The Songs of the South: An Anthology of Ancient Chinese Poems by Qu Yuan and Other Poets
David Hawkes (tradutor e anotador)
2011, Penguin books (reimpresión)
* * * * (bo)
Excelente edición e traducción da segunda antoloxía máis antiga da poesía chinesa clásica.
A tradición literaria chinesa é moi descoñecida no mundo occidental, agás algúns dos poetas máis destacados da dinastía T'ang, coma Li Po ou Tu Fu. Nembargantes, cando estas e outras luminarias fixeron primeiro acto de presenza e de escrita, o chinés literario xa contaba con arredor de dous mil anos de práctica escrita; e as futuras manifestacións, nunha lingua moi semellante, continuarían de xeito ininterrompido ata comezos do século XX.
A primeira antoloxía poética desta língua que se conserva é o Libro das Odas (Shih Ching), do que xa temos falado algo nalgunha ocasión. A segunda máis antiga estivena a ler estes días pasados: é o Ch'u Tz'u (ou na moderna transcripción pidgin, Chu Ci), traducido habitualmente coma 'Poemas do Sur', ou 'Elexías de Chu'.
O reino de
Chu (
楚國) era un dos 7 grandes estados que se repartían o territorio chinés na época dos Estados Combatentes (475-221 a.C.). Asentado nas ribeiras dos ríos Yangtzé e Huai, presentaba unha cultura con rasgos que o diferenciaban dos demais reinos chineses máis ao norde, nas cuncas do ríos Wei e Amarelo. O chamanismo, por exemplo, era a relixión oficial, e éstes adicábanse á práctica de 'viaxes astrais' e chamamentos das almas fuxitivas como prácticas habituais.
Entre finais do século IV e comezos do III a. C. fai acto de presenza no reino que nos ocupa o nobre, cortesán e poeta Ch'ü Yüan (pidgin, Qu Yuan), que logo de ser desterrado da corte polos marmuradores e por criticar as políticas erradas de el-rei Huai, compón o longo e orixinalismo poema Li Sao ('Atopando tristeza') para logo suicidarse nas augas do Mi-Luo. En Li Sao, o poeta inspirábase na tradición chamánica para recrear as súas desventuras logo de verse desterrado: comeza describindo a súa orixe e as súas virtudes, representadas por unha exótica imaxinería floral, e a mediocridade dos 'aduladores' cortesáns que forzaron o seu desterro; continúa cun catálogo erudito de exempla de bos e malos reis e conselleiros do pasado, e remata cunha viaxe astral nun carro tirado por dragóns e escoltado por varios deuses e constelacións.
Este poema (e as tradicións orais nativas que mesturaban tamén a lírica e o chamanismo) darían lugar nos séculos seguintes a unha tradición poética, alcumada 'sao' que, alén de por formas métricas determinadas, se definía pola temática (o bo ministro desterrado e choroso, as viaxes sobrenaturais e a imaxinería vexetal e animal). Tras varios procesos de recopilación e engadidos, pasando polas mans de alomenos tres editores-poetas (Liu An, Liu Xiang e Wang Yi), a antoloxía adoptaría a súa forma actual e definitiva trala acción do derradeiro destes, a mediados do século II da nosa era, e case 450 anos despois da escrita de Li Sao. Outras pezas destacadas da colección son o Tian Wen ('Preguntas Celestiais'), unha especie de enciclopedia chamánica arredor da mitoloxía chinesa, o Jiu Ge ('Nove Cancións'), invocacións chamánicas a varias divinidades empregando un formato de viaxe-relación amorosa, o Jiu Zhang ('Nove Pezas'), que inclúe un lamento pola caída da capital de Chu a mans inimigas, ou o Zhao hun ('Invocación da Alma'), no que a voz-poética/shamán realiza un ritual de chamamento á alma fuxitiva do rei para que retorne ao seu corpo, describindo os horrores do mundo exterior e as delicias da vida cortesá.
A traducción íntegra desta secuencia é mérito do finado profesor inglés David Hawkes, anque algúns dos mellores versos da antoloxía xa foran obxecto de aparición noutras antoloxías ou de estudo doutras traductores (coma Arthur Waley, o decano e maior luminaria dos estudos siníticos do século XX). A súa edición, longamente descatalogada, retorna afortunadamente ás librerías na edición que nos ocupa. É unha edición anotada coidadosamente, e que contrastada con outras traduccións, amosa unha enorme lucidez estética e poética que acompaña o seu ton académico, e unha grande claridade nas escollas (algo moi complexo ás veces na translatio a linguas occidentais da poesía chinesa clásica, onde polas características da língua, hai frecuente elisión de suxeitos e indeterminación de tempos verbais, pronomes e enunciadores).
Só teño palabras de louvanza para esta magnífica obra, que lle recomendo a tódolos meus lectores. A única eiva é, quizaves, a pobreza do formato da edición (unha edición en tapa branda de Penguin en papel de escasa calidade).