sábado, junho 30, 2012

Libros do Mes


Hestoria universal de Paniceiros, de Xuan Bello

Rikyu and the Beginnings of the Japanese Tea Ceremony, de Herbert Plutschow [R]

Os Señores da Mentira de José Carlos Bermejo Barrera

Tales of Times now Past de Marian Ury (tr.)

Yoshimasa and the Silver Pavilion de Donald Keene [E]

*An Anthology of Chinese Verse, de J.D. Frodsham e Ch’eng Hsi (tr.)

*Galicia, unha luz no Atlántico, de Victor Freixanes (ed.)

*Stalingrad, de Anthony Beevor [E]

Resistencia

Tende un a pensar que a resistencia é a única postura ética, estética e política realmente dispoñíbel para os mirrados nestes tempos de capitalismo serodio. A palabra evoca imaxes de maquis franceses con cruz de lorena e gabardina, ou partisáns italianos ou rusos cantando cancións pegañentas; e a nivel galego, a chulesca comicidade dunhas liñas do Estirpe de Méndez Ferrín ("Xullo, noventa e dous, resistimos, qué pasa"). Mais lendo últimamente os versos dunha antoloxía de poesía chinesa, atopo outra resistencia coa que empatizo, como é a que busca valentía perante o fundamental absurdo da existencia, a brevidade da vida e a inexorábel desaparición. Juan Chi (ou Ruan Ji, 阮籍) exprésao á perfección deste xeito:

O hibisco florecendo nas tumbas
debuxa unha vívida mancha de cor.
Cando o branco sol descende entre as árbores,
as pétalas caen, borboleteando na estrada.
O grilo canta no umbral e no peitoril
as cicadas choran entre as toxeiras.
Por só tres días o enxamio das moscas de maio
voa coas súas azas iridiscentes.
Para qué nos adubiamos con tanta beleza,
vestíndonos de dourado para tan só un intre?
Canto dura a vida dun home?
Mais contodo, tentemos amosar un chisco de valentía.

sábado, junho 23, 2012

De sterrennacht

Co gallo dos exames xa vedes que vos teño algo deixados de lado. Para compensar aquí tedes unha mestura interesante de escrita e pintura (ut pictura poesis, que xa dicía o poeta de Venusia). O texto é un dos anacos dos 'Ensaios dun ocioso' de Yoshida Kenkō do que xa tivemos ocasión de falar noutras ocasión. A imaxe é un dos máis célebres cadros de van Gogh. Un faime de voluntaria (en mín) ou involuntaria (no autor) écfrase do outro...


"Un ermitán dixo unha vez: 'Hai unha cousa á que incluso eu, que renunciei a tódalas ataduras mundanais, lamentaría ter que renunciar: a beleza do ceo'. Podo entender porqué sentía deste xeito".

sábado, junho 09, 2012

Escola 0.0

"Hai moitas cousas na internet: por exemplo, o 50% do seu contido é pornografía, como sinala Hedges, o que responde a unha certa demanda do mercado e cumpre unha función ao servizo da sociedade. Na internet están as revistas científicas, que non se poden consultar gratuitamente, senón a prezos desorbitados impostos polas tres multinacionais que controlan ese tipo de mercado, e na internet tamén hai miles e miles de libros. Un libro é un libro, xa estea gravado en pedra, arxila, pergamiño, papel ou nun soporte electrónico. Un libro é un texto máis ou menos longo e complexo que esixe un esforzo de lectura e comprensión, xa sexa segundo un relato, un argumento, un discurso ou unha demostración matemática. O desprezo cara os libros que se está implantando en España dentro do chamado "proceso de Bolonia" non pode ser un desprezo ao papel imprenso, senón que en realidade é un desprezo ao pensamento.

No uso da internet, como analizou Nicholas Carr, pódese caer baixo o dominio da superficialidade. Os programas informáticos facilitan a procura de datos previamente recistrados e detectables mediante programas de procura (os non rexistrados nin detectables pasan simplemente a non existir), polo cal quen controla o rexistro e o patrón de procura controla e crea a realidade. Nunha procura de datos de tipo x cun programa e, todos os usuarios acaban por atopar os mesmos datos, razón pola cal a internet pode ser un instrumento esencial á hora de uniformar o pensamento. E é por iso polo que os deseñadores do "proceso de Bolonia" admiran o Grande Irmán da internet.

Por outra banda, a internet, como sinala N. Carr, privilexia a conectividade sobre o fluxo lineal mediante o uso constante de links, cada vez máis breves, máis numerosos, que obrigan a desprazar constantemente a atención e a abandonar a trama narrativa, discursiva ou demostrativa, facendo que o internauta poida perderse polos camiños do bosque. A internet e todas as ferramentas dixitais existentes, cuxo deseño é o froito do traballo, o esforzo e a intelixencia, son iso, ferramentas utilizables para un fin, mellor ou peor, segundo a intelixencia e os coñecementos de quen as utilice. En España, pola contra, e no "proceso de Bolonia" en concreto, a internet é a bandeira baixo a que se está predicando o odio ao pensamento, á intelixencia e ao espírito crítico, e baixo a que se pretenden uniformar e someter as comunidades académicas dentro dun molde común de mediocridade". 

José Carlos Bermejo Barrera, Os Señores da mentira