en primaria coma en secundaria: era memorística (e centrada en listas de reises, fechas e grandes batallas), nacional-católica e moralista (trazando exemplos a imitar, sobretodo para as nosas élites). En 'Clio nas aulas' explícase alén a evolución da teoría e praxe desta ensinanza, con dous modelos diferenciados: o modelo tradicional-elitista e o modelo tecnocrático de masas. Os cambios dun ao otro tamén levaron a mudanzas no estatus e nas funcións do profesorado (os vellos profesores de instituto do modelo tradicional eran case o equivalente, a efectos simbólicos e incluso no tipo de docencia, aos actuais de universidade). Finalmente, o libro fai unha perspectiva bastante pesimista dos intentos de 'reformar' os vellos modos de ensinar Historia que tiveron lugar dende os anos 80, subliñando que o resultado foi máis na liña de fracasos e continuidades que das rupturas -iso malia o feito de que, segundo o autor, a maioría dos docentes de Historia a nivel de secundaria, coma bos fillos do 68 e do antifranquismo, declaren coma o seu modelo historiográfico o... materialismo histórico (!!).

Por último, o libro de José María Rozada maniféstase nunha liña similar ao anterior, anque no canto de facer un estudo socio-histórico da docencia histórica, o que fai no seu volume é defender que os docentes de Historia procuren formarse dunha outra maneira, xerando unha ensinanza crítica na que o principal dos valores sexa o da loita contra as desigualdades e o fomento do pensamento crítico. Para conseguir tal obxectivo expón o autor unha serie de recomendacións, temas a meditar e lecturas aconselladas aos profesores 'críticos', que inclúe a asunción dunha praxe determinada pola tríada de 1) revisar os coñecementos científicos de disciplina e práctica docente; 2) reflexionar sobre as ideas subxetivas dun mesmo e dos demais; e 3) afectar e alterar a práctica educativa. O libro continúa con apartados extensos nos que se debaten as fontes (pedagóxicas, históricas, psicolóxicas, sociolóxicas), obxectivos, contidos, avaliación, etc... Entre liñas (ou tamén directamente) percíbese unha visión crítica do autor co sistema educativo e as súas funcións; unha crítica que se artella dende un desenfadado marxismo, e dunha colusión (anque crítica, e inimiga das burocracias pedagóxicas) coas reformas educativas dos últimos anos, ou máis ben, coas alternativas de innovación pedagóxica que estaban por detrás (ab ovo) do comezo das reformas...


quinta-feira, agosto 26, 2010

Cerimonia Lustral

Pois iso, que este mes cúmprense os 5 anos desque comezou a miña andaina polo Pazo de Trasalba, anque se quixeramos ser precisos, habería que retrotraer os principios da miña actividade virtual uns meses mais atrás, xa que a hoxe clausurada Corte de Camelot puxérase en movemento a mediados de xuño do 2005...

Un lustro da para moito, como podedes comprobar botándolle un ollo ás máis de 300 entradas que se foron acumulando, algunhas con ou centradas en imaxes (que por certo, me tomei onte a molestia de actualizar; un traballazo...), a maioría en textos de diversa índole. En todo este tempo, Trasalba serviu de foro de debate, de diario íntimo e indiscreto e de memoria electrónica na que anotar lecturas, reseñas e os restos variados da escuma dos días que chamaron a atención de FraVernero...

Como son un animal de instintos nostálxicos, póñome voluntariamente a brida, e alén de desexar entreterme e entretervos por outros 5 anos máis e de celebrar a estabilidade afectiva e profesional que me deparou este breve periodo de tempo, aproveito tamén a ocasión para lembrar aos meus amigos e poetas comparatistas, a algúns dos cales (Noel, Javier, Raúl) tiven oportunidade de ver unhas semanas atrás, e que dan comezo despois do verán a brillantes carreiras doutorais en universidades coma Columbia ou Yale, nada menos...

