No último ano e medio, o meu hobby-horse é a poesía chinesa clásica (sobretodo, a anterior á ocupación de China polos mongois, en 1279). Non se pode dicir que este eido conte con escaseza de tradutores nas linguas europeas: centrándonos tan só en autores da dinastía T'ang, conseguín non menos de 21 volumes monográficos adicados á tradución/antoloxía e/ou estudo de outros tantos poetas da que sen dúbida é a era do seu maior florecemento en sínicas terras.
Nembargantes, a abundancia aumenta -no canto de reducir- a cobiza por aqueles autores albiscados escasamente en volumes colectivos e que malia o prometedores que resultan nesa lectura, non conseguiron espertar a interese de tradutores e editores (bon, ás veces sí dos primeiros, normalmente no seo dunha tese doutoral de estudo de autor e obra, mais como imaxinaredes, as teses moi raramente chegan a libros normais e mercables). Deixo aquí unha pequena lista de 6 poetas clásicos que ben merecen o seu volume, e a esperanza de que algún día topen co seu verquedor ás letras anglosaxonas.
Encabeza a miña lista Liu Yuxi (劉禹錫), un filósofo, poeta e ensaísta de mediados da dinastía T'ang (772-842) e seguramente un dos máis destacados rapsodas do movemento das 'Novas Baladas', un tipo de poesía confuciana crítica e de compromiso social. É coñecida a historia de que por uns versos foi exiliado, e cando retornou, teimudo, escribiu outro poema que continuaba o anterior, gañando con el outro novo desterro. Aproveitando este aloxamento en zonas remotas e entre xentes de etnia diferente, topou a inspiración para un ciclo de poemas folclóricos de moita sona (as Cancións da póla de bambú).
Seguen en interese Lu Zhaolin (盧照鄰) e Luo Binwang (駱賓王), ámbolos dous de comezos da dinastía homónima, e ámbolos dous agrupados por parte dos historiadores da literatura chinesa nun grupo de 'Catro Eminencias Literarias de Comezos de T'ang' (初唐四杰). Ao parecer, son moi coñecidos no seu país por un tipo de prosa requitadísima, erudita, rimada e paralelística que chaman bianwen, e que non topa interese algún nos tradutores, mais os seus poemas tampouco corren mellor sorte, agás un par de pezas antologables. Binwang ten sona pola súa participación na revolta contra a Emperatriz Wu, unha das poucas mulleres que foi quen de rubir ao trono do dragón, e contra a cal elaborou un famoso manifesto. Zhaolin esperimentou problemas e dores físicas toda a súa vida, e ten melancólicos poemas onde retrata árbores murchas e paxaros solitarios.
De finais da dinastía é a figura de Luo Yin (羅隱), un xenio satírico físicamente moi pouco agraciado e con ben pouca sorte nos exames dos mandaríns, e que versificou entre outras cousas sobre a vida da aristocracia capitalina, os heroes e homes do pasado, os festivais taoístas e outros fenómenos, sempre dende un gusto orixinal e barroco polo espectral, o irónico e o funerario.
Por último, mencionarei a unha parella de monxes poetas: Guanxiu (貫休) foi un grande pintor e calígrafo, amais de monxe e poeta, sendo o autor dunha obra mestras das artes plásticas chinesas nun conxunto de dezaseis arhats, logo copiado noutras épocas e países. Os seus versos inclúen un percorrido pola linguaxe da ilusión e da alucinación elegante, como reflexan os paraísos minerais dalgúns dos seus poemas. Polo que toca a Qíjǐ (齊己), este foi un amante das terras acuosas e das lagoas do sur de China, e refractou os temas e imaxes tradicionais a través da dogmática budista da transitoriedade e carácter ilusorio das cousas, superando o recurrente memento mori cunha resignación e ecuanimidade tranquilas.