Dun tempo a esta parte, o mantedor descubriu un certo fascinio polo Confucianismo, como unha parte non pequena da súa máis xeral atracción cara a cultura clásica chinesa. E anque un forte escepticismo racionalista me imposibilita polo xeral aprezar as relixións máis alá de como interesantes fenómenos estético-culturais, hai moitos elementos nas doutrinas do mestre Kung e os seus seguidores que axudarían a convertilas no meu credo se me vise tentado de adoptar unha confesión.
Entre os elementos que me atraen do credo estremo-oriental, poderíamos citar os seguintes:
1) O seu carácter mundanal. A relixión confuciana cifra o seu fin no 'reino deste mundo'. Lonxe de amplos panteóns, alambicadas teoloxías, paraísos e infernos, a liña dominante do confucianismo négase a falar da posibilidade de deuses ou de posibles vidas despois da morte ("O Mestre nunca falaba de prodixios, violencia, desordes e deuses"). Entre os seus seguidores, as atitudes cara a trascendencia van dende o agnosticismo escéptico ata a crenza nunha forza cósmica impersonal e benévola con maior ou menor capacidade de influencia nos asuntos humanos.
É por iso que para moitos occidentais, o Confucianismo aseméllase máis a unha filosofía ético-moral que a unha relixión strictu sensu. Porén, o certo é que sí contén moitos elementos relixiosos, anque dentro dun concepto do relixioso algo alonxado do occidental, e do que non temos tempo para falar hoxe.
2) O seu activismo social. Relacionado co punto anterior, o eixo fundamental das doutrinas de Confucio é ético: o seu obxectivo é crear unha sociedade xusta e equilibrada sobre a terra, onde os humanos vivan en harmonía e cultiven ao máximo as súas virtudes. Este cultivo do eu non é, porén, un narcisismo ao xeito posmoderno. A mellora do individuo (que aprende a controlar as paixóns, a percibir o verdadeiro e a comportarse de xeito ético) proxéctase necesariamente cara o exterior. Non chega con converterse nunha persoa cultivada: o confuciano sente a obriga moral de influír e axudar aos demais a progresar tamén nun camiño de progreso onde todos temos o potencial natural de converternos en sabios. O ideal do 'sabio' está exento en xeral de supernaturalismo: é o home que conseguiu dominar as paixóns e os desexos que cegan aos 'homes pequenos', que ve con claridade e que necesariamente traballa por mellorar a comunidade á que pertence a tódolos niveis (familiar, local, nacional, mundial). Do mesmo xeito que para Aristóteles, o ser humano é para Confucio un 'animal político', que só pode vivir (e realizarse) na relación cos demais seres da especie.
Dentro deste activismo social, soe haber un forte elemento de 'solidariedade e apoio aos débiles e explotados', aos que o gobernante ten a obriga de protexer, baixo pena en caso contrario de ser un tirano que perdeu a lexitimidade para gobernar ( 'Mandato do Ceo') e que merece ser deposto.
3) O seu aprezo polo pasado e as súas manifestacións culturais, estéticas e textuais. Moi diferente do noso culto ilustrado pola modernidade e o progreso, o pensamento tradicional chinés (coma o de moitas outras partes do mundo, incluída a nosa tradición xudeo-cristiá) tende a situar a utopía no pasado, e non no futuro. No Confucianismo, idealízase o periodo de bo goberno, na remota antigüidade, dos 'Reis Sabios' Yao e Shun, e o periodo de comezos da dinastía Zhou (o goberno dos reises Wen, Wu e Cheng e do bo ministro Tan, o Duque de Zhou). O culto a este 'idade dourada', cando tódolos homes eran virtuosos e non había necesidade de leises e castigos leva a un respecto reverencial polos fragmentos culturais dese pasado (ritos, textos, poemas, música), dos que os Confunciáns serán fervorosos depositarios. Sen chegar a este estremo, Fravernero valora tamén cunha devoción case idolátrica as diferentes produccións artísticas, literarias e filosóficas da humanidade, e anque non cré en utopías no pasado, tamén descré que o 'progreso' sexa sempre positivo, e o presente, en tódolos aspectos, mellor do que tivemos antes.
4) O seu aprezo polo estudo: As diferentes escolas non están dacordo arredor da bondade (Mencio) ou maldade (Xunzi) da natureza humana; porén, sí concordan na crenza de que tódolos homes conteñen o potencial (e a obriga) de mellorar moral, estética e intelectualmente (o Confuciano, a diferencia do occidental, non distinguiría tallantemente entre as esferas do correcto, do fermoso e do verdadeiro), e en consecuencia, o Confucianismo valora enormente a educación, a aprendizaxe, a ensinanza. A educación intelectual e moral é o piar no que sustentaba a praxe mesma do Mestre.
5) Os seus valores meritocráticos: a sociedade ideal confuciana é unha na que os humanos aprenderon a comportarse solidaria e humanamente consigo mesmos (o concepto clave é o de ren, 仁, que soe traducirse por 'humanidade', 'solidariedade', 'altruísmo'). Nesta sociedade, os máis avanzados na virtude son os que deben gobernar, mais non recurrindo xamais á forza (potestas) senón mediante a admiración e emulación que produce a súa virtude; esta virtude (en chinés, de 德) percíbese como unha especie de forza ou capital carismático, unha auctoritas que leva aos menos virtuosos a obedecer de bon grado e a emular ao seu posuidor.
Non está exento, porén, o Confucianismo de cousas que me desagraden, ou cuxa importancia e uso non valoro ou entendo mal (a importancia do ritual, a excesiva tendencia á xerarquía, á subordinación da muller e ao servilismo co poder establecido), mais contando tódalas cousas na balanza, non deixo de sentirme atraído por este 'humanismo chinés' do que día tras día aprendo (e quero aprender) máis.