A cidade do Apóstolo, alén de acoller no seu seo a arca plateada cos presuntos restos de Santiago, é de seu unha arca misteriosa de granito labrado e chea de tesouros ocultos e antergos. E malia os anos que teño debullado alá descubríndoos, sempre xorde de cando en cando unha nova revelación. A de hoxe ven da man de Filgueira Valverde, que no seu Adral nos informa (sob o título "Unha xoia do Renacemento Italián en Compostela") dun retábulo garrido e lanzal, tallado en mármore de Carrara e que se atopa no pazo de San Lourenzo, construcción adxacente á carballeira do mesmo nome, no campus sur, e pola que teño pasado diante centos e centos de veces cavilando fuxidíamente no que poderían agochar os seus muros.
A peza en cuestión deseñárase para o convento de San Francisco o Grande, en Sevilla, coma lembranza do finado marqués de Ayamonte don Francisco de Zúñiga e Guzmán. O emparellamento desta casa cos Moscoso e outras vicisitudes posteriores levaron a que no século XIX, a obra en cuestión, froito dos traballos e os días de Bernardo Gaggini, Antonio María di Aprile e Antonio della Scala, rematase por chantar as súas lousas en situal galaico e compostelán. De quixerdes ter máis detalles da obra podedes consultar o artigo denantes citado, máis déixovos eiquí unha lambetada virtual nesta foto da cabeceira da igrexa co retábulo, na que podedes picar para ver os seus trazos máis polo miúdo.