quinta-feira, junho 30, 2011

Libros do Mes

The Book of Songs, de Confucio (ed.) e Waley (tr.)

Chado: the Japanese way of tea, de Sen Shoshitsu

Chinese Literature, Ancient and Classical, de André Lévy [E]

Papaventos, de Xavier Queipo

TAZ, de Hakim Bey [R]

*Manual de Teoría de la Literatura, de Fernando Cabo e María do Cebreiro

*Sunflower Splendor, de Wu-chi Liu e Yucheng Lo (eds.)

*The Indiana Companion to Classical Chinese Literature vol. 1, de William H. Nienhauser (ed.)

*Lírica profana galego-portuguesa de VV.AA., tomo 1

quarta-feira, junho 29, 2011

Borgiana - dobre B

O soño duns días atrás: Jorge Luis Borges estaba a dar unha entrevista na praza da Quintana. De súpeto, ergue a tapa prateada dunha bandexa, enriba da mesa en que está apoiado, e deixa ao descuberto un botelo con patacas, poñéndose a manxalo ipso facto.

quarta-feira, junho 22, 2011

De Deusas e (re)Presentacións

Malia a voráxine dos exames, dou sacado de cando en cando algúns intres para outras actividades algo máis satisfactorias. Entre elas, participar na presentación (o venres pasado) da editorial Axóuxere e dos seus dous primeiros libros: Chamamento (de autoría anónima, anque asociado á revista Tiqqun e ao Comité Invisíbel) e TAZ, de Hakim Bey (este último verquido ao galego por un servidor e Pablo Varela Pet), que vos recomendo encarecidamente.

Noutra orde de cousas, tamén tiven tempo de cazar versos fuxitivos de José Ángel Valente, o rapsoda de Augasquentes; comparto convosco este poema ao que lle teño especial cariño por varios motivos: porque eu tamén percorrín as ruinas dos templos de Paestum, porque eu tamén amo a mitoloxía, e porque (con menos arte) teño escrito un texto moi semellante a este.

Hera

Paestum.

Mil novecientos
setenta y tres
En Paestum puse
la planta oscura
de la profanación
en el umbral secreto de la diosa
y vomité palabras líquidas y negras
en cuanta sombra allí pudiera
guardar la huella de sus pliegues de oro.

De antiguo opté por la lechuza,
no por tus ojos de ternera.
Conserva tú nupcial el lecho
de la persecución y la venganza.

Sobreviven Tiresias,
Semele e Ío.
Tú no, vindicativa.

Ofrecí bilis negra
en el umbral del templo.
Gusté del agrio
sabor de la blasfemia.
Paestum.
También mueren los dioses, venerable.

domingo, junho 12, 2011

Panem et Circenses

Pensaba falarvos un chisco de lecturas e reflexións recentes. De Joán Arias, por exemplo, que escribiu unha encantadora cantiga de amigo da que chama a atención a 'chulería' da senhor (en quant' el diz non lhi gradesqu' eu ren, / ca mi sei eu que mi paresco ben); ou dos paralelismos da nosa lírica medieval coa antiquísima poesía chinesa do 'Libro das Odas', Shih Ching (詩經). Nembargantes, os requiebros de Javier Rodríguez 'Panero' arrincáronme do meu soño dogmático o tempo suficiente para que vos recomende o seu artigo de opinión sobre o movemento do 15-M, alén de engadir dúas ou tres notas da miña propia colleita.
Compara Javier, con altas doses de ironía, as sentadas cidadáns co maio do 68. Permítome engadirlle outro simil, como é o do proletariado romano. É que lonxe das grandilocuencias posteriores da terminoloxía, o proletarius da vella capital é o mellor instrumento para reflexar (diremos, coma Joyce: o cristal crebado que lle roubamos á criada) á nosa xuventude revoltada: unha masa conformista de botellón e playstation que soñaba en vivir dos pais mentras non poida vivir dos fillos e gozar paseniñamente dos praceres da sociedade de consumo ata que a Crise veu a petarlles á porta da casa, aducindo suspensión de pagos e próxima supresión do Auxilio Social dos diferentes pais (os biolóxicos e papá Estado).
Un quixera crer o contrario, evidentemente: que o movemento 15-M é o comezo dunha nova era de mobilización crítica, de cuestionamento da realidade, de esforzo e de avance social, mais seguramente os anos me vaian tornando un chisco escéptico e difícil de entusiasmar, agás cos praceres privados e controlábeis. Todo é cuestión, tamén de perspectiva (ou de paralaxe, que diría Zizek). A situación actual píllame dende o mandarinaxe mol, nunha situación na que non me considero dos máis desfavorecidos no marco do realmente existente, e na que fico un chisco canso de loitar as batallas dos outros; de voltaren as agullas do reloxo un ano atrás, no pasado recente en que FraVernero era un parado sobrecualificado de humanidades con moitas papeletas para escapar correndo cara a emigración anglófona, o 15-M podería terme topado nas tendas de campaña. Tal como están as cousas, seguirei contemplando, entre divertido e sardónico, como se desenvolven os sucesos dende as marmóreas e outas gradas do anfiteatro. Se o que nos ocupa amosa ser algo máis que unha bufonada carnavalesca de curta duración e calla nun movemento sólido de loita e de transformación, habémonos ver, compañeiros de viaxe, no camiño. E falaremos dos Espartacos de Kubrick e do presente.