Remato por hoxe con dúas notas de información e censura que xiran (danzaríns xiróvagas) precisamente arredor do Sir Gawain: a primeira é o convite a escoitalo nunha mesa redonda sobre Lois Pereiro que tedes na páxina de radiodifusión; a segunda é un ronsel de improperios e ameazas ao mesmo interfecto para que me devolva, algún ano destes, a miña edición adicada de Mecánicas Celestes. Vale.

domingo, agosto 22, 2010

Poesía para comer

Querendo facer honor ao seu nome e aos vicios e costumes do seu amo, a miña cadela, Clío, decidiu probar as artes da lectura uns días atrás, para desventura dun volume de poemas (Unforgotten Dreams. Poems by the Zen Monk Shōtetsu) que agardaba inocente, enriba dunha silla, a visita do meu ollar cobizoso. Coma o medio perceptivo e táctil dos cans centra na súa boca, o libro ficou ben roído, malia o cal aínda se pode ler nel...


O que un ve
no medio do seu soño
esvaece ao espertar;
mais os soños que temos de espertos
ningún durmir pode facer que se esquezan


nuru ga uchi ni
miru wa samuru o
kagiri nite
samete no yume ni
nete mo wasurenu

terça-feira, agosto 17, 2010

A Modest Commentary (e 2)

Paso a comentar as modificacións na proposta de temario da sección de Historia, co que dou por soterrada esta parella de entradas sobre opos que seguramente só interesan a un público moi reducido...

A Historia sempre foi a nena bonita das tres disciplinas que se dan cita para a oposición ao corpo de ensinanza en secundaria de Xeografía e Historia (e Arte...). No vello temario, os seus temas específicos sumaban 34 (o que sumaba o 47.22%). É unha tendencia que prosegue e se consolida na proposta de reforma, que engade 7 novos temas para a area, dando un total de 42 (levando o porcentaxe ao 51.85%, algo máis da metade). De xeito aproximado, podemos dicir que por cada tema de Arte toparemos 2 de Xeografía e 4 de Historia.

Pasemos aos cambios concretos que se produciron: supresións, modificacións e engadidos:

Temas eliminados

-o 21, "Grandes liñas de investigación histórica nos séculos XIX e XX". É unha supresión que segue unha tendencia xeral a eliminar ou reducir os temas de metodoloxía, historia e atributos da disciplina, como xa vimos (arte quedou sen o seu, xeografía mesturou os dous que tiña). Engádese ao tema anterior, de metodoloxía histórica, unha coletilla de 'novas liñas de investigación' que translada contidos deste tema para alá.

-o 30, "A Formación das monarquías feudais na Europa Occidental. A orixe dos estados modernos". Neste caso, supoño que decidiron eliminar temas moi 'teóricos' de historia e/ou afastados da praxe docente, e considerarían que este era moi 'abstracto'. No seu canto aparece un de Historia da Baixa Idade Media, que nalgúns aspectos (só algúns) toca contidos semellantes. É unha mágoa, porque era un tema interesante, e caeu nas últimas oposicións da materia.

-o 37 "O debate historiográfico sobre a Revolución Francesa". Era estraño que o temario contase cun tema 'de historiografía', ao tempo que non había ningún sobre os feitos históricos da Revolución Francesa. Parte da homoxeneización (tocar tódolos grandes momentos, xa sexa a nivel español ou internacional). Para mín era un tema simpático, dada a enorme cantidade de historiografía marxista no debate...

-o 43, "Pensamento político e económico no século XIX". Supoño que preferían ter temas máis 'concretos'. O pensamento burgués quedou sen defensores, e o obreirista pasa a un novo tema sobre a sociedade industrial e as ideoloxías obreiras.

-o 45, "As transformacións do Estremo Oriente dende 1886 a 1949". Esta caeu da man dunha occidentalización e europeización clara do temario, o cal é unha vergoña (era o único tema extraeuropeo). Certo é, nembargantes, que constituía unha mostra aillada.

-o 46, "Os Estados balcánicos no século XX". Ídem co anterior, xa que o leste de Europa é para os nosos plans de estudo coma se non fose Europa... Parece que xa calou o ruxe-ruxe xugoslavo, ou que se ve como un 'mal exemplo' para estudar.

Temas modificados de xeito significativo

Houbo moitas modificacións, a maioría estéticas (mudar algo o nome do título), ou baseadas en engadir unha exemplificación 'española' do tema. Entre as máis relevantes doutro signo están:

-o 23, "Do neolítico ás sociedades urbanas do Próximo Oriente. Fontes arqueolóxicas" (novo, 25). Este era un tema cun título ambivalente, que se prestaba á confusión. Chegaba 'ata' as sociedades urbanas de Oriente (e polo tanto, incluía ou excluía falar de Sumerios, Acadios, Babilonios e faraóns?). Agora tornouse algo máis claro con engadido, tras dous puntos, de "Mesopotamia e Exipto", anque isto alongue o tema de mala maneira, e obrige a reducir moitísimo na explicación do neolítico (alomenos, polos meus apuntamentos).

-o 34, "Conquista, colonización e administración da América Hispánica" (novo, 45). Se non se trata dun erro de impresión, a nova versión redúcese aos séculos XVI e XVII (o vello, ata o XVIII), eliminándose o importante e extenso apartado das reformas borbónicas e os novos virreinatos nas colonias.

-o 48, "Fascismo e neofascismo: caracteres e circunstancias en que se desenrolan" (novo, 67). O seu novo sosias é máis amplo, e baixo a etiqueta do 'Totalitarismo de entreguerras', inclúe reflexionar aquí sobre o modelo soviético, xunto co nazi-fascista. Nunca me gustou a etiqueta académica de 'Totalitarismo'. Considéroa demasiado interesada e viciada, ideolóxicamente.

Temas engadidos

A maioría destes son 'desdobles' de temas anteriores (nalgúns casos, dada a extensión destes, resulta lóxico e agradecido), pero tamén hai bastantes incorporacións...

-o 27, "A civilización grega dende as orixes ata a época helenística". É unha das múltiples escisións dun vello e amplo tema sobre 'A civilización grecolatina'.

-o 29 (Roma: a construción dun Imperio, o proceso de romanización) e o 30 (Crise e división do Imperio Romano), os dous novos temas sobre a antigüidade latina.

-o 32, "Orixes e evolución das relixións do Libro: Xudaísmo, Cristianismo e Islam". Tema totalmente novo, quizaves para exemplificar a 'historia das relixións'.

-o 39, "A Baixa Idade Media en Europa: Evolución económica, social política e cultural". Botábase en falta, xa que anque non tivese un equivalente para a Alta Idade Media, esta última xa topaba distribuídos algúns dos seus contidos noutros temas do temario.

-o 46, "O século XVII: Defensa da Hexemonía e Ocaso dos Austrias Hispánicos". Este novo tema vense a engadir e a expandir outro que xa había, e que continúa, baixo o título de 'A monarquía hispánica baixo os Austrias', e que agora por lóxica hase de cinguir ao século XVI...

-o 48, "O equilibrio europeo do século XVIII: os tratados de Utrecht e Rastadt". Tema totalmente novo que engade algo de historia política e internacional ao citado século, que estaba algo orfo diso...

-Un desdobre salomónico do vello tema 36 da lugar a dous novos: o 50 (Medre económico, estructuras e mentalidades sociais na Europa do século XVIII) e o 51 (As transformacións políticas e económicas na España do S. XVIII). É unha bipartición lóxica, e o mesturado antigo destes dous temas tan diversos non tiña razón de ser, agás limitar os temas.

-o 59, "A sociedade industrial, formación e ideoloxías do movemento obreiro". Un erro tipográfico na páxina da ANPE titúlao en realidade 'sociedade pos-industrial', mais vese que resulta prematuro neste tema. É novo, anque unha parte é un desglose dun dos temas suprimidos, e está ben...

-o 60, "O sistema de Estados europeos en tempos do chanceler Otto Von Bismarck". Historia política da segunda metade do XIX, que non había...

-o 63, "A España da Restauración, 1875 - 1931". Parte do aumento dos temas 'de España'. Pensade que o último que se daba disto era 'a construcción do estado liberal', do que a Restauración era un esquencido apéndice.

-outro desdobre dase a partir do vello tema 47, que metía no mesmo saco a I Guerra Mundial e o periodo ata a crise do 29. Agora temos o 64 (A Primeira Guerra Mundial e as relacións internacionais no período de entreguerras) e o 66 (A crise de 1929. Consecuencias mundiais. Políticas de recuperación) no seu lugar.

-o 70, "A II Guerra Mundial. Causas, desenrolo e repercusións". É un tema de nova creación e que cubre este momento histórico clave, apenas albiscado nun dos vellos temas (que segue no temario) coas súas consecuencias e a Guerra Fría.

sábado, agosto 14, 2010

A Modest Commentary

Por estes días, andan xa a presentar o modelo dos novos temarios que acompañarán ás remozadas oposicións que xurden no 2012. A curiosidade levoume a ollalos (tamén o interese: dentro dun ano ou así terei que ir comezando a preparar as probas de adquisición de nova especialidade), e o que atopei non me gustou moito. Imos adicarlle unha ou dúas entradas a parolar do tema...

Un elemento universal é a ampliación do número de temas. Nas disciplinas que me afectan, Historia pasará destes 72 a estes 81, e Inglesa de 69 a 75. É unha tónica xeral, e que promete maiores sufrimentos aos nosos sufridos opositores...

De Inglesa só engadir que decidiron cepillarse 8 dos 29 temas de literatura, historia e cultura anglosaxonas. Os 21 que fican tornáronse máis difusos, o que non sei se é algo bo ou malo (todos os de literatura empezan igual: Principales manifestacións... e análise dunha obra representativa. Pode que fomente algo menos a mnemotecnia...).
A verdade é que suspiro de alivio ao evitar un redoblado inferno frío de lingüística no meu futuro. Laméntoo polos novos, xa que se co sistema pasado era factíbel levar eses 29 temas divertidos, engadíndolle 2 ou 3 dos outros, agora haberá que apandar en maior grado co arisco terreo da lingua...

En Xeografía e Historia o máis significativo e digno de mención é o seguinte:

Temos un aumento lixeiro dos temas de Xeografía (de 19 que eran no pasado, e que configuraban o 26.38% do total, pasamos agora a 22. O porcentaxe só ascende levemente, a un 27.16%). Estes temas constituían un corpus relativamente homoxéneo da disciplina, anque moito máis centrados na xeografía humana que na física.

Temas eliminados:

-o 2, "Metodoloxía do traballo xeográfico". En realidade, engádeno como coletilla ao 1. Alédame, xa que era un deses temas realmente infumábeis, agás para xeógrafos...
-o 3, "Diversidade do medio xeográfico". A verdade é que era un tema un chisco 'abstracto'. De todas maneiras, sempre aborrecín toda a xeografía física, asi que canto menos, mellor...

Temas modificados de xeito significativo:

-o 7 "Espazo Rural" (novo, 6). Agora ten que incluír tamén as actividades e o sector da pesca.
-o 12, "Sociedade e economía de China' (novo 11). O seu sustituto engade tamén á India.

Temas engadidos:

-Temos un novo tema 2 baixo o título de "As grandes unidades morfoestructurais do planeta terra. Estructuras e releves". Buff... Xeoloxía a máis non dar...
-Temos un novo tema sobre economía africana, que se ven a sumar ao que xa había antes (un xeral, sobre África mediterránea e subsahariana, antigo 14 e actual 13). A novidade ocupa o número 14, baixo título "África negra. Sudáfrica: un tipo de desenrolo". Será polo triunfo no mundial, digo eu...
-Temos tres temas novos adicados aos tres sectores económicos, mais aplicados a España: agricultura e pesca (18), Industria (19) e Servizos (21). Véxoo como un intento de 'españolizar' algo máis o temario, e quizaves para conectar coa 'xeografía de España' infiltrada na Historia de bacharelato...

Pasamos á Historia da Arte. Os seus licenciados poden comezar a deprimirse, xa que a súa situación non mellorou, ou incluso empeorou un chisco. O número dos seus temas permaneceu igual: 11; mais dada a suba do temario a 85 temas, o seu porcentaxe pasa dun xa de por si limitado 15.27% a un novo 13.58%. Amais, antes os temas de Arte formaban un bloco compacto (os temas que ían do 55 ao 65), mais agora están dispersos por todo o temario, co que a estatística ponse aínda máis en contra deles do que os porcentaxes...

Canto a modificacións en Arte, polo demais, foron case nulas. Suprimiuse un dos temas (o 55, "Teoría e función da arte. Análise e interpretación da obra de arte"), o cal é unha verdadeira mágoa, e unha discriminación a maiores fronte á xeografía e a historia. Isto equilíbrase coa división do vello tema de Arte Clásico en dous novos: "Arte de Grecia. Principais Características. Estudo dunha obra representativa" (28) e "Arte de Roma. Principais Características. Estudo dunha obra representativa"(31). O do estudo concreto dunha obra porano para aburrirse menos cando corrixen os exames, digo eu...

Os cambios en Historia son máis de calado, pero eses deixarémolos para unha entrada futura. Rematamos por hoxe con aqueles temas que, a falta doutro termo, podemos chamar de "Historia do Presente", ou "Mundo Actual" (cousas como os movementos sociais, os medios de comunicación...). No antigo temario eran os sete últimos (do 66 ao 72), representando o 9.72% do total. Agora descenderon a 6 (do 76 ao 81), pasando a representar o 7.4%. As novidades neste grupo son:

Temas eliminados
:

-o 68 ("Organización económica e mundo do traballo. A inflación, o desemprego e a política monetaria". Coa que está caendo, non me estraña que o supriman...)
-o 70 ("Medios de comunicación e sociedade de masas")

Temas modificados de xeito significativo:

-o 67, "A Transición política e a España constitucional" (novo, 76). Antes só era unha análise da Constitución do 78, polo que agora vólvese algo máis 'histórico'.

Temas engadidos:

-o 81 ("Novas linguaxes e formas visuais. O impacto das novas tecnoloxías na creación e difusión artística"), pequena compensación para os artistas e amantes do contemporáneo, e a típica brinde ao sol das novas tecnoloxías.

quinta-feira, agosto 05, 2010

Lecturas Intercalares

Coma adicto enfermizo á orde, xa comprobaríades a miña afición por compoñer diferentes listaxes e esquemas organizativos. Conto con varias listas para a compra de volumes que me interesan, e listaxes de ordes de lectura daqueles que xa están no meu poder...

Claro é, de todas maneiras, que as regras están deseñadas para saltalas, anque só sexa un pouco. A transgresión é un pracer de por si, xunto co de deixarnos seducir por un libro en concreto. Unha compra recente, por exemplo, sempre ten un certo engado especial, unha aureola quizaves emprestada do fetichismo da mercadoría, e ás veces é quen de facerse un oco e rachar as listas; caso contrario, tócalle acumular pó nos estantes, agardar turno e durmir o soño dos xustos durante anos...

Un volume que levaba agardando moitos anos e que se colou nestes días estivais xa algo máis frescos e estimulantes foi 'The Pilgrim Route to Santiago', de Brian e Marcus Tate e ilustrado por Pablo Keller. Dende que o mercara nas Inglaterras (xa van alomenos 2 décadas!), atraído polo tema xacobeu, non lembro que tivera ocasión de lelo enteiro, anque podo equivocarme. Mais é que o engado deste exemplar non está tanto no texto (que non está mal) senón nas imaxes: o Keller é un fotógrafo excepcional que retrata coas súas mellores vistas a arquitectura do Románico de Peregrinación dende Francia a Compostela. As súas estampas téñoas contemplado ata grabalas na retina, incluíndo relicarios e Gabrieis de Santa Fé de Conques, a colexiata de Roncesvalles, a antiquísima chepa de Puente la Reina, os capiteis románicos de Estella e de Castela, o branco inmaculado e austero de San Martín de Frómista ou as rúas cos paisanos a arranxar o camiño principal en Leboreiro... Aínda diría máis: o meu amor irracional e apaixonado co Medievo seguramente topa unha das súas fontes orixinais nas fotos deste volume que tanto me afectaran no seu día.

O segundo dos adiantados é unha compra recente, mentres ía de librarías cuns compañeiros, e tamén garda o selo da Idade Media: trátase do Libro de Apolonio, edición de Castalia e de dona Carmen Monedero. É unha das primeiras obras do mester de clerecía, composta no século XIII, e na que se narran ao xeito da novela bizantina as peripecias de Apolonio, rei de Tiro, e as súas separacións e posteriores anagnóreses de muller e de filla; a versión castelá (transcrita con moitos aragonesismos e catalanismos, froito ao parecer do copista) é unha variante do tema, que tivo un éxito inmenso no mundo medieval, tan só por detrás dos grandes ciclos (Artúrico, Troiano, de Bretaña) e que amosa o seu rostro tanto na versión canónica en latín (a Historia Apolonii Regis Tyri) coma nunha versión anglosaxona de John Gower e, no Renacemento, con moi poucas variacións, nunha obriña de Shakespeare da que xa falei eiquí (o Pericles, Prince of Tyre).