segunda-feira, agosto 31, 2015

Reseñas - O Museo da Inocencia

O Museo da Inocencia (no orixinal, Masumiyet Müzesi)

Orhan Pamuk

2009, Galaxia

* * * * (bo)

Curioso percorrido entre o folletín sentimental e romántico e as antinomias dunha Turquía a modernizarse. 

[Rescato a seguinte reseña dunha das que fixen no seu día para a prensa e que non chegou, ou xa esvaeceu, dos currunchos dixitais. 'O Museo da Inocencia' era daquela a última novela de Pamuk e, por paradoxos, a primeira que eu lle lín, dando comezo a unha feliz singladura que continúa nos días do presente...]

Foi labor dos grandes pensadores decimonónicos e da escrita modernista o de botar por terra os antigos ídolos nunha sorte de nova iconoclastia. Así, don Carlos (non de Schiller, senón de Tréveris) bradaba contra o fetichismo da mercadoría nos interiores do Kapital,  o ‘matasáns vienés’ Freud desenmascaraba a razón humana como fráxil gamela envolta nun mar de adversidades e un Nietzsche sifilítico avisábanos do crepúsculo dos ídolos. É nun espírito similar no que o premio novel Orhan Pamuk leva adiante na magnum opusO museo da inocencia’ un desmonte crítico e tenro á vez dunha serie de ídolos, espectros e fetiches que oprimen á Turquía e ao Estambul natais.

Nunha primeira lectura, ‘O museo da inocencia’ aparenta un clásico romance de amor e paixón frustrada: a do protagonista Kemal, mozo de clase medio-alta do Estambul dos anos 70. Pouco antes do seu casamento, a personaxe topa cunha parente lonxana, Fusün, da que se namora perdidamente e coa que vive un breve idilio que o marcará de por vida, e que lle servirá de estímulo para crear un ‘museo da inocencia’ a partires das lembranzas, memorias e artefactos variados que lle lembren o que el mesmo alcuma ‘o momento máis feliz da miña vida’: os días de romance e máis especificamente, a derradeira tarde coa muller amada na que esta perde un pendente, primeiro obxecto do particular ‘museo’ de Kemal.

Entretecido coa creación do museo temos un amplo fresco da sociedade turca dos últimos 30 anos, onde é doado albiscar o conflicto e as tensións entre unha clase media-alta que escolleu o camiño da modernización occidental marcado polo pai dos turcos, ‘Ataturk’ (non en van o protagonista leva o mesmo nome que o heroe nativo) e unha masa popular e unhas tradicións que apuntan ao pasado islámico (brillantemente exemplificado na Festa do Sacrificio) e ás formas opresivas e tradicionais de matrimonio e sexualidade. A xeración de Kemal vive a tensión entre os dous polos, dándolle as costas a unha pasado aínda presente de pobreza e tradición que retorna, coma todo o reprimido, con vinganza, e que tece un abafante marco de presión social e de conformidade que impiden o florecemento da paixón amorosa, mais alá da forma enfermiza da colección de obxetos-fetiches cos que lembrar o que foi, xa non é e nunca voltará a ser. Os obxetos tentan eternizar no seu ámbar estático e material o instante fugaz, e poderíamos dicir que toda a composición da novela, composta de pequenos capítuliños e semblanzas, é de por sí outro ‘museo da inocencia’, coas palabras e as experiencias, e que organiza Kemal en paralelo ao museo ‘físico’ das lembranzas de Füsun. Porque as verbas e a linguaxe son outro fetiche co que o narrador tamén xoga: un narrador intrusivo en primeira persoa que non dubida en aconsellar e dirixirse directamente o lector, non sen certa ironía, como cando aconsella o salto de páxinas nas que o sexo coa amada aparece explicitamente descrito.

 É ‘O museo da inocencia’ unha silva complexa e múltiple de variada fermosura e sabedoría como só saben contela as boas e vellas novelas antano, cando a novela era certa e a forma definitiva e clásica para cristalizar a vida contemporánea na súa complexidade. Para un fresco dunha sociedade complexa, entre o perto e o lonxano (Pamuk desmonta visións reduccionistas e exóticas de Turquía xa dende o xogo irónico da foto da portada, que na edición galega agocha na lapela a Hagia Sophia que enclava á novela no imaxinario europeo de Istambul), ao tempo que para unha lectura entretida e de calidade, a última obra de Pamuk, afortunadamente traducida ao galego, é xa unha referencia indispensábel.  

Libros do Mes

The Peripheral de William Gibson

A Significant Season: Cai Yong (Ca. 133-192) and His Contemporaries de Mark Laurel Asselin

A Millennium of Turkish Literature de Talat S. Halman [E]

O Castelo Branco de Orhan Pamuk

Venus and Adonis de William Shakespeare [R]

*The White Castle de Orhan Pamuk [E]

*Readings in Chinese Literary Thought de Stephen Owen [E]

*Piers Plowman de William Langland

quinta-feira, agosto 27, 2015

Follas Soltas

Navegando polas hemerotecas virtuais, topei dispoñibles unha boa presada dos artigos, reseñas e entrevistas que escribira entre os anos 2009 e 2013 para a sección cultural ABC+D Galicia do xornal ABC. Malia que boto moitos textos en falta (a reseña do Códice Calixtino, ou a das Cartas de condenados a morte de Alonso Montero, por poñer dous exemplos) entre as que topei, algunhas pode que resulten do voso interese, polo que volas vou organizar aquí baixo os seus correspondentes titulares e ligazóns. 


Reseñas

Outono aquí de Mario Regueira

Chámome Vermello de Orhan Pamuk

1Q84 de Haruki Murakami (libros 1 e 2)

1Q84 de Haruki Murakami (libro 3)

Neve de Orhan Pamuk

O Libro Negro de Orhan Pamuk

Sonetos de Shakespeare de Ramón Gutiérrez (tr.)

Ártico 2.0 de Xavier Queipo

C de Tom McCarthy

Ramón Cabanillas de Luis Rei

O home é o grande faisan do mundo de Herta Müller

A voz da auga de María do Carme Krukemberg

Diáspora de Marineves Soutelo

Antitese Nativa de Manuel López Rodríguez



Entrevistas

Salman Rushdie, escritor

Ramón Blanco, poeta, autor de Emily on the Road

Javier Gómez-Montero, director do proxecto Urbes Europaeae

Carlos Gabriel Gracia Báez, director do Collegium Musicum de Galicia

Angelo Pagliuca, director de orquesta


Efemérides

Día das Letras adicado a Lois Pereiro

Día das Letras adicado a Paz Andrade

Día das Letras adicado a Uxío Novoneyra

Centenario de Álvaro Cunqueiro

Medio século de Memorias dun Neno Labrego


Outros (reseñas de teatro, música, exposicións...)

Exposición «Santiago punto de encontro»

Exposición Colección Zanchi

Exposición Pórtico da Gloria en 3D

Especial: Entroido

Segunda edición de LITVI, Encontro de Literatura de Viaxes

Kosmogonías de Berrogüeto

As Actas Escuras de Vidal Bolaño, montaxe do CDG

Todos eran mis hijos de Arthur Miller, montaxe de Carlos Tolcachir

quarta-feira, agosto 05, 2015

Tughra





















Entre as numerosas e fascinantes artes do Imperio Otomano cumpre destacarmos a tughra ( طغرا‎ tuğrâ), unha especie de sinatura caligráfica coa que os sultáns ilustraban documentos oficiais, moedas e incluso linteis de portas de cidades.

Cada sultán, agás o primeiro, tivo a súa propia tughra (podedes contemplalas todas eiquí). Porén, todas contan cunha serie de elementos comúns; beyze (as dúas curvas ovais á esquerda), tuğ (tres liñas verticais, no centro), zülfe (tres liñas en forma de s que penduran dos tuğ), hançer (as dúas liñas da man dereita, opostas aos beyze) e sere (abaixo, onde aparecía o nome do sultán, do seu pai e algún título, coma 'sempre victorioso').

A mostra e enriba é a tughra de Solimán o Magnífico, e en correcto paralelismo co seu asinador, unha das figuras máis fermosas, estilizadas e destacadas de todas estas caligrafías.