sexta-feira, outubro 31, 2014

Libros do Mes

Time out of Joint de Philip K. Dick

City of Quartz de Mike Davis

Ratzinger’s Faith: The Theology of Pope Benedict XVI de Tracey Rowland [E]

*Palazzo Te: Giulio Romano’s Masterwork in Mantua de Ugo Bazzotti

*Como sobrevivir a la ESO y ser feliz de Eduardo López Prieto [E] [R]



domingo, outubro 26, 2014

Efecto Bolboreta

Nun artigo moi interesante, os investigadores Paul A. Kirschner e Jeroen J. G. van Merriënboer adícanse a desmontar algunhas das lendas urbanas que circulan arredor da educación e que conforman a praxe e unhas direccións educativas ás que os sufridos docentes nos vemos obrigados a someternos. Unhas desas lendas é que as novas xeracións son "nativos dixitais", cun coñecemento e dominio case intuitivo dos computadores e similares e que en consecuencia, aprenderían "doutra maneira" (interconectada, multitarefa, intertextual). Mais o certo é que as investigacións empíricas parecen amosar o contrario: o coñecemento das tecnoloxías por parte dos mozos é moi básico e limitado a destrezas básicas (emprego de correo e redes sociais e de mensaxería) e amósanse incapaces, sen axeitada formación, de aproveitar de xeito creativo as posibilidades educativas das novas tecnoloxías. Aínda peor: son vítimas do "efecto bolboreta":

"O que realmente estamos a observar é a unha xeración onde os aprendices diante dos computadores compórtanse coma bolboretas deslizándose arredor da información das pantallas, tocando ou non tocando pezas de información (os hipervínculos) e voando rápidamente á seguinte peza de información sen tomar conciencia do seu valor e sen nengún plan (...). Os estudantes son seducidos para que clikeen nos links, habitualmente esquecéndose do que estaban a pescudar. Este 'deslizarse' leva, no mellor dos casos, a unha moi fráxil rede de coñecementos. Moitas pescudas rematan nunha poza estanca de quizaves interesantes mais irrelevantes anacos de información".

terça-feira, outubro 21, 2014

Hoax

Alédame sobremaneira descubrir que o arresto de Banksy foi un engano, xa que é un dos pouquísimos artistas contemporáneos (meus) cuxas obras aprezo e admiro a partes iguais tanto no estético coma no conceptual. E por moitos anos, agardemos (e a proseguir discusións arredor do graffiti como unha das belas artes)...

quinta-feira, outubro 09, 2014

Cidade-Cárcere

En última instancia, os obxetivos da arquitectura contemporánea e da policía converxen de xeito chocante arredor do problema do control das masas. Como temos visto, os deseñadores de centros comerciais e de espazos pseudo-públicos atacan á multitude a través da súa homoxeneización. Constrúen barreiras arquitectónicas e semióticas para filtrar aos "indesexables". Pechan á masa que fica, dirixindo a súa circulación cunha ferocidade behaviorista. Esta vese estimulada polos estímulos visuais, abotargada polo muzak, algunhas veces incluso perfumada con ambientadores invisibles. Esta orquestación Skinneriana, cando está ben artellada, produce unha evidente sinfonía comercial dunha marabunta de mónadas consumidoras movéndose dunha caixa rexistradora a outra.

Mike Davis, City of Quartz

domingo, outubro 05, 2014

Rule, Britannia

A vila natal da miña dona, Shimonoseki, conta con algunhas edificacións curiosas. Unha delas é o santuario de Akama, adicado á memoria do neno emperador Antoku e os seus parentes do clan Taira, afogados perto do templo trala batalla naval de Dannoura que se descrebe de xeito emotivo e maxistral no Heike Monogatari. Outra, pertencente case a outra galaxia ou universo cultural, é o antigo edificio do consulado británico, construído en 1906: unha arquitectura tan anglosaxona e fora de lugar na súa contorna que tal parece que aquel tornado do Wizard of Oz decidiu ignorar a Dorothy desta volta e levar consigo de vacacións a Xapón unha desas casiñas tradicionais de tixolo e mármore que tanto abundan nos cascos vellos e entre a burguesía acomodada das inglaterras.



















Este mesmo ano completouse a renovación e restauración do edificio, que agora funciona coma museo, tenda e restaurante de comida inglesa de calidade. Nesta última faceta puiden disfrutalo nos días do verán pasado, cando alén de para praceres gastronómicos, o ex-consulado serviume de ancoraxe nostálxica e culturalmente próxima nun océano de exotismos e de sensacións de "non é aquí o noso sitio".

A infancia de Antonio Machado, se lembrades, eran lembranzas "de un patio de Sevilla / y un huerto claro donde madura el limonero". A miña é un chisco máis cosmopolita, e inclúe sobretodo esceas da miña vila natal, con longos paseos escoltados por piñeiros monumentais, sólidos e sensatos edificios victorianos de tixolo vermello e estilos eclécticos, rampas en zig-zag en outeiros de arenisca que descenden ata longas praias e peiraos inzados de restaurantes, atraccións e penny arcades, ou grandes parques onde os esquíos baixan a comer froitos secos á túa man e que de noite se enchen de frascos de coloreado cristal con velas dentro, formando unha cromática sinfonía nocturna...

O consulado foi, porén, unha pequena máquina do tempo e do espacio para mín, tal a TARDIS do tamén britaniquísimo doutor Who, e un recordatorio de que, alomenos no meu caso particular, os  restos culturais ingleses non son tan só testemuño de barbarie, imperialismo e dominio, senón (para min) de nostalxia, de amor e de pertenza